O día que Viana do Bolo se desculpou ante Carlos Casares

Carlos Casares, dando clase nun colexio © Radio Nova FM

En 1969 Carlos Casares foi contratado como mestre auxiliar no Instituto de Viana do Bolo. Casares contaba daquela 28 anos e tras rematar a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago (e publicar en 1967 a súa primeira obra, Vento Ferido, que coincidiu coa súa detención), comezaba a súa experiencia docente. Mentres agardaba pola convocatoria de oposicións, aceptou a proposta para dar clase no daquela coñecido como Colexio Libre Adoptado St. Tomás de Aquino, que dependía do Concello.

Porén, xa dende a súa chegada á vila, Casares foi recibido con desconfianza por parte das autoridades locais. "O seu labor foi comprometido dende o primeiro día coa ensinanza e coas inxustizas que sufrían os mais desfavorecidos. A equipa directiva tentaba estender a educación á maioría das familias vianesas; en contra da opinión do alcalde do concello", destaca Secundino Fernández, actual alcalde de Viana do Bolo, que destaca que "a autoridade municipal non deixou escapar a ocasión de expulsalo de Viana na primeira ocasión que se lle presentou".

Coincidindo coa festividade de Santo Tomás de Aquino, representouse no instituto unha obra de teatro á que foron convidadas as familias e as autoridades da vila e na que que se facían referencias a “caciques” e “señores feudais do século XX". A obra, realizada polo profesor Manuel Ramos Castromil, foi cualificada como “subversiva”. O Concello atribuíulle a Casares a súa autoría e finalmente, "nunha acción totalmente inxusta cun marcado carácter de represalia política", foi cesado como mestre, nunha caste de expulsión da localidade. Ademais, segundo algunhas fontes "debido á intervención de Manuel García Garrido, reitor da USC", foille prohibido exercer a docencia en toda Galicia. Casares marchou de inmediato a Bilbao a ocupar un posto de mestre que lle ofreceran por medio dun amigo. Un posto que estaba libre porque fora expulsada unha profesora, tamén por razóns políticas. Ao rematar o curso, a Casares tampouco lle foi renovado o contrato.

Case 50 anos despois daqueles feitos, este xoves o Concello de Viana do Bolo ofreceulle a Casares as súas desculpas e nun pleno extraordinario aprobou unha moción de desagravio e homenaxe ao autor. O texto, proposto polo propio alcalde,  "repudia publicamente as accións que lamentablemente conduciron á expulsión desta vila de Carlos Casares". Ademais, "restitúe a súa memoria no tocante a estes feitos que non expresaron nin expresan o sentir das veciñas e veciños de Viana do Bolo" e "fai pública homenaxe e agradece a súa contribución á educación da mocidade do noso Concello", trasladando o acordo á Fundación Carlos Casares.

"Falar de Carlos Casares é falar dun recoñecido escritor cunha extensa obra literaria; é falar dun escritor que utilizou e axudou a dignificar a nosa lingua, o galego; é falar dun grande persoeiro das nosas letras", di Secundino Fernández. "É de xustiza acordarse deses lamentábeis feitos, é de xustiza facer un acto de desagravio á súa figura e rexeitar publicamente a inxustiza a que foi sometido na nosa vila, tendo en conta sempre que o pobo de Viana do Bolo non compartía semellante inxustiza", destaca o rexedor, que subliña que en 1969 Casares coñeceu de primeira man en Viana "a opresión existente por parte das autoridades". "Estabamos nun momento que o sanguinario ditador Francisco Franco e os seus representantes reaccionaban actuando con maior represión ante un posíbel e próximo cambio, impulsado polos desexos democráticos da sociedade", di.

Cómpre salientar que xa en 2004 o mesmo instituto no que dera clase e do que fora expulsado decidiu mudar o seu nome para pasar a chamarse IES Carlos Casares tras un acordo unánime do Claustro e o Consello Escolar do centro.

 

Carlos Casares, dando clase nun colexio © Radio Nova FM
O IES Carlos Casares, en Viana do Bolo, onde o escritor deu clase en 1969, adoptou o seu nome en 2004 © Xunta
Viana do Bolo celebrou este xoves un pleno extraordinario como 'acto de desagravio' a Casares © Concello de Viana do Bolo
Secundido Fernández, alcalde de Viana do Bolo © Concello de Viana do Bolo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.