0 Gardados para despois

“A fórmula que xa non funciona é a da prensa que vive de créditos bancarios e favores políticos”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Margarita Ledo foi unha das persoas que subscribiron, o pasado marzo, a candidatura de Víctor Freixanes á Presidencia da RAG. Tras formar parte da Executiva anterior da Academia nun tempo "moi crítico", segundo ela mesma o define, descartouse a si mesma como posible sucesora de Alonso Montero. Nesta entrevista desgrana os motivos da súa decisión, ademais de repasar con nós o seu traballo como xornalista, escritora, cineasta, investigadora e profesora. Unha traxectoria que a levou a recibir, hai uns poucos meses, o premio 'Facer País' da Asociación Cultural Val de Láncara.

Estudou xornalismo en Barcelona. De que maneira influíu ese tempo na súa traxectoria posterior en canto a compromiso político, cultural, etc?

Ben, cando chego a Barcelona, nun tempo de auxe da contestación social, xa levo unha certa idea de que non me gusta o que me rodea. Lembro que unha vez fixen autostop desde Lugo ata Santiago cunhas compañeiras do bacharelato para ver se viamos algunha manifestación. Era finais dos 60 e algún eco, aínda que fragmentario, chegábanos do que estaba acontecendo: o maio do 68… Tiñamos moita curiosidade e unha certa intuición sobre o galego como lingua que non agradaba ao poder. Tiveramos como profesor de literatura a Camilo Gonsar, que era un home retraído e enigmático. Escribiamos unha sorte de consigna sobre o galego no encerado, e el ría… Iamos descubrindo que había un mundo arredor do galego que non era só o dos clásicos, o dos poucos libros que podías atopar na casa…

“Unha vez fixen autostop desde Lugo ata Santiago cunhas compañeiras do bacharelato para ver se viamos algunha manifestación”

Cando marcho para Barcelona levo comigo o Cousas de Castelao porque a lectura de A Marquesiña situárame na sintonía da conciencia do galego como lingua asociada ás clases populares. En Barcelona, a escola de xornalismo estaba, ademais, moi perto da praza da Universidade, que era o centro da convocatoria de manifestacións. E tiven compañeiros que eran xente moi comprometida e afeita á actividade política. Comecei a ir con eles a manifestacións, asembleas… Ao mesmo tempo, tiven un contacto moi natural co federalismo, que tiña como un certo eco do galeguismo republicano…

“A lectura de A Marquesiña situárame na sintonía da conciencia do galego como lingua asociada ás clases populares”

Unha compañeira de curso, Amparo Moreno, deume unha vez os Dez puntos da UPG. Aquilo foi para min, naquela altura, como unha concreción das miñas ideas. Comecei entón a militar. Estaba en contacto con grupos de galegos, -até estivemos un tempo na dirección do Centro Galego de Barcelona-, relacionábame tamén con grupos da emigración en Europa... Despois, ao acabar, traballei uns meses en El Ideal Gallego, e a seguido pasei para a clandestinidade e exilieime en Portugal, ata que me amnistiaron.

En Portugal publicou algúns artigos asinando con seudónimo. Como mantivo, entón, a actividade política?

Facía un traballo de buscar apoios para o que daquela se chamaba loita de liberación nacional e social: do Movimento das Forças Armadas (MFA); do Partido Comunista Português (PCP); do Movimento de Esquerda Socialista (MES)... Colocabamos propaganda en zonas polas que baixaba xente de Galiza a Portugal. Sobre todo, na libraría Leitura, no centro de Porto.

Despois entrei a traballar na Universidade de Porto como leitora de galego. Organizabamos actividades, como por exemplo as primeiras Xornadas de Cultura galega, no ano 75, nas que estiveron representantes da política e da cultura galega e portuguesa. Proxectamos na Facultade de Letras o documental Universidade Comprometida de Carlos Velo; fixemos unha gran exposición sobre libro galego para a que responderon moi ben todas as editoras ás que nos diriximos… Organizabamos tamén comicios, como un contra os procesos contra ETA e o FRAP [os últimos asasinados do franquismo, semanas antes da morte do ditador]; ou outro, no 75, co PSAN-P, ETA e a UPG para tratar as posicións do nacionalismo na ruptura democrática…

“Organizabamos tamén comicios, como un contra os procesos contra ETA e o FRAP”

Para alguén que viviu, precisamente, todo aquilo, debe ser abraiante que a estas alturas condenen unha muller por uns chistes sobre Carrero Blanco.

