0 Gardados para despois

Xosé Iglesias: “Escribo porque me gusta o mar e por necesidade de berrar pola frota galega, asfixiada polas políticas europeas”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


“Un auténtico tratado sobre a vida en e relacionada co mar”. Así se presenta A relixión do mar (Instituto de Estudos Miñoráns), o novo libro do mariñeiro e poeta Xosé Iglesias, gañador do IX Certame de Poesía Victoriano Taibo. Un poemario atravesado polo amor ao mar, aos oficios e os rituais do mar, e pola necesidade de reivindicar un sector agredido polas políticas de cotas pesqueiras.

Mais tamén unha áncora fronte á certeza da morte, na que xermola a consciencia da vida como loita que nos define, e do traballo, e da comunidade, como alicerces da nosa identidade. Como dixera Xurxo Souto do primeiro poemario do mesmo autor, os seus versos son presenza, estadía, non viaxe. O océano describe a Xosé Iglesias. Conforma o seu ser. 

Di o texto de presentación de A relixión do mar que o libro é “un auténtico tratado sobre a vida en e relacionada co mar”. Ti definiríalo así?

É un libro extenso que toca varios temas do mar, desde a primeira molécula, o primeiro átomo: a madeira coa que se constrúe o “deus” dos barcos. Os barcos son como deuses porque, sen eles, os mariñeiros non somos nada. A idea era, así, falar de todo o proceso, desde o principio, poñendo énfase na construción do barco, e nos rituais: como se leva o peixe á lonxa para a poxa, por exemplo.

“Os barcos son coma deuses porque, sen eles, os mariñeiros non somos nada”

No libro está, deste xeito, condensado todo o que é a vida dun mariñeiro, coas súas rutinas, co seu presente e o seu pasado: desde a primeira navegación a vela, desde o “Mar Antigo” na ría de Cee e Corcubión… Por iso, si, pode considerarse como un tratado sobre a vida no mar. Eu son mariñeiro da Costa da Morte e esa é a miña vida…

O limiar, de Felipe-Senén, lembra que Manuel María consideraba que todo galego levaba a poesía do mar dentro, e máis os poetas que o cantan e contan. Di Xurxo Souto que todo mariñeiro leva un poeta dentro… Por iso sobra a pregunta de como comezaches a escribir?

En primeiro lugar, teño que dicir que teño moi boa relación con Xurxo Souto. El fixo o limiar do meu primeiro libro, Transfusión oceánica, e o limiar do seu libro Contos do mar de Irlanda é un poema meu. E si, penso que é así, que todo mariñeiro leva un poeta dentro. Cando eu ía ao mar co meu tío, nun barco de rudimentario, de sete metros -o barco que teño eu agora é de nove metros-, el colocábase na popa e poñíase a cantar unha canción que teño moi interiorizada: Unha noite na eira do trigo.

“Cando estás alí arriba, no medio da treboada, buscas a beleza dentro do inferno”

Estiven, ademais, catro anos traballando no Gran Sol, onde hai uns temporais terribles. E cando estás alí arriba, no medio da treboada, buscas a beleza dentro do inferno. A nosa profesión é tan dura, que non é raro que teñamos esa necesidade de buscar a beleza. Pouco tempo temos para estar na casa e meternos a escribir. Eu os dous libros que teño escribinos sacrificando horas de sono. Tendo un barco como o meu, traballas 12 horas ao día. Cando estaba no Gran Sol era moito peor.

Como era no Gran Sol? Podes explicalo para “terrícolas”, como di Xurxo Souto? A túa experiencia alí está reflectida nos dous libros, sobre todo no primeiro.

Eu tiña claro que quería ser mariñeiro e púxenme a estudar para sacar a titulación máxima, a de capitán de pesca, que é a que che permite traballar onde queiras, no Sur e no Norte. A un día e medio en barco da Coruña, no suroeste de Irlanda, está o Gran Sol. Chámase así non porque haxa moito sol, que moitas veces non sae o sol en toda a semana. O nome vén de Grand Sole, que significa grande linguado.

“Traballar no Rockall era como vivir nunha ruleta rusa”

A seis días da Coruña está o Rockall, un peñón rochoso no Atlántico Norte, que é onde se forman as ondas máis grandes, de ata 20 metros. Traballar alí era como vivir nunha ruleta rusa. Eu ía de patrón, non traballaba na cuberta, pero estar alí 80 días seguidos, con temporais, traballando seguido, con só 7 horas para durmir, era tremendo. É moito tempo de soidade, -chamar á casa é moi caro-, nun barco no medio do mar…

Fala tamén Felipe-Senén da tradición de Manuel Antonio, Urbano Lugrís, Bernardino Graña… Ramón Nicolás situábate ao lado dalgúns destes, ou de López Abente, Avilés de Taramancos, Alexandre Nerium, Miro Villar… Tes relación, ademais, con colectivos como A Porta Verde do Sétimo Andar, co Grupo Surrealista Galego… Con que outros poetas dirías que formas, dalgún xeito, comunidade?

