0 Gardados para despois

"Cómpre un plan estratéxico para poñer en valor o xogo tradicional galego"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O xogo tradicional galego conta dende o mes pasado cunha base de datos online que compila os recursos existentes sobre o patrimonio lúdico do país. A iniciativa foi impulsada por son ETNOGA (empresa dedicada á investigación e á divulgación), o MELGA (Museo Etnolúdico de Galicia, situado en Ponteceso), XOTRAMU (Xogos Tradicionais Muimenta), TEMPO DE XOGAR (dedicada á investigación sobre o xoguete tradicional, con sede en Lourenzá e Tui), BRINQUEDIA (Rede Galega do Xogo Tradicional) e a AGXPT (Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional), ademais de persoas a título individual. A web tenta dar resposta a unha necesidade detectada cada vez dun xeito máis evidente por estes colectivos, pois as consultas que reciben as entidades que en Galicia se dedican á investigación e á divulgación do xogo tradicional son, ano a ano, máis numerosas.

A páxina, en constante actualización e crecemento, reúne ao redor de douscentos recursos sobre o patrimonio lúdico galego, un dos máis ricos da Península Ibérica. De feito, algunhas investigacións sitúan Galicia só un chanzo por detrás do País Vasco e de Navarra no número e vixencia dos xogos tradicionais. Así mesmo, as persoas e entidades participantes no proxecto crearon, de xeito paralelo á presentación da base de datos, a marca Patrimonio lúdico galego, para dotar de forma as iniciativas que están proliferando por toda Galicia de investigación, recuperación e posta en valor dos xogos tradicionais.

"O patrimonio lúdico é un dos compoñentes básicos da armazón cultural de Galicia"

Na base de datos poden atoparse os contactos de colectivos, empresas, clubs, centros educativos, museos, investigadores/as recoñecidos/as... pero tamén fondos documentais e bibliográficos, recursos musicais (tradicionais) ou recursos en liña. Podemos atopar, por exemplo, o completo traballo desenvolvido polo ENDL do CEIP Campolongo, baixo a dirección do profesor Nito Ferrer, co obxectivo de ofrecer en imaxes os xogos. Ou a descrición dos xogos realizada por Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional, para o encontro escolar de xogos tradicionais que a entidade organiza anualmente.

Paco Veiga, integrante da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT), destaca en conversa con Praza que "o patrimonio lúdico é un dos compoñentes básicos da armazón cultural de Galicia" e sinala que "estamos nun momento interesante, pero hai moito que facer". "Se houbese, como se intentou nalgunha ocasión, un plan estratéxico para poñer en valor o xogo tradicional, igual que houbo noutras facetas, poderíamos falar dun bo momento. Ese plan estratéxico é moi necesario. Hai moitos lugares próximos, e en toda Europa, nos que si se protexe e se potencian os xogos tradicionais", subliña.

"Os colectivos que nos dedicamos a isto recibimos ao longo do ano unha manchea de peticións de información, dende investigadores, empresas, particulares... Era evidente que había unha necesidade de reunir os recursos que temos. Non está todo, xa aclaramos que esta é unha páxina aberta, pero así a xente que necesita algo, xa pode localizalo alí", comenta.

"O xogo tradicional pasou por tres etapas. A primeira, etnográfica e folclórica, iniciouna a Xeración Nós. Despois, houbo que agardar á Transición para que chegase a etapa que nós chamamos recompiladora. E, xa nos anos noventