Luis Bará: "Hai moitos casos de mulleres represaliadas polo franquismo que aínda non foron rexistrados"

Luis Bará © Gustavo Santos

Hai emoción, e moita, en Non des a esquecemento, (Instituto de Estudos Miñoráns), o libro no que Luis Bará recolleu unha serie de artigos antes publicados no seu blog homónimo. Relatos da absoluta dexeneración e crueldade dos verdugos franquistas, xunto a historias de loita e solidariedade fronte ao terror. O na actualidade deputado do BNG, que fora director xeral de Creación e Difusión Cultural na consellería de Cultura de Ánxela Bugallo, recolle neste volume vivencias da represión e da resistencia, casos que puido reconstruír a través de entrevistas e da investigación en arquivos. Non pretende, xa o di el, facer ciencia. Nin ser "obxectivo". Escribe crónicas militantes, situadas entre o xornalismo e a literatura. Que son berros de dignidade fronte ao silencio. A obra preséntase este 27 de abril no Museo das Peregrinación de Santiago, dentro dunha serie de encontros en diferentes puntos do país.

O libro parte do seu blog Non des a esquecemento. Como xorde un do outro?

Empecei escribindo artigos sobre Paredes (Vilaboa), onde nacín. Descubrín que había casos de persoas represaliadas das que ata entón non sabía, comecei a facer entrevistas con mulleres maiores e decateime de que había moitos casos que non estaban rexistrados. A partir de aí, fun buscando outros casos. O libro é froito dun traballo de tres anos feito aos poucos.

“Comecei a facer entrevistas con mulleres maiores e decateime de que había moitos casos que non estaban rexistrados”

Mais xa antes do traballo institucional, no Concello de Pontevedra e na Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura, estivera en asociacións de memoria histórica…

Si, antes de entrar no Concello participara nos anos 90 nalgunha iniciativa, na asociación cultural Maio Longo. Foi no 2013 cando souben de episodios de represión en Vilaboa dos que antes non tivera coñecemento. Despois de levar máis de 20 anos traballando no tema da memoria histórica, non sabía de cousas que pasaran no meu concello de nacemento. Comecei a facer entrevistas e, despois, falando con outra xente de Vilaboa, decidimos crear a asociación A Regaduxa. Organizamos unha homenaxe colectiva no 2014, a nosa actividade foi medrando… e iso foi tamén un incentivo para escribir.

“Faltaban moitos nomes, sobre todo de mulleres, que foran detidas, torturadas, violadas, rapadas…”

O primeiro que fixen, ademais das entrevistas en Vilaboa, foi ir a Nomes e Voces. Mais tiña a sensación de que os casos rexistrados por este proxecto eran só como un 30%... Hai moitos casos de mulleres detidas, torturadas, violadas, rapadas… polos franquistas, que aínda non foron rexistrados. Casos dos que eu sabía pola memoria oral. En Nomes e Voces, en Vilaboa, tiñan rexistrado só o caso dunha mestra. Pero eu atopei moitos máis, de mulleres represaliadas pola súa militancia política ou por ser parentes de persoas republicanas ou de esquerdas.

Iso é unha das cuestións que reivindica o libro. Que hai moitos casos que non están contados. Represión psicolóxica, moral, económica, laboral, ideolóxica…

É unha das teses do libro, si. Porque, se só ollamos a documentación escrita, non podemos reconstruír un relato máis ou menos completo da represión, nin da resistencia e da solidariedade. Temos que ir á memoria oral, que nos permite entender a represión como un fenómeno máis amplo do que pode verse pola documentación.

Non des a esquecemento é, ademais, un libro militante no que hai unha reivindicación clara das mulleres. Hai un capítulo sobre elas, pero en todo o libro son protagonistas. Hai unha visión de xénero e de clase, nese sentido, porque as mulleres de clase obreira foron aínda máis esquecidas.

“Temos que ir á memoria oral, que nos permite entender a represión como un fenómeno máis amplo do que pode verse pola documentación”

Algunhas das mulleres das que fala si son coñecidas e sabemos delas por investigadoras coma Aurora Marco, caso de Amparo Alvajar. Doutras non sabiamos. Di vostede no libro que quería que as vítimas tivesen nome, e que os asasinos e cómplices figuren na historia co seu verdadeiro rostro. Cita ao famoso Víctor Lis, por exemplo.

De feito, nos últimos anos, por parte dos colectivos da memoria, mudou o enfoque. Xa non se trata de facer só homenaxes. Enténdese que é unha cuestión de dereitos humanos. Isto pasou tras a intervención en 2014 de Pablo de Greiff, relator especial da ONU para a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición. Para que haxa verdade, xustiza e reparación, precisamos non só poñer nome ás vítimas, senón tamén aos verdugos.