Si que fixen cousas coa Porta Verde do Sétimo Andar, e con eles empecei a moverme, a mostrar a miña poesía do mar. Pero eu a verdade é que vou bastante por libre. Hai xente coa que me sinto máis e menos identificado, e a verdade é que o poeta co que máis me identifico é Avilés de Taramancos. Cando dou algún recital, un dos poemas que recito é de Miro Villar. Pero, como dicía, eu son independente, vou ao meu aire. Non sabería dicir cales son as miñas influencias nin nada así. Realmente empecei a escribir en serio hai uns poucos anos...

“O poeta co que máis me identifico é Avilés de Taramancos”

Non preguntaba por influencias, senón por comunidade, intercambio, polos poetas dos que podes sentirte máis perto.

Pois podo dicir, por exemplo, que con Manuel Antonio non teño moito que ver. Din del que é o poeta do mar, pero estivo só medio ano nun barco. E un poeta do mar no que non aparece unha palabra tan básica para un mariñeiro como caderna... Fíxate, que na literatura galega, nunca antes do meu libro se contara todo o proceso de construción dun barco desde o principio ata o final.

“Na literatura galega, nunca antes do meu libro se contara todo o proceso de construción dun barco”

E é que non é fácil: para escribir A relixión do mar botei dous anos de moito traballo, falando con carpinteiros, repasando moito os poemas… Nos dous libros tiven a axuda de Paco Souto e doutra xente coa que me movía, pero foi moito traballo, e eu penso que o segundo é mellor que o primeiro.

É. O verso está máis traballado, e é como se dixese máis con menos palabras. Ten maior intensidade. 

Hai moita evolución desde o meu primeiro libro, Transfusión oceánica. Vas aprendendo, así que o terceiro tamén será distinto, claro. En Transfusión oceánica movíame con xente que era moi clásica, que me falaba moito da métrica, da rima. Nos meus versos podía non haber rima consoante, pero si asoante. Despois dinme conta de que iso non é o que eu quería. De feito, estou pensando en reescribir Transfusión oceánica.

“Se o mar é liberdade, non ten sentido someter a poesía do mar ao soneto, a copla”

Empecei a ter máis relación con Paco Souto, e os dous entendiamos que, se o mar é liberdade, non ten sentido someter a poesía do mar ao soneto, a copla… Entón xa non quero que haxa nos meus poemas rima ningunha, nin asoante.

Por que falas da relixión do mar? Dedicas o libro ao bisavó, Francisco Miguéns, e á súa filla, Lucía. Dis que os dous che inculcaron a relixión do mar.

A xente que me coñece dime que o título era o que esperaban. Sempre que falo de min, ou dos mariñeiros, falo dos lobos de mar, que son como os labregos na terra. Os lobos de mar miran ao mar, o horizonte, as estrelas, as nubes, e neles ven cousas que os demais non entenden. Sentimos o mar como unha relixión. Mesmo cando nos xubilamos seguimos tendo esa necesidade de xute oceánico.

“Mesmo cando nos xubilamos seguimos tendo esa necesidade de xute oceánico”

Ademais, os mariñeiros galegos están en todos os mares do mundo. O mar é máis que o que vemos cando traballamos. O mar é todo. E a min quítasme o meu barco e ofrécesme un bo traballo e non o quero. Non o queremos. O mar é a nosa forma de vida e a nosa inspiración para poder vivir.

“Xa non gobernamos nós”, di un dos poemas de A relixión do mar. Hai, nos dous libros, moita consciencia de estar nas mans da natureza, do azar, de non ser nada fronte á morte. Da estreita liña entre a vida e a morte. Normal, para quen viu as ondas do Gran Sol…

Non fai falla ir ao Gran Sol. Sempre o digo: eu no meu barco estou a medio metro da morte. Se caio ao mar, morro de hipotermia. Eu non vou nin á praia, porque a auga está moi fría para min. En calquera momento, o mar pode levarnos. En Transfusión oceánica teño, por exemplo, un poema dedicado a Eduardo Cousillas, que morreu nun naufraxio.

