A historia do 'arquitecto rebelde' Ferro Caaveiro, en banda deseñada

Lucas Ferro Caaveiro realizou tamén os patios do Hospital dos Reis Católicos © RadioFusión

Lucas Ferro Caaveiro (A Capela, 1699) foi un dos máis brillantes arquitectos galegos da historia. Entre outras obras, completou a fachada barroca da Catedral de Santiago, a Casa do Concello de Lugo (a primeira verdadeiramente monumental realizada en Galicia) ou a Igrexa de San Frutuoso en Compostela. Porén, nos últimos anos foi relegado -ao igual que outros mestres barroquistas- pola auxe do estilo neoclásico. De feito, chegou a presentar un proxecto para a Casa do Concello de Santiago, rexeitada en favor do deseño do francés Charles Lemaur. A pesar da sona acadada durante décadas polo seu traballo, Ferro Caaveiro morreu na pobreza. Unha "gloria e declive" da que falou Xerardo Estévez neste artigo.

Hoxe podemos ler a historia deste rebelde arquitecto en banda deseñada, a través do cómic Lucas Ferro Caaveiro. A auténtica rebeldía galega, con debuxos de Carlos Sardiña (debuxante autor entre outros da banda deseñada sobre Alexandre Bóveda) e textos de Henrique Sanfiz (Licenciado en Xeografía e Historia e director de Radio Fene Radiofusión). Os seus autores destacan que "Ferro Caaveiro alcanzou a gloria rematando e inaugurando a fachada da catedral de Santiago de Compostela na Praza do Obradoiro en 1750. O seu contributo foi decisivo para a imaxe de cidades barrocas que ofrecen as dúas urbes" e que despois, a pesar das dificultades crecentes, "mantivo os seus criterios ideolóxicos e estéticos, non se dobregou". "Foi un rebelde, non agachou a cabeza diante da monarquía dos Borbóns nen da xerarquía eclesiástica. Por iso morreu na pobreza", sinalan.

O proxecto busca financiamento a través de Verkami. O obxectivo é acadar 2.297 euros para imprimir o libro a toda cor con 46 páxinas (19 x 27 cm) e tapa dura. Na obra, cunha clara vontade divulgativa, ter peregrinos camiñan ata Compostela mentres van falando de Ferro Caaveiro. Falan tamén de Breaking Bad ("a serie considerada a mellor da historia da televisión", subliñan), outra historia de rebeldía, equiparando deste xeito o arquitecto co Walter White da ficción.

As persoas que apoien a publicación do libro (a partir de 9 euros) recibirán distintas recompensas. Cunha achega de 14 euros, terán o cómic na súa casa, acompañado dun agradecemento persoal e escrito dos autores.

Lucas Ferro Caaveiro realizou tamén os patios do Hospital dos Reis Católicos © RadioFusión
Breaking Bad é tamén protagonista no libro © RadioFusión
Ferro Caaveiro foi tamén o autor da Casa do Concello de Lugo © RadioFusión

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.