“Para que haxa verdade, xustiza e reparación, precisamos non só poñer nome ás vítimas, senón tamén aos verdugos”

Ademais, moitas veces temos constancia na documentación de quen executou, ou quen deu as ordes para cometer os crimes. Josefa Lobeira deixou un escrito no que conta quen foron os responsables do asasinato do seu home, Ricardo Gómez Buceta. A Asociación de Amigos de Johan Carballeira atopou este documento. De todas maneiras, á hora de citar verdugos temos que ter moita prudencia e fontes ben contrastadas. Unha das cousas que aprendín nos anos de traballo institucional é que hai que ser rigorosos con iso, porque o contrario é dar argumentos aos defensores do fascismo. Eu cito no libro a Víctor Lis ou a Joaquín Velarde.

Xa di no principio do libro que lle interesaba a dimensión humana da represión e a resistencia. As vivencias persoais, as emocións, os sentimentos… Por iso, supoño, o estilo, entre o xornalismo, a literatura…

Eu non son historiador, aínda que fixen un traballo de investigación en arquivos e con fontes escritas e orais. Mais si, a perspectiva que me interesaba era a afectiva, a emocional. Porque penso que a recuperación da memoria histórica ten unha función terapéutica, reparadora, para as persoas que foran condenadas ao silencio e o esquecemento.

“Eu si que quería un enfoque emocional, porque non penso que teñamos que ser obxectivos nisto”

Pepe Cáccamo dime que hai poesía no libro, e el mesmo escribiu algún poema a partir do meu libro. E eu si que quería un enfoque emocional, porque non penso que teñamos que ser obxectivos nisto. Hai outros traballos que marcan, na miña opinión, demasiada distancia, en nome dunha suposta obxectividade. Non creo que se poida ser obxectivos con isto. Dicía o outro día Lupe Gómez nunha entrevista que a emoción era política, e eu estou de acordo. A emoción pode ser política. Ademais, o meu é un libro militante, e eu non o oculto.

“A emoción pode ser política. Ademais, o meu é un libro militante, e eu non o oculto”

Non houbo só terror, senón tamén resistencia, solidariedade, dignidade. Todo o mundo sabe quen era Alexandre Bóveda, pero eu escollo falar da súa compañeira, Amalia Álvarez, que lle fixo unha foto cargada de simbolismo a Cintia Rey, no piñeiro da Caeira onde mataran a Bóveda e ao fillo de Cintia, Víctor Casas. Esa imaxe é un grandioso monumento da memoria.

Relatos de resistencia no libro hai moitos. Como o de todos os veciños e veciñas que acollen nas súas casas a persoas perseguidas polos golpistas, pagándoo moitas veces coa súa vida.

Si, esa era unha parte que non podía faltar. Os relatos de resistencia e solidariedade teñen, a maior parte das veces, nome de muller. Na Illa de San Simón, en Figueirido… Elas tecían as redes de apoio aos presos, acollían nas súas casas aos perseguidos, aos fuxidos, ás persoas que participaban na resistencia armada contra o franquismo. E algunhas pagárono coa súa vida. Coma Emilia Cabaleiro, á que torturaron, mutilaron e mataron por axudar a catro homes perseguidos. Ou Josefa Barreiro, que axudara a un militante da CNT -ela tamén era militante da CNT-.

“Torturaban as mulleres, escribíanlles na pel con nitrato de prata e sometíanas a escarnio público”

Ou Juana Otero, tía de Mariví Villaverde, da que a familia conserva unha foto que é todo un acto de resistencia. Fora rapada e torturada. Na foto vense as marcas na pel, os ollos abatidos. Escribíranlle na fronte con nitrato de prata “UHP”, iniciais dunha consigna que a xente de esquerdas dicía nas manifestacións, Uníos Hermanos Proletarios. Facían iso: torturaban as mulleres, escribíanlles na pel con nitrato de prata, sometíanas a escarnio público facéndolles pasear despois de seren rapadas e de obrigalas a beber aceite de ricino para que fixesen as súas necesidades enriba…

Fala vostede de xenocidio. Houbo e hai un debate entre historiadores e outros científicos sociais sobre se debe chamarse xenocidio ao que fixo o réxime franquista. Moitos dos relatos que recolle no libro amosan que os “terroristas”, como lles chama moitas veces, actuaron con extrema crueldade nun contexto, o galego, no que non houbo guerra, só represión.

Eu defendo chamarlle xenocidio. Desde que triunfou o golpe en Galiza, que só tardou uns días, non houbo outra cousa que eliminación sistemática de persoas de esquerda e nacionalistas. Non é só que fosen moi crueis. É que esa extrema violencia non era en absoluto “necesaria” onde xa gañaran a guerra, -o que non significa que non houbese resistencia, pero a guerra en si só durou uns días-. Pero é que ademais o obxectivo era eliminar un colectivo humano a través da violencia desmesurada. Por iso é xenocidio, por moito que non sexa un grupo étnico, racial ou relixioso segundo a definición do Dereito Internacional.