“Non fai falla ir ao Gran Sol. Sempre o digo: eu no meu barco estou a medio metro da morte”

En A relixión do mar teño un poema sobre o La Xana, un barco que afundiu en Muxía. Cando presentei o libro en Laxe, veu a nai dun chaval que morrera naquel naufraxio. Eramos 30 e pico e acabamos todos chorando. Os mariñeiros convivimos coa morte. Hai poucas semanas morreu Paco Souto, que era percebeiro, traballando no mar…

Falabas antes dos lobos de mar. A relixión do mar ten bastante de homenaxe aos oficios do mar. Non só os mariñeiros.

Si, e é algo buscado. Non están todos os oficios porque algúns deles, como as mariscadoras, xa estaban en Transfusión oceánica, e non quería repetirme. Arredor do mar convivimos varios oficios, levamos coexistindo durante séculos. En A relixión do mar interesábanme especialmente os carpinteiros de ribeira, que non estaban na literatura galega.

Ningún outro libro fala da construción dun barco desde cero. E eu contactei con carpinteiros, fun falar con eles, rexistrei como traballan… Na relixión do mar hai xente que traballa no mar, coma os mariñeiros, e xente que traballa na terra, coma os carpinteiros, as redeiras…

En varios poemas sae a idea do mar como liberdade e, ao mesmo tempo, como escravitude. Por que?

En Nove metros, por exemplo, que é un dos meus poemas máis coñecidos. A vida do mariñeiro é moi dura. Saes co teu barco, colles o timón e marcas o rumbo, e tes distintos camiños para escoller. Pero cando falo de liberdade, fágoo tamén porque ser armador do teu propio barquiño, aínda que sexa pequeno, coma o meu, supón liberdade.

“Ser armador do teu propio barquiño, aínda que sexa pequeno, coma o meu, supón liberdade”

E iso que, cun oficio tan duro, liberdade non tes moita. Dependendo de onde vaias, é normal ter que erguerse ás tres da mañá. Pero se traballas para ti, es máis libre. Eu teño o meu barco, que merquei en Noia de segunda man, e son o meu propio xefe.

En Loita!, un dos vídeos que poden verse na túa canle de youtube, falas de como afunden a frota galega en “cotas de miseria” para favorecer aos que mandan aos mercados peixe cheo de antibióticos. E reivindicas, cun poema, a necesidade de loitar polo sector.

Unha das cousas que digo sempre é que o que fago é, tamén, un berro de auxilio. Escribo porque me gusta o mar, por necesidade de expresarme a través da poesía e de berrar pola frota galega, asfixiada polas políticas europeas. Temos que seguir tirando a xarda ao mar.

E o que pedimos é poder vivir dignamente do noso traballo, sen que nos poñan problemas desde a Unión Europea e os gobernos do PP, obrigándonos a tirar ao mar o peixe que traemos nos nosos barcos. Eu teño as miñas redes, que cumpren as normas. Non ten sentido que teña que tirar o peixe que collín con elas.

"E o que pedimos é poder vivir dignamente do noso traballo, sen que nos poñan problemas desde a Unión Europea e os gobernos do PP"

Nos dous libros hai bastante léxico mariñeiro, e de feito o segundo leva un glosario. Penso que non é só porque precises ese vocabulario para contar o que queres contar. Parece unha reivindicación da palabra dos mariñeiros. Unha mostra de respecto a ela.

Si, o segundo leva un glosario, porque me parecía necesario para que os lectores non se perdan ao atopar palabras que non coñecen. Creo que, por exemplo, cando se fala da construción do barco, haberá bastantes palabras que á maioría dos lectores non lles soarán. De todas maneiras, a miña forma de utilizar o vocabulario mariñeiro é bastante “light”, digamos. Non quixen tampouco utilizar palabras rebuscadas.

Vénseme á cabeza Iria de Anxo Angueira, que tamén usa bastante léxico específico.

Un libro moi necesario, ao que non se lle deu o recoñecemento que merece. Vale que eu hai algunhas cousas das que falo que, se non vas ao glosario, non te enteras. Pero alí no glosario está todo explicado dunha maneira sinxela, con poucas palabras. Por iso é bo botarlle un ollo ao glosario mesmo antes de ler o libro.

Outro tema que sae nos libros é a nación galega, o pobo do mariñeiros que está en todos os mares do mundo. Di sempre Xurxo Souto, citando a Staffan Mörling, que Galiza non está na periferia, que está no centro dos camiños do mar.

