0 Gardados para despois

“A culpa é dos galegos, non da terra, a máis rica de España”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Hai 180 anos, entre xullo e setembro de 1837, George Borrow, Jorgito el inglés, percorreu Galicia vendendo biblias protestantes. A súa visión do país recolleuna no seu libro de viaxes The Bible in Spain (Londres, 1843) que se converteu nun éxito case inmediato en todo o mundo. A súa foi unha xira con dificultades nunha Galicia illada cunhas infraestruturas de comunicación imposibles. Había só tres anos que Domingo Fontán rematara o primeiro mapa científico de Galicia, a súa Carta Xeométrica, que acompaña estas liñas.

[MAPA INTERACTIVO | Pode navegarse tanto coas frechas laterais que permiten ver os textos nunha orde cronolóxica como pulsando sobre os elementos do propio mapa]

Borrow entrou en Galicia por Lugo e percorreu A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo, Fisterra ou Ferrol antes de saír cara Asturias por Ribadeo

Borrow, nacido en Norfolk en 1803, percorrera media Europa antes de chegar á Península Ibérica en 1835. Tras desembarcar en Lisboa, instalou a súa base de operacións en Madrid para, desde alí, irse desprazando a distintas rexións para vender as súas biblias, unha novidade nunha época na que só tiñan difusión os evanxeos. De maio a novembro de 1837 foi cando se internou no noroeste peninsular, viaxe que ocupa o groso do seu libro, no que á súa vez dedica a Galicia oito dos seus 57 capítulos

Tras pasar por León, Borrow entrou en Galicia en xullo por Vilafranca do Bierzo e durante máis de dous meses realizou un percorrido que o levou por Lugo, Betanzos, A Coruña, Santiago, Padrón, Pontevedra, Vigo, volta a Padrón e desde alí a Corcubión e Fisterra, o cabo que quería ver desde terra tras sofrer alí unha treboada no mar. Logo voltaría novamente por Santiago e A Coruña para dirixirse despois a Asturias pasando por Ferrol, Viveiro e Ribadeo.

Borrow é directo nas súas descricións das paisaxes e cidades, pero evita dar a súa opinión persoal sobre a sociedade. Opta por colocar os comentarios máis críticos en boca das xentes coas que se atopa, como cando atribúe a un francés que en Galicia “os homes, en xeral, parecen moi rústicos e simples, pero son capaces de enganar ao máis listo de París; respecto das mulleres é imposible vivir na mesma casa ca elas, sobre todo se son camareiras e acompañan a señora; non fan máis que mover disensións e disputas na casa, e contar faladurías dos outros criados”.

“Galicia é a provincia de España que máis riquezas naturais encerra, pero os habitantes son moi torpes e non saben empregar os dons que os rodean"

Pero o británico tamén dá a palabra a galegos para defenderse e recolle a suposta conversa cun pousadeiro de Lugo e cuns andaluces: “Que rañas eses andaluces! Veñen espremer Galicia e moléstalles que un pobre pousadeiro gañe un cuarto vendéndolles o aceite para o gazpacho”, laiase o lucense. Ante o cruzamento de acusacións, Borrow respóndelle aos andaluces: “Non vexo por que lles parece tan malo un país que pola súa natureza é o máis rico e abundante de toda España. Certo que a xeneralidade dos habitantes está na miseria; pero a culpa é súa, non da terra”. Nesa mesma liña, en Santiago o británico dá voz a un libreiro local que di que “Galicia é a provincia de España que máis riquezas naturais encerra, pero os habitantes son moi torpes e non saben empregar os dons que os rodean; en proba do que pode sacarse de Galicia, vexa vostede os cataláns que se estableceron aquí: todos ricos”.

A valoración que Borrow reserva para si é a do localismo xa daquela presente en Galicia: “En ningunha parte atopei o sentimento localista, moi estendido por toda España, como en Santiago”, confesa. Pero algo despois, xa en Pontevedra, outro libreiro dille que lle importaría “ben pouco que ardese Vigo” cos “bribóns que alberga”. Mesmo en Ferrol lamenta que os seus habitantes pensen que teñen a mellor das alamedas de España.

"A súa lingua está composta case de todo de palabras españolas e portuguesas”, di sobre o galego

Para Borrow, que fala varios idiomas, mesmo o caló, o galego é un “dialecto” do castelán e do portugués, pero recoñece que ás veces se diferencia tanto dos dous que lle resulta imposible entendelo. “Debe de ser polo acento peculiar e a pronuncia, nova para min, dos galegos, porque a súa lingua está composta case de todo de palabras españolas e portuguesas”, di. Tamén dá conta do seu uso máis estendido entre o pobo que o castelán, e de como en Pontevedra os seus habitantes “parécenme máis versados en galego que en castelán, pois a maior parte das conversas que escoito na rúa son en aquel dialecto”. Nesa mesma cidade fálanlle do “cura de Fruime”, que morrera 60 anos antes e do que lle din que “é o noso poeta nacional”. Pola contra, da Mariña luguesa o británico asegura que “non se fala moito galego por aquelas partes”.

Borrow marchou satisfeito de atopar en Galicia “algunhas das máis extraordinarias paisaxes de España” pero sorprendido pola pobreza fóra das cidades. “A maior parte das veces as vilas eran un conxunto de miserables chozas [con] moreas de esterco diante das portas e abundaban os charcos e lameiros [...] enormes porcos pululaban mesturados con rapaces en coiros. O interior das chozas correspondía coa súa aparencia externa: estaban cheas de sucidade e miseria”. Era 1837.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.