'Para dar trela': Aprender o galego "coma nativos con moita aldea ou mar"

Presentación do manual, cos seus autores e autoras © Xunta

Dar trela: Animar a facer algo. Deixar liberdade para facer; dar permiso, licenza. Hai uns meses chegou ao prelo un libro -titulado precisamente Para dar trela- que constitúe un verdadeiro manual práctico de aprendizaxe da fraseoloxía galega. "As metáforas dunha lingua poden ser un labirinto para o foráneo que aprende esa lingua. Por iso precisa unha guía para introducirse nelas. Este libro quere ser esa guía e, se te decides a seguilo, aprenderás fraseoloxía galega e acabarás falando con arte", destaca na introdución da obra o seu coordinador, Xesús Ferro Ruibal, que salienta que "este é un deses libros que, na súa aparente sinxeleza, apuntan moi alto porque o manexo atinado dos refráns e dos ditos é o nivel máis elevado de dominio dunha lingua; algo que só teñen ordinariamente os nativos; e nativos con moita aldea ou con moito mar".

Ferro Ruibal: "O manexo atinado dos refráns e dos ditos é o nivel máis elevado de dominio dunha lingua; algo que só teñen ordinariamente os nativos; e nativos con moita aldea ou con moito mar"

No libro aparecen centos de expresións, frases feitas e refráns, dende "Quen todo é mel, cómeno as abellas" ou "Ser un pintalareiras" ata "Estar contento coma un cuco" ou "Untarlle o bico a alguén". A obra ofrece textos modelo e mais un amplo repertorio de exercicios e explicacións organizados seguindo unha clasificación temática e acompañados de ilustracións. O método complétase cun solucionario e un glosario de ditos e mais outro de refráns ordenados pola palabra principal. O manual busca proporcionar unha aprendizaxe autónoma, comprensiva e activa da fraseoloxía e da paremioloxía galegas que redunden nunha mellora da competencia comunicativa multilingüe e intercultural.

"A fraseoloxía éche o idioma convertido en imaxes; é falar con espellos que nos fan ver o lado oculto das cousas, dos feitos, da xente; éche falar con parábolas máis que con palabras"

Ferro Ruibal explica que "a fraseoloxía éche o idioma convertido en imaxes; é falar con espellos que nos fan ver o lado oculto das cousas, dos feitos, da xente; éche falar con parábolas máis que con palabras. A fraseoloxía converte a fala en cine, con color, con emoción e, por veces, con intriga". A pesar da especificidade e orixinalidade das expresións creadas e usadas en cada lingua, hai moitas frases feitas e refráns que teñen equivalencia en distintos idioma. "Vivimos nas metáforas e nelas é onde actúa a orixinalidade creativa de cada pobo que produce fraseoloxismos diferentes nos froitos (palabras e imaxes) pero idénticos na estrutura de fondo", explica Ferro Ruibal. Certas locucións galegas son comúns a outras linguas europeas: "comer coma un pito", "estar nos ósos", "ter os pés na terra", "recibir cos brazos abertos", "tomar o pelo", "matar dous paxaros dun tiro", "apertar o cinto" ou "chover a caldeiros", entre outras. No libro danse as equivalencias nas cinco linguas hispánicas e tamén en francés, italiano, inglés e alemán.

O libro, coordinado por Xesús Ferro Ruibal e editada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), foi realizad por M. Carmen Losada Aldrey, Alba Cid Fernández e Xurxo Fernández. Ademais, conta coas ilustracións de Evaristo Corujo Martínez, Tito, e coa colaboración de Luis Davila, cuxas famosas viñetas se reproducen na sección Para estar de humor de cada capítulo. O proxecto Fraseoloxía Galega no que se insire esta obra, dirixido actualmente pola profesora María Isabel González Rey, desenvolve actividades encamiñadas a un triplo obxectivo: a construción dun Tesouro Fraseolóxico Galego, o impulso dos estudos fraseolóxicos e fraseográficos en Galicia e a tradución ao galego de obras de referencia da fraseoloxía internacional.

"Non hai mellor manual de fraseoloxía que a convivencia cos avós e coas avoas. Se este libro te leva a intensificar o trato con eles e con elas, practicarás, nun mesmo exercicio, fraseoloxía e humanismo"

No remate do prólogo do libro Ferro Ruibal subliña que "por bo que sexa este método, que o é, tes que saber lector ou lectora, que nada supera en eficacia o trato persoal coa xente de moitos anos. Non hai mellor manual de fraseoloxía e paremioloxía que a convivencia cos avós e coas avoas. Se este libro te leva a intensificar o trato con eles e con elas, practicarás, nun mesmo exercicio, fraseoloxía e humanismo. Será filloas con mel".

 

Presentación do manual, cos seus autores e autoras © Xunta
Capa do libro © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.