"Desde que triunfou o golpe en Galiza, non houbo outra cousa que eliminación sistemática de persoas de esquerda e nacionalistas"

O Ano da Memoria e, en xeral, toda a actividade de recuperación da memoria histórica organizada ou promovida institucionalmente pola Consellería de Cultura do BNG na Xunta, axudou, se cadra, a romper o silencio. Conta vostede que boa parte das súas fontes parecía que levaban décadas agardando a que alguén lles preguntase que pasou.

Iso vivímolo, claro. A emerxencia orgullosa das memorias soterradas. Sobre todo no Barco da Memoria, no que participaran moitas testemuñas que por primeira vez expoñían as súas historias en público. Tamén, claro, o proxecto de investigación universitario Nomes e Voces abriu moitas portas que estaban pechadas. Voces que saían á luz, e que facilitaban que outras voces se animasen a falar. En Nomes e Voces quedoulles moito traballo por facer porque non deu tempo, e quitáronlles o financiamento. Polo demais, eu entendo que a xente estivese tanto tempo calada, porque o medo era moi grande.

“A partir do remate do goberno de esquerdas na Xunta, houbo unha clara involución”

E despois, a partir do remate do goberno de esquerdas na Xunta e do goberno do PSOE no Estado, cos seus tímidos avances como a Lei da Memoria Histórica ou o traballo feito coas foxas, houbo unha clara involución, que foi tremenda nos últimos anos. Iso favoreceu ademais o revisionismo histórico, a proliferación, fronte á memoria democrática, da memoria fascista, con actos e iniciativas de honra dos franquistas e da súa herdanza.

O libro tamén presta atención aos lugares da memoria. Comeza coa memoria de Vilaboa, despois as historias das mulleres silenciadas, logo a Illa de San Simón, as casas refuxio…

O que quería era, en primeiro lugar, poñer nomes ás vítimas e ás persoas que, de distinta maneira, resistiron a represión franquista. Para min eran moi importantes, en segundo lugar, as imaxes, como a foto de Cintia Rey ao lado da árbore na que lle mataron o fillo, ou a foto de Josefa Barreiro cos fillos, ou a de Rosario Hernández, A Calesa, que segundo a memoria popular foi violada, torturada e mutilada antes de fondear o seu corpo cunha prancha de ferro. Interesábanme, en terceiro lugar, os lugares, os espazos simbólicos da represión. Temos que saber o que pasou neles.

“O lugar central da memoria democrática e da resistencia e Galiza ten que ser a Illa de San Simón”

Para min, o lugar central da memoria democrática e da resistencia e Galiza ten que ser a Illa de San Simón, pero non só. Desde a Iniciativa Galega pola Memoria, da que formo parte a través de A Regaduxa, temos un proxecto de mapa da memoria dos lugares da represión, da resistencia e da solidariedade. Hai xente que non sabe, por exemplo, que a ría de Vigo é unha grande foxa común na que fondearon corpos atándolles pedras ou pranchas de ferro. Como fixeron en Pontevedra, Arousa…

"Hai xente que non sabe, por exemplo, que a ría de Vigo é unha grande foxa común na que fondearon corpos"

Poderiamos falar de moitos casos, mais un especialmente simbólico é o das nenas chamadas Democracia e Libertad ás que lles mudaron o nome.

Eran fillas de Casilda Rosendo e José Casal. Eu entrevistei a Lucrecia, que tiña a lembranza traumática de como a bautizaran, con cinco anos: o sabor salgado da auga, a pía separada con outros nenos republicanos... Non só as bautizaron en contra da súa familia, co pai na cadea e a nai rapada. É que lles cambiaron os nomes, e Democracia pasou a chamarse Lucrecia e Libertad pasou a ser Berta. Esta historia ten unha grande carga simbólica. A democracia e a liberdade era precisamente o que querían aniquilar.

“A democracia e a liberdade era precisamente o que querían aniquilar”

Algo máis?

O libro foi editado polo Instituto de Estudos Miñoranos, e non é unha edición comercial como tal. Os beneficios van ir destinados ao Bosque da Memoria, un proxecto de A Regaduxa. A partir do 37, cando o cuartel de Figueirido se converte en centro de reclusión de presos políticos, ducias de mulleres asturianas que vivían máis ou menos perto comezaron a achegarse para axudar aos presos, levándolles roupa e comida. Algunhas convertéronse en madriñas dos presos. É un exemplo de solidariedade que queremos lembrar co Bosque da Memoria, un lugar de homenaxe para os presos e as súas familias.

Juana Otero rapada polos falanxistas de Vilagarcía © Cedida por Mariví Villaverde
Cintia Rey retratada por Amalia Álvarez no piñeiro onde fusilaron o seu fillo © Arquivo da familia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.