Suso de Toro: "Como autor, son moi existencial. Trato temas moi radicais, con distintas estéticas"

Dominio Público Foto: Arquivo Xerais

Suso de Toro anunciara, hai sete anos, que deixaba a profesión de escritor. Mais non era doado de crer, tras tantos anos de andaina nas letras galegas, e con non pouco impacto nelas. Volveu, primeiro, con ‘Somnámbulos’, (Xerais), no 2014. Aos que este ano se uniron ‘Humildar’ (Xerais), Conta saldada (Xerais) e ‘Aquí somos así, positivamente’ (Concello de Santiago). Falamos con el destes libros, e repasamos a súa obra narrativa. 

‘Aquí somos así, positivamente’ foi editado polo Concello de Santiago con motivo do SELIC. Mais é un texto que xa estaba en ‘Caixón desastre’, non si?

Ten uns 25 anos, si, ou algo máis. ‘Caixón desastre’ fora, a primeiros dos 80, premio Galicia da Universidade de Santiago. Anos despois reeditouno Xerais, e como o que tiña era un texto moi delgado, engadimos outros relatos para publicar no mesmo volume. Mais, en realidade, a orixe estivo nun encargo para un libro sobre cidades. Daquela considerei que a única cidade que coñecía abondo para falar con convicción dela era a miña, Santiago. Por iso é un relato que fala de Santiago desde dentro, desde a voz dun santiagués. Naceu aí o personaxe de Nano, do que despois botei man en ‘Tic-Tac’ para darlles unidade aos relatos…

Nada menos ca Nano, que anda por varios dos teus libros. O segundo relato de ‘Somnámbulos’ parécese un pouco a ‘Aquí somos así, positivamente’. Un monólogo…

Hai conexións, si. É un personaxe distinto, dunha condición social distinta e de idade distinta. E tamén pasa en Santiago. Mais si que é verdade que ter un personaxe que fala e fala, -e niso enlaza co personaxe de Nano-, é habitual nas miñas novelas. Agora mesmo estou rematando unha, e a xente que a leu dime que teño un estiño recoñecible, cousa que me preocupa porque eu nunca quixen ter un estilo, senón máis ben o contrario. Mais, si, a presenza da oralidade é unha marca da miña maneira de escribir…

"A presenza da oralidade é unha marca da miña maneira de escribir…"
 

Tamén hai unha relación entre o primeiro e o terceiro relato de ‘Somnámbulos’. A través de dous personaxes, colaboradores activos do franquismo, que están orgullosos do que fixeron.

‘Somnámbulos’ recolle tres relatos, mais o que motivou a publicación do libro é o primeiro deles, ‘Negocios de familia’. Este texto naceu pola rabia que me dá a relación co pasado que ten esta sociedade, polo ocultamento e negación de episodios molestos, pola manipulación da memoria. Os mozos da matanza de Atocha, ou Moncho Reboiras, teñen que os reivindique. Pero non é así cos cinco mozos do FRAP e da ETA que foron fusilados no 75. Porque é unha memoria incómoda. ETA e o FRAP representan un dos camiños aos que levaban as ideoloxías do antifranquismo. Eu non pertencín a ningunha das dúas organizacións, pero sinto que aqueles mozos eran meus. Paréceme inxusto esquecelos. Cando foi o aniversario, quixen escribir para eles, para a súa memoria.

En ‘Home sen nome’ xa recolleras o punto de vista dos verdugos. Nano escoitaba un home que contaba a súa vida: a súa simpatía polo nazismo…

Si. E a verdade é que me preocupa… Porque penso que todo o meu mundo literario está a tramarse demais. Supoño que é o paso do tempo, por onde van conducindo a obra… Na novela coa que estou agora aparece un dos personaxes de ‘Negocios de familia’, o psiquiatra. Hai relacións entre as historias que escribo, si. Non é algo forzado nin deliberado. Vén de seu. E preocúpame que porque ás veces teño a sensación de que se está a cerrar o meu tempo, a miña obra…

"Ás veces teño a sensación de que se está a cerrar o meu tempo, a miña obra"
 

O terceiro dos relatos de ‘Somnánbulos’ fora escoitado na Sala Galán… De que maneira?

O orixinal foi escrito como texto para magnetófono, para ser escoitado. Fixémolo un amigo, Xosé Manuel Rodríguez Abella, e eu, que faciamos a lectura. Despois houbo funcións teatrais e parateatrais... , e o que fixemos foi levarlle ao público a cinta, ofrecerlle a gravación. Esta é unha das liñas da miña obra: sacar a palabra do texto, do libro, e levala a outros lugares: ao espectáculo…

En ‘Humildar’ explicas que a palabra significa tornarse humilde. Moderar a soberbia, aceptando a vida como é.

Francisco Macías editárame hai anos un libro que se chamaba ‘FM’. A FM supuxera un cambio tecnolóxico importante: era a radio máis viva, máis dinámica que había naquel momento. O medio de comunicación máis directo. Por iso o título. Así estaba a estética que practiquei nos 80, que mesturaba o mundo no que vivo co desexo de ultrapasalo, de entrar noutra fase da Historia e da miña vida.