Xa daquela comezaba a advertirse, ao irse concretando a reforma política. Aínda que cando montamos A Nosa Terra estaba todo máis ou menos desregulado: publicamos reportaxes sobre o aborto, o divorcio, os presos comúns… As seccións do xornal eran Nacional, Estado e Mundo, no Ministerio soubérono e ninguén dixo nada… Pero despois todo mudou e, sobre todo despois do 23-F, comezan a montar a “reconversión”, vía PSOE de Felipe González, e empeza a esfarelarse todo, a haber moi pouca capacidade de contestación social…

“Cando montamos A Nosa Terra estaba todo máis ou menos desregulado: publicamos reportaxes sobre o aborto, o divorcio, os presos comúns”

Por que deixa de interesarlle o xornalismo nos 80? Comeza a orientar a súa carreira cara á docencia.

É que non había lugar para unha persoa que estivera no exilio e na UPG. Cando volvín de Portugal tentei reincorporarme no Ideal, porque eu marchara debido á persecución política. Pero non había sitio para alguén coa miña afiliación política. O que podía facer, como colaboradora, en medios de comunicación a nivel estatal, tampouco me convencía moito.

“Non había lugar na prensa para unha persoa que estivera no exilio e na UPG”

A saída que me quedaba sería unha praza institucional, nunha Deputación ou nun Concello. Penseino, e souben que non estaba disposta a traballar naquilo. Por iso decidín reciclarme para a docencia, e non me arrepinto. Fixen unha tesiña sobre prensa e galeguismo e presenteime a unha praza na Autónoma de Barcelona, onde comecei a traballar no 83.

No 70 publica Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto. No 73, O corvo érguese cedo. No 83, Mamá-Fe. A súa escrita, -é moi visible neste último libro, moi irónico ademais- ten unha forte pegada antipatriarcal. Debeu amolar bastante.

Sobre todo Mamá-Fe, si. Eu escribía máis por publicar en galego. E Mamá-Fe resultou de lectura difícil naquela altura. Non comezou a ser lido de xeito atinado até 20 anos despois. É un tipo de escrita, efectivamente, moi antipatriarcal, moi fragmentaria, con elementos reais, algúns persoais e outros históricos, e con sinais que aparecerán despois en todo o que faga. Mais si, desconcertou moito.

“O libro Mamá-Fe non comezou a ser lido de xeito atinado até 20 anos despois”

As mulleres da súa xeración, ademais, moito terían que aturar naquel tempo. Temas como o maltrato ou o acoso non estaban na axenda mediática nin política. Conta Nanina Santos que, daquela, acusábanas de dividir a clase obreira… Aínda hoxe, o machismo de esquerdas é unha realidade, en boa medida, moi agochada.

Non se falaba nin se pensaba que estes temas fosen estruturais. Era así como se percibía a realidade do maltrato. Estaba tan oculto que nin se chegaba a comentar. Eu son dunha vila, e nos sitios pequenos, claro, o que acontece sábese. Mais vías como un pai lle pegaba co cinto á súa filla e o que pensabas era que era unha mala persoa. Non o lías como un comportamento machista. A nivel de medios de comunicación, era un problema que non existía. E iso axudaba a que non se vise.

“A realidade do maltrato estaba tan oculta que nin se chegaba a comentar”

E tampouco tiñas moito acceso aos espazos privados das persoas. A nivel de militancia, na vida clandestina, non tiñas moita relación coa xente, máis alá das xuntanzas puntuais… Supoño que Nanina se refire a despois, á Transición. De todas maneiras, tamén é verdade que o MCG, no que ela estaba, comezou moi cedo a reivindicar os dereitos das mulleres. E o propio Terra e Tempo, no 77, xa trata temas relacionados con isto. Así que, a nivel de posición pública, a UPG estivo tamén entre as organizacións pioneiras.

Tamén a súa novela Trasalba ou Violeta e o militar morto, do 1985, amolou bastante. Por que?

