0 Gardados para despois

Galicia xa presume de youtubeir@s

Redacción | @prazapublica

Xa hai youtubeir@s gañadores. O Teatro Principal de Ourense acolleu este venres a entrega de premios deste Concurso de Vídeos na Rede, Youtubeir@s. Finalmente, o xurado deliberou entre máis de 200 vídeos presentados e as pezas gañadoras foron, na categoría vídeo-facermos, para “Guiso especial Anti-San Valentín” realizado polas youtubeiras de Corasón de Churrasco. Velaquí vai a peza:  

“Guiso especial Anti-San Valentín”, realizado polas youtubeiras de Corasón de Churrasco

Na categoría vídeo-opinarmos, o premio foi para “Prohibido plantar patacas: a praga da couza guatemalteca", presentado polas youtubeiras de Teño unha horta en San Sadurniño, coñecidas xa na Rede polo seu divertido vídeo gravado logo de atoparen unha planta de marihuana na súa horta. Dous membros do xurado, María Yáñez e Manuel Núñez Singala, fixeron entrega dos galardóns, que consisten nun trofeo e 1.000 euros para cada gañador. Aquí podedes ver tamén esta peza gañadora: 

“Prohibido plantar patacas: a praga da couza guatemalteca", das youtubeiras de Teño unha horta en San Sadurniño

Ademais, o certame tamén entregou catro mencións honoríficas cun premio de 500 euros cada un. A mención especial polo enxeño e creatividade foi para David Otero Fumega co seu vídeo “SmartFol G6! Unha Review moi especial” e o premio que destaca a eficiencia comunicativa foi asignado ao videotitorial “Tortilla de Pascua” da youtubeira Isabel Villanueva. A mención de honra á calidade técnica recibiuna Miguel Rodríguez González pola súa vídeo-opinión “1000 rpm - A noite” e o recoñecemento á calidade lingüística foi para o IES Urbano Lugrís de Malpica pola peza colectiva “Seis pasos para falar malpicán”.

O certame entregou tamén catro mencións honoríficas a outros tantos vídeos

Youtubeir@s remata a súa primeira edición cunha ampla e variada participación. Este concurso foi unha iniciativa dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

No acto, presentado pola actriz Iria Pinheiro, fixéronse innúmeras referencias ao mundo youtubeiro e aos seus códigos e predominou a ironía e o humor. Iñaki Quenerapú fixo un monólogo sobre a importancia de elixir ben a miniatura estática nos vídeos de YouTube e a Vj Marta Verde realizou un espectáculo de mistura cos vídeos participantes en directo. O acto contou con máis de 200 persoas entre concursantes e representacións institucionais dos concellos e das universidades promotoras do concurso.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.