Claro. En Transfusión oceánica teño por exemplo o poema Astrónomos de caladoiros invisíbeis, dedicado a Serafín Mourelle, do que tamén fala moito Xurxo Souto. Hai un libro, Homes de ferro en barcos de madeira, que fala del, que chegou a algúns caladoiros antes ca ninguén.

“Os galegos descubrimos igual non a metade, pero si a terceira parte dos caladoiros do mundo”

Os galegos descubrimos igual non a metade, pero si a terceira parte dos caladoiros do mundo. Temos un instinto co que nacemos, unha capacidade de converter o fracaso en éxito, a forza de insistir. Serafín rompía as redes unha e outra vez e volvía, e volvía outra vez… Falo, si, de pobo de mariñeiros nese sentido. Dunha nación, iso si, con bandeira azul e branca.

É verdade que escribes os poemas no móbil?

Escribo no teléfono, si. Non é que escriba o poema enteiro. Despois acabo na casa. En Transfusión oceánica aínda escribín algún poema á man, pero neste segundo libro xa nin o primeiro. Arranco o motor, e mentres vou navegando vou escribindo algunha cousa. Ademais, teño tendencia a ser un solitario no mar. Outros patróns falan moito entre eles, póñense a falar de fútbol ou do que sexa. Eu prefiro concentrarme en escribir. Ás veces sae e ás veces non, pero despois sigo traballando o poema na casa, no pouco tempo que teño, despois de atender o meu fillo…

Falas moito de soidade, pero nos teus poemas tamén hai bastante comunidade. Non só os outros oficios do mar. Está a familia, a ausencia das persoas que queres…

Si, de feito, o peor pesadelo que teño, desde hai uns días, é que volvo para o Gran Sol e non podo regresar, entón penso no que lle pode pasar ao meu fillo estando eu lonxe…

A relixión do mar leva ilustracións de Pablo Outón.

Os debuxos son, para min, moi importantes. Penso que lle axudan moito ao lector a entender e imaxinar as fases da construción dun barco. Francisco Fernández Naval dicíame que chegaba con dous debuxos. Eu penso que non. Ademais, eu son modelista naval. Fago maquetas de barcos. Estou nunha asociación diso.

“Son modelista naval. Fago maquetas de barcos”

Busquei libros de construción naval escritos en galego, e si había algunha cousa sobre os carpinteiros de ribeira, pero en ningún libro viña explicado o proceso de construción dun barco desde o principio ata o final. Ao final busquei en internet, en castelán, e encontrei unha páxina de dous rapaces que teñen un estaleiro en Cádiz, os irmáns Muñoz. Pedinlles a eles as fotos da construción de barcos, e a partir delas Pablo fixo os debuxos.

Paco Souto dicíame que se o poema tiña que estar suxeito a unha imaxe, malo. Pero eu penso que os debuxos son necesarios nesa parte. Ademais, estamos a falar da construción dun Deus. Os poemas teñen ese dobre apoio, o texto e o debuxo. Sen os debuxos, os poemas terían que ser moito máis longos para explicar como se constrúe un barco.

Algo máis que queiras comentar?

Que estou orgulloso dos dous libros, e máis do segundo, que está vendéndose moi ben. Foi nomeado para a Gala do Libro, e vai pola segunda reimpresión. Fago moitas presentacións e estou moi contento, sobre todo pola parte dos carpinteiros de ribeira. Sen eles, os mariñeiros non poderiamos facer nada.

“Sen os carpinteiros de ribeira, os mariñeiros non poderiamos facer nada”

Falabas antes do teu fillo, que non sei se quererá seguir a tradición familiar mariñeira. Que futuro lle ves no mar a esa nova xeración?

Ás veces, cando vou a portos altamente dependentes da pesca, como Camariñas ou Fisterra, vexo os nenos tirándose no peirao e escoito como falan e é un orgullo. Pero o futuro que lles vexo no mar, se seguimos coas mesmas políticas pesqueiras, é moi fodido. Falabamos antes de liberdade, pero en realidade estamos atados de pés e mans.

“Que che fagan tirar o teu peixe, e aínda por enriba morto, de novo ao mar...”

Que che fagan tirar o teu peixe, e aínda por enriba morto, de novo ao mar… Na Coruña, en Vigo… non vexo futuro ningún. En portos pesqueiros como Fisterra, Cangas, Bueu… si que pode haber fillos que queiran seguir coa tradición familiar. -O meu fillo di que non quere ser mariñeiro-. Mais o futuro dependerá das políticas. Se seguen remando coma ata agora, o rumbo vai ser inequívoco.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.