Talvez porque resulta doado recoñecer a figura de Otero Pedrayo. Mais non é un libro literal. Traballa con espazos oterianos, coa idea da Mitteleuropa, coa reacción do personaxe, doutra clase social, incrustado na vida campesiña… Non hai moito, Anxos García Fonte publicou un artigo no que fala sobre este libro en Estudos Galego-Brasileiros 4, da Universidade da Coruña, no que analiza por exemplo como trato a educación sexual da fidalguía na época, como dou cuns determinados resortes… E isto ocorre 30 anos despois da publicación do libro.

En Porta blindada, do 1990, reconstrúe a historia de Antón Moreda. Un galeguista abandonado á súa sorte. E non foi, desgraciadamente, o único.

Si, é unha eiva que parece que se converte nunha rutina. El vivía no hospital psiquiátrico de Castro, ao lado da miña casa natal. Preguntaba por min, e un día fun velo. Falamos varias veces, de vagar, e acabou contándome a historia da súa vida. El quería saír do manicomio, e había posibilidades de que o fixese, pero para iso precisaba ter un traballo e asistencia médica fóra. Aí si que lle fallaron os seus coetáneos, porque non tivo axuda. Isto foi no 77, e levaba alí desde o 66.

“Antón Moreda quería saír do manicomio, pero para iso precisaba ter un traballo e asistencia médica fóra. Aí si que lle fallaron os coetáneos”

Despois eu marchei para Barcelona e víao nos veráns. Pasou tempo, fun coñecendo detalles da súa complexísima historia, ata chegar un momento en que precisei botar todo aquilo para fóra. Escribín o libro e leveillo un día. Despois de lelo, díxome: “explicáchesme a historia da miña vida”. A publicación de Porta blindada fixo que el fose unha persoa máis coñecida. Aínda que sempre fixera cousas, -xa no hospital movérase para que houbese misa en galego-, a partir de aí comezou a ter moita máis actividade e a ser moito máis recoñecido. A parte americana da súa historia levoume a A cicatriz branca, onde el é o personaxe masculino.

A cicatriz branca xorde dunha investigación sobre mulleres emigrantes… E o que nos conta non é o tópico das mulleres que marchaban para facer de “acompañantes” dos seus maridos.

Si, eu traballei sobre as mulleres que emigraban soas. Mais, antes diso, a idea que eu mesma tiña era a das mulleres que emigraban cos maridos, porque é o que pasara na miña familia. Meu avó emigrara a Cuba, a muller fora con el, alí naceran as catro fillas, e despois volveron todos para aquí. Tamén na emigración europea era común que emigrase a parella deixando os fillos cos avós… Cando comecei a ir a Bos Aires, nos anos 90, decateime do estrañamento total que sentían as mulleres que emigraran soas. Moitas foran expulsas da communitas á que pertencían: por ter fillos de solteira, por ser fillas do crego, por teren sido abusadas sexualmente…

“Cando comecei a ir a Bos Aires, nos anos 90, decateime do estrañamento total que sentían as mulleres que emigraran soas”

Tiñan que marchar para o outro lado do océano, onde ían para servir. Vivían pechadas no espazo doméstico e mesmo as utilizaban, en moitas ocasións, para a iniciación sexual dos fillos dos señoritos. Lembro como me dicía Neira Vilas que non me esquecese de contar iso… Primeiro ía ser sobre as mulleres emigrantes dos anos 20, pero despois decidinme polos anos 50 porque me interesaba o tránsito do traballo de “mucamas” ao traballo asalariado, na industria textil, -todas sabían coser-, ou en industrias tóxicas como as fábricas de fósforos.

Antes de A cicatriz branca viñeran outros documentais: Liste, pronunciado Líster (2007) e Santa Liberdade (2004). Esta última historia fora un pouco esquecida…

Si, non era unha historia moi coñecida nin aquí nin en Portugal. Era unha das historias das que eu tiña referencia pola miña militancia política e porque algo aparecera en prensa. En realidade, comecei os meus filmes pola parte máis agradable da historia: a utopía, os 60… Despois a guerra, a derrota da idea do “home novo” a partir da figura de Líster, que encarnaba o que foi a Fronte Popular en Europa.

Un home que estivera na emigración, que se afilia ao PC no 27, cunha vida vencellada á historia máis ortodoxa da III Internacional... A película sobre Líster acaba no 61, que é onde comeza Santa Liberdade: a utopía, a loita de liberación… A cicatriz branca é o movimento forzado, sostido en todo o século, de masas humanas… Por iso as tres películas están relacionadas, son unha visión do século XX.

“As tres películas están relacionadas, son unha visión do século XX”

A historia de Líster tamén ten puntos escuros. O asasinato de anarquistas en Aragón…

Eu sei que Líster é un personaxe moi mal visto e tamén por iso o escollín. Creo que pasa isto, tamén, porque foi abandonado polo PC, entón ficou como unha figura residual, obxecto de máis fácil crítica. Nunca estiven no PC, mais si busquei moita documentación, tamén sobre o que pasou en Aragón.

"Eu sei que Líster é un personaxe moi mal visto e tamén por iso o escollín"

Non hai datos concluíntes sobre o baño de sangue do que falan os anarquistas e Líster, nunha entrevista co historiador americano Southword, négao. Iso si, foi unha época brutal. Unha das personaxes do filme, que representa os brigadistas internacionais, reférese a cando a esquerda se bota fóra da Historia e comezan a matarse uns a outros.

Tanto o documental sobre Líster como, por exemplo, o libro sobre Antón Moreda, atópanse no tránsito entre a ficción e o documental, o obxectivo e o subxectivo… No seu discurso de ingreso na RAG reivindica o “eu filmo”. Mais sempre o fixera. En Cine de fotógrafos fala da reportaxe como visión do autor que se roza co que está fóra, coa realidade. O mesmo di en Do cinema-ollo ao Dogma 95. En Foto-xoc e xornalismo en crise defende a foto de autor…

Mesmo unha ficción como A cicatriz branca cóntase como un filme documento. O que se relata ten detrás feitos comprobables, pero organízase a través dun discurso que é de ficción. A partir de aí, claro que falo do dereito á ollada, ao punto de vista, á propia escolma, ao propio relato, a partir da túa toma de posición. Eu traballo, como investigadora, desde a perspectiva dos estudos culturais, que busca visións novas…

“Claro que reivindico o dereito á ollada, ao punto de vista, á propia escolma, ao propio relato, a partir da túa toma de posición”

Falaba Stuart Hall do “persoal no político”. Do paso do lema feminista de “o persoal é político”, ao “persoal no político”, é dicir, non falar en nome das mulleres, senón falar como muller, porque es muller, como algo máis subxectivo no obxectivo. Porque é o que te conmove, o que che interesa, o que acabas trasladando ao espazo público. E tes que ter clara a túa posición. Eu traballo sobre as cinematografías en linguas non hexemónicas. Iso é o que me preocupa. Interésame saber por que faltan determinadas cousas, que é o que impide, por exemplo, que haxa un cinema normalizado en galego… Para iso analizo as políticas do cinema, as políticas lingüísticas…

"É o que te conmove, o que che interesa, o que acabas trasladando ao espazo público. E tes que ter clara a túa posición"

Cando se creou a Facultade, parte do obxectivo era que os xornalistas tivesen polo menos unha certa sensibilidade cara ao galego…

Era que tivesen conciencia de onde estaban. A lingua é un elemento necesario para estruturar un sistema galego de medios e iso ten que estar moi presente sobre todo nos medios públicos, que teñen o deber e a posibilidade de facer xornalismo en galego. Mais isto, na realidade, vai moi vencellado ás condicións políticas. A desaparición de medios en galego é un problema grave que dificilmente se pode reverter unha vez que pasa. E a Xunta de Galicia ten que asumir a súa responsabilidade neste aspecto. A diversidade non é só un concepto abstracto: implica un territorio e uns recursos necesarios.

“A lingua é un elemento necesario para estruturar un sistema galego de medios”

Pódese atopar aínda na bilblioteca da USC o documento Para un modelo de Facultade de Ciencias de Información para Galicia. Que diría que se conseguiu e que non, respecto ao proxecto orixinario da Facultade? Nas primeiras promocións, moitos alumnos tiñamos unha sensación de certa improvisación. Faltaban recursos materiais e humanos, outros eran inaxeitados para a súa función…

Falabamos antes de recursos e a Facultade era un recurso que lle faltaba ao xornalismo galego. Xa pasaron 25 anos e coido que si, que hai problemas importantes, como un perigo de abandono do galego na propia Facultade. Pasamos dun uso normalizado nas propostas escritas, nos traballos, nas aulas, nas comunicacións públicas… a un uso de arredor do 50 por cento. Efectos do “Decretazo” da Xunta, supoño.

“Os rapaces veñen coa idea de que o galego é unha materia e non unha construción comunal que identifica un país”

Os rapaces veñen coa idea de que o galego é “unha materia” e non unha construción comunal que identifica un país. Iso é dunha pobreza preocupante. Ademais, non ten sentido, porque o galego é unha marca que che permite definirte, representarte como es. Se andas dando voltas, escondendo un elemento de identificación tan forte, estás a renunciar a un signo de pertenza que deixa claro desde o principio cal é a túa posición. Non é o mesmo chegar a unha negociación sabendo quen se é e o que se quere que disimulando e dubidando. Se vas a un foro de alta tecnoloxía e falas en galego, a atención multiplícase. É un reclamo. É unha mágoa que non nos decatemos diso.

"Se vas a un foro de alta tecnoloxía e falas en galego, a atención multiplícase. É un reclamo"

A Facultade respondeu a un proxecto moi nacional, moi ligado ás posicións da Nova Orde Mundial da Información e a Comunicación, (NOMIC), canda á aplicación do coñecemento como mecanismo de adaptación... Eu coido que iso si se mantén. Penso por exemplo na comunidade de xornalistas galegos en Londres. Os que lle dicían a Feijoo que se preocupase non tanto polo Brexit e máis polo Galexit. Ese sentido tan vivo do idioma, da comunidade, é moi forte, e eu creo que algo ten que ver niso a Facultade. Esa capacidade de adaptación, de reacción ao recoñecerse nunha situación estraña, expulsados da súa realidade…

"Os primeiros anos os recursos da Facultade eran limitados. Mais saíron unhas fornadas boas, xente moi botada para adiante…"

Os primeiros anos os recursos da Facultade eran limitados. Mais saíron unhas fornadas boas, xente moi botada para adiante… Asemade, naquel tempo a actividade da Facultade era frenética. Agora é máis difícil que a xente vaia ás cousas. Aquel sentido do traballo colaborativo, da implicación na vida da Facultade… é moito menor agora. E eu coido que ten que ver cos plans de estudos cuadrimestrais, orientados á superespecialización, que coa súa fragmentación matan a capacidade de relacionar elementos diversos...

Pechou A Nosa Terra, Vieiros, Galicia Hoxe, tamén Xornal de Galicia… O mercado dos medios en galego vai a peor. Quedan cada vez menos e con estruturas máis precarias que nos 90. Algo está a fallar…

É un tema complexo e ademais a miña investigación xa hai tempo que non se orienta á realidade da prensa. Mais coido que hai que repensar a fórmula e voltar ao xornalismo como profesión, coas súas convencións. Que a información e a opinión estean ben diferenciadas, por exemplo, e que a información estea ben contrastada…

“O modelo, para min, é o catalán Ara. Un medio cunha liña soberanista que combina o xornalismo de servizos co gran xornalismo”

O modelo, para min, é o catalán Ara. Un medio cunha liña soberanista que combina o xornalismo de servizos co gran xornalismo. Teñen televisión por streaming, servizos interactivos… Unha oferta moi móbil e moi diversa, moi atenta aos cambios do mercado, cunha posición que os converte en centro do debate político. Porque un periódico non é un soporte para depositar unha serie de historias escritas collendo de aquí e e de alá, senón un operador da realidade… En calquera caso, o que parece claro é que a fórmula da prensa convencional xa non funciona. As empresas que viven das trampas, dos créditos bancarios e dos favores políticos. E non pasa só aquí. Tamén en Madrid…

En O diario postelevisivo, a primeiros dos 90, comentaba o problema que supoñía a progresiva concentración da propiedade dos medios de comunicación, os vínculos con grupos transnacionais… Agora é peor. A prensa é directamente, vía débeda, dos bancos. Onde quedan, entón, as convencións do xornalismo?