Despois houbo outro libro, ‘Parado na tormenta’, que falaba do mundo da modernidade construído pola civilización occidental. Era froito da reflexión intelectual e de algo ao que lle dou moito valor, que é a experiencia. Pois iso mesmo é ‘Humildar’, e por iso está escrito desde un punto de vista tan persoal. Eu penso que escribir un libro coma este é arriscado, no sentido de que é vulnerable á ironía, aos discursos tópicos da modernidade. Eu dicía, xa desde hai anos, que me gustaría escribir un libro de oracións para agnósticos. E iso tentei facer. A motivación chegou porque había unha xente que quería facer un documental sobre min, e como eu dixera hai 7 anos por Sant Jordi que deixaba a profesión de escritor, precisabamos un libro para que eu volvese a Sant Jordi, como eles querían. Precisaba escribir un libro breve, e púxenme con ‘Humildar’.

"Eu dicía, xa desde hai anos, que me gustaría escribir un libro de oracións para agnósticos. E iso tentei facer"
 

Tanto en ‘Tic-Tac’ como en ‘Círculo’, aínda que sexan moi distintos a ‘Humildar’, apúntanse os mesmos temas: o paso do tempo, a celebración da vida, a concepción moderna da mesma que no acepta os dogmas de fe… En xeral, a aceptación da morte como parte da vida e sen desesperarse por iso.

Claro, sen desesperarse, senón todo o contrario. O que busco é algo que conduza a vivir a vida, con plenitude, a desfrutar cada momento. Sen vivir na mentira, sen ocultar aspectos esencias da existencia. Eu sei que non é a idea de min que poden ter os lectores ou a crítica, e ademais pasa que en Galicia non hai unha recepción completa do meu traballo que o explique e sitúe, pero o que penso é que, como autor, son moi existencial. Trato temas moi radicais, que expreso a través de estratexias, de estéticas, distintas, a xeito de novela, de conto… Creo na narratividade, penso que o libro ten que funcionar, pero si hai unha preocupación existencial, como unha das constantes no que escribo. Pero sei que isto non encaixa coa imaxe que adoita terse sobre a miña obra…

Suso de Toro / CC BY-SA A. Navarro

Eu non son crítica, mais a miña percepción é que cos primeiros libros que publicaches si se formou unha imaxe de autor anovador, que falaba do mundo urbano e moderno, que xogaba co fragmentario… Non sei se cos libros máis recentes se mantén tanto esa visión. Penso que non.

Pode ser que veña de aí, si. Naquel tempo eu tiña que defender unha posición que adoptara de maneira consciente, que me permitise cuestionar a estética dominante na literatura galega, a relación da literatura coa sociedade, a figura do escritor, a función da literatura… Porque eu quixen cuestionar iso, aspectos fundamentais da literatura galega, creando un modelo novo… E iso puido dar lugar a unha recepción tópica… Non sei.

"Quixen cuestionar aspectos fundamentais da literatura galega, creando un modelo novo"
 

Cal era o teu proxecto, entón, nos anos 80? Para os que non o lembramos, que eramos pequenos entón.

Sendo adolescente imaxinei unha figura do autor do século XX, en relación coas estéticas de Joyce, Beckett, Faulkner… En diálogo cos autores da modernidade, sobre todo os anglosaxóns, e tamén coa narrativa francesa da época. Aos 16 anos gañei un concurso literario, e nunha entrevista que me fixeron dixen que eu quería modernizar e actualizar a literatura galega.

"Sendo adolescente imaxinei unha figura do autor do século XX, en relación coas estéticas de Joyce, Beckett, Faulkner"
 

Parecíame que había unha contradición entre o mundo daqueles que eran os meus referentes literarios e a literatura galega, -tendo en conta que si había literatura moderna, pois estaba a Nova Narrativa Galega-. Era consciente de que tería un problema para encaixar a miña obra no que se facía normalmente, naquel momento, en galego. Pois non se entende o que fixen despois, tras anos de militancia política, nos anos 80, sen ese proxecto da adolescencia, coa súa arrogancia e o seu ímpeto de xuventude. Xa o decidira 10 anos antes. Pero non sei se debería contar todo isto, que despois sitúate no medio da crítica....

Coma calquera cousa que digas fóra da mesa da cociña da túa casa. O que si é certo é que sempre te posicionaches publicamente, dun ou doutro lado. E iso ten consecuencias.

Eu penso que iso vai con cada persoa. Ao longo da miña vida andei sempre no camiño do activismo e da militancia, en distintas organizacións políticas e sindicais ou de xeito particular. E penso que as persoas deben vivir en liberdade e practicar a liberdade. O que ocorre é que me refiro á acepción liberal do liberalismo do século XIX. Son liberal pero tamén comunitarista, porque penso que debemos ser libres, mais que necesitamos configurar comunidades. Non me interesa o liberalismo tal como se entende hoxe, no sentido de ser individuos illados, sometidos ás ordes do mercado.

Volvendo a ‘Humildar’, falas de vivir ritualmente as cousas máis importantes da vida, dándolles transcendencia. Falas do ritual, do sagrado, que tamén remite á palabra sagrada. De celebrar o esencial. En ‘Trece badaladas’, de xeito moi distinto, está a espiritualidade, a morte… E o sagrado, que non ten que pasar polo relixioso.

Para resumir o sentido da miña obra, podería dicir que no seu conxunto está unha preocupación pola transcendencia. Pero está de distintas maneiras. Nos anos 80 está reflectido a través do intranscendente, nun mundo cheo de ruído e sen sentido. Nos 90 comezo a dar voltas arredor da transcendencia. Aquilo no que buscamos o sentido pode adoptar distintas formas: os discursos relixiosos, nacionalistas, patrióticos… son un exemplo. Son xeitos de dar argumentos, de dar sentido á vida, de interpretar a vida a través deles. Eu non teño relixión, pero entendo que me falta algo, o que ti chamas sagrado. De aí nace ‘Humildar’, nesa busca de argumentar unha vida con sentido.

"Para resumir o sentido da miña obra, podería dicir que no seu conxunto está unha preocupación pola transcendencia"
 

Iso remite á historia da ética. Desde a filosofía grega…

Os gregos foron os primeiros en separar o mito e o logos, o racional e o irracional. E con ese esquema entenden a orixe, o mito, os deuses… Moito máis adiante, con Spinoza, ese discurso da razón imponse dun xeito moito máis radical. No século XX a Escola de Frankfurt critica a razón da Ilustración… Mais si, eu sempre sentín desacougo co mundo moderno, porque penso que ten carencias severas. O que o capitalismo precisa é un baleiramento espiritual para transformarnos en obxectos que producen e consumen.

"Sempre sentín desacougo co mundo moderno, porque penso que ten carencias severas"
 

Tamén ‘Conta saldada’ fora publicado antes, non si? Nel, unha adolescente fala co fantasma do pai. E hai unha busca na historia da familia, unha procura na orixe… Memoria, historia da familia, orixe e identidade son os fíos que unen varias das túas obras. Coma ‘Non volvas’, ‘Calzados Lola’, ‘Sete palabras’...

E ‘Land Rover’ e ‘A sombra cazadora’. ‘Conta saldada’ fora publicado antes por Alfaguara, si. Agora edítao Xerais. O meu gran tema é a identidade persoal, e a construción da masculinidade en relación con ela. Mais si, en todas esas obras hai personaxes que se vén obrigados e cuestionar a súa identidade, a averiguar quen son. Tamén pasa na novela coa que estou agora. O que acontece é que, afortunadamente para min e para os lectores, aínda que o fondo sexa o mesmo, as historias son sempre distintas. Mais tampouco é algo que faga conscientemente. Só que as historias acaban indo para aí, cara ese esquema. Someto os personaxes a un proceso de coñecemento radical, para que saiban quen son.

"O meu gran tema é a identidade persoal"
 

En ‘Conta saldada’ a protagonista averigua cousas do seu pai e da súa familia que descoñecía. ‘Hamlet’ serve un pouco de metáfora da necesidade de facer o que hai que facer para facerse maior. En ‘Sete palabras’ indagabas na historia da túa propia familia.

Si, son viaxes ao pasado que se fan para tentar solucionar un problema. Por que ías poñerte a cavar na tumba se non tes un problema, unha necesidade? Son viaxes ao pasado para reconstruírse, para apoderarse da vida de un, para facerte dono da túa vida, máis que para facerse adulto, como dis ti.

"Por que ías poñerte a cavar na tumba se non tes un problema, unha necesidade?"
 

Nunha entrevista sobre ‘Sete palabras’ dicías que entendías a vida a través da literatura. Toda a vida é literatura, entendida como argumento, comentabas. Por que?

Ten que ver co que dicías antes da palabra. A palabra é o que nos distingue, como especie, dos nosos irmáns, os simios. A palabra é o que nos separou da natureza, e penso que a literatura pode ser un camiño para religarnos de novo ao mundo. Cando presentabamos ‘Trece badaladas’, eu dicíalles aos editores que podiamos presentalo coma un libro relixioso. Pero non se pode facer iso, porque a Igrexa católica perverteu tanto o significado da palabra relixión, que se dis iso veñen os malentendidos.

"A literatura pode ser un camiño para religarnos de novo ao mundo"
 

Cando sae a novela nova? Desde que dixeches que marchabas non escribiras novela...

Para o outono. Mais si, novela non escribira. De feito, agora teño dúbidas. Tamén porque ‘Sete palabras’ supúxome un nivel de compromiso coa literatura, utilicei a literatura dunha maneira tan radical, que agora créame certa inseguridade afrontar outra novela… Mais serán os lectores os que decidan, os que digan se acertei ou non.

Dominio Público Foto: Tino Viz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.