Combarro xa navega: Encontro de embarcacións tradicionais

Algunha das embarcacións que xa se poden ver en Combarro © Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial

Este xoves botou a andar en Combarro (Poio) a XIII edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, un evento bianual que reúne 150 barcos chegados de todo o país pero tamén de Portugal ou do País Vasco. En terra, hai ademais unha chea de actividades co mar e a navegación como eixos, dende presentacións de libros a concertos, pasando por unha interesante programación para os máis pequenos.

Nesta ocasión destaca a ampla participación de embarcacións de Euskadi, acompañadas por unha ampla comitiva e da exposición “Nao San Juan, a construción da réplica dun baleeiro vasco do século XVI”. O evento galego foi escollido ademais polas institucións vascas para realizar unha acción de comunicación e de promoción especifica do Festival Marítimo de Pasaia, que terá lugar en maio de 2018, iniciándose tamén contactos con outros axentes culturais europeos que se congregan neste tipo de celebracións.

Este venres, así mesmo, a programación incluíu obradoiros infantís, un recital de poesía a cargo de Tamara Andrés, unha visita guiada ao conxunto histórico de Combarro, a presentación da revista Nova Ardentía e os concertos de Cé Orquesta Pantasma, Caxade e O Sonoro Maxín.

O sábado será un dos días grandes do Encontro, con varias presentacións de libros, recitais poéticos (Marta Dacosta, Lara Dopazo, Míriam Ferradás e Arancha Nogueira), roteiros e distintos obradoiros para cativos. Destaca a presentación do libro de fotografía de Xurxo Lobato Vento nas velas, e unha homenaxe aos falecidos do mar, que terá lugar ás 11 da mañá. Pola noite, os concertos correrán a cargo de Susana Seivane e o Orfeón Mariñeiro do Berbés.

Algunha das embarcacións que xa se poden ver en Combarro © Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial
Algunha das embarcacións que xa se poden ver en Combarro © Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.