Por moito que os medios sexan dos bancos, quédalles pechar ou recoñecer os dereitos profesionais. Hai aí un conflito permanente, que non é de agora. O xornalista pode ter máis ou menos marxe. Como nos dicían a nós: “podes non escribir o que queres, pero ninguén te pode obrigar a escribir o que non queres”. Iso é o primeiro que ten que aprender un xornalista.

"Por moito que os medios sexan dos bancos, quédalles pechar ou recoñecer os dereitos profesionais"

Podes recorrer á cláusula de conciencia, que é o que faciamos nós nos últimos anos do franquismo. Dicía Montalbán que o primeiro que había que facer ao entrar nun medio era saber quen era o propietario. O segundo é furar para facerte o teu espazo, e iso non che vai vir dado. Se non temos iso, non precisamos xornais, porque para iso xa temos o Boletín Oficial do Estado. O peor é que che fagan crer que non tes marxe. Hai que pensar as fórmulas a fondo, ver como funcionan e ir construíndo o propio público, que non vai estar definido a priori.

“Dicía Montalbán que o primeiro ao entrar nun medio era saber quen era o propietario”

Mais aí tamén falla a sociedade. Se a xente non se preocupa de saber o que está a pasar, mal vamos. E creo que se iso pasa é porque os mecanismos de adormecemento funcionan moi ben. As pistas falsas, a banalidade para ternos entretidos, a falta de tempo... O poder consegue ternos enleados todo o día, de xeito que non che dá tempo a elaborar o que che interesa, a reflexionar…

“O peor é que che fagan crer que non tes marxe”

Como produtora, fixo CCV. Cineclube Carlos Varela. A produtora Nós tamén asina Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra.

Si, eu fun a produtora de Cineclube Carlos Varela, pero foi Ramiro Ledo quen fixo a montaxe, quen traballou co cine militante de Carlos Varela. Era unha serie de imaxes que había que organizar de xeito que puidesen descifrarse. Con Manuel María tiven relación desde moi nova, desde que estaba en primeiro de carreira…

"Eu volvera, tras unha estancia no Quebec, abraiada da potencia dun tipo de cine que facían alí, moi directo e comprometido, moi representativo do que era o país"

En canto á produtora Nós, eu volvera, tras unha estancia no Quebec, abraiada da potencia dun tipo de cine que facían alí, moi directo e comprometido, moi representativo do que era o país. Eu quería montar algo parecido. Cipriano Jiménez faloume de que formara parte dunha produtora que existira había anos, fundada por Carlos Varela, que se chamaba Nós. Falamos coa viúva de Varela, con Nemesio Barxa, con Carmen Ciller, entraron tamén meus irmáns… e así foi.

Tamén é unha das poucas mulleres membro da Real Academia Galega. Vén de resolverse a sucesión de Alonso Montero mais, nin pensou vostede en presentarse?

Sobre iso, podo dar razóns máis doces e máis de fondo. Unha delas é que traballo en moitos ámbitos e xa non podo desdobrarme máis, porque temos uns límites e para min un está en non pasar do tempo que cómpre estar nun lugar. Tamén fun decana na Facultade, pero foi unha etapa que cumprín e que acabou. Penso que na Academia tamén cumprín o meu período.

"Cheguei á RAG nun momento moi crítico, entrei porque considerei que debía facelo"

Cheguei nun momento moi crítico, entrei porque considerei que debía facelo. Despois, hai xente á que lle debo especial fidelidade, e non teño problema por dicilo. Como Charo (Rosario Álvarez), que foi a primeira persoa en avalar a miña proposta, que despois aprobou o Plenario, de expulsar a Franco como membro non numerario da Academia. Eu acababa de chegar, e para presentar calquera proposta precisas dúas sinaturas. Non penses que me foi fácil atopalas, mais asinaron Rosario e Salvador García Bodaño.

“Rosario foi a primeira persoa en avalar a miña proposta de expulsar a Franco como membro non numerario da Academia”

A impresión que dá, desde fóra, é que se produciron loitas de poder absurdas. As partes en conflito nin tiñan proxectos distintos para a institución.

Coido que as augas volveron ao rego. O que ocorre é que alguén pode tentar crear polémica para ter o seu cuarto de hora de éxito nos medios de comunicación. Foi, si, un conflito absurdo. Eu participei nunha Executiva moi diversa: en xénero, posicións políticas… Por iso penso que podemos ter desacordos, pero temos que ter claro cales son as funcións da RAG e para que estamos, de modo voluntario, nela.

“Podemos ter desacordos, pero temos que ter claro cales son as funcións da RAG e para que estamos, de modo voluntario, nela”

Por que apoiou a candidatura de Víctor Freixanes?

É unha persoa dunha xeración intermedia, con capacidade de negociación e experiencia de xestión. Conseguiron convencelo, e non penses que había moita xente disposta a presentar candidatura. Non é un cargo que teña unha compensación doutro tipo. Víctor desenvolveu, ademais, toda a súa vida profesional en lingua galega. É unha persoa con dotes para a comunicación, disposta a traballar a fondo pola Academia…

“Freixanes é unha persoa dunha xeración intermedia, con capacidade de negociación e experiencia de xestión”

Hai unha cousa que di moitas veces Jaureguízar, que é que na cultura galega mandan 50 persoas. Penso no Consello da Cultura, RAG, Centro Ramón Piñeiro, ILG, Galaxia... , nos transvases dunhas a outras, e non me parece unha metáfora desacertada.

Comprendo que poida haber esa imaxe. E habería que ver por que se produce e como se pode cambiar. Creo que o que pode pasar é que o poder real, -que non reside nas institucións culturais-, fixo unha alianza para que o espectro se pechase, para que haxa unha certa blindaxe de cara a outras propostas diferentes... Mais si que, a nivel de visibilidade, pode parecer que son moi poucas persoas.

"O que pode pasar é que o poder real fixo unha alianza para que haxa unha certa blindaxe de cara a propostas diferentes..."

Dalgunha maneira, a presidencia da RAG tamén pode estar condicionada polo que pasou desde o enfrontamento desta coa Xunta, sendo presidente Barreiro, polo tema do decreto do galego. Despois veu Ferrín... Quero dicir, que unha persoa que vén de Galaxia tamén pode ser, en principio, alguén que o poder pode aceptar máis doadamente como interlocutor.

Ben, a Xunta non ten capacidade para meterse na decisión sobre a presidencia da RAG. E tampouco hai que caer en tópicos: en Galaxia publican Chus Pato ou Alberto Lema, por poñer dous exemplos. Ademais, como dicía antes, Freixanes representa unha xeración intermedia. En canto á relación coa Xunta, o que penso é que foi quedando claro que o goberno galego ten a responsabilidade de incluír a RAG nos seus orzamentos. Se temos un territorio de defensa da lingua e da cultura, tamén temos que ter uns recursos. Sen que iso comprometa a independencia da RAG.

“Penso que foi quedando claro que o goberno galego ten a responsabilidade de incluír a RAG nos seus orzamentos”

A propia RAG di que, tras a presidencia de García-Sabell, a de Fernández del Riego supuxo unha “apertura” na que afondaría Barreiro. Mais pode haber debates aínda non resoltos de todo, como que debe ser a RAG. Falaba Freixanes de continuar co servizo científico arredor da lingua e ao mesmo tempo afondar na proxección social.

A Academia ten que prestar un servizo científico, claro, en todo o relacionado coa normalización lingüística e coa defensa e promoción da lingua e da cultura. Pero despois hai que dar resposta a moitas demandas sociais que chegan a diario: consultas sobre onomástica, modalidades dialectais... Moitas institucións locais, por exemplo, piden a presenza da RAG na súa actividade, e a RAG debe colaborar.

"A Academia ten que dar resposta a moitas demandas sociais que chegan a diario: consultas sobre onomástica, modalidades dialectais..."

Penso que si se está a facer un esforzo de comunicación e de divulgación importante. Publicouse, por exemplo, non hai moito, Rogos dun galego contra a Inquisición e outros versos liberais, de Pardo de Andrade… E se isto é a actividade cultural que se critica, coido que se debe a unha distorsión interesada. Máis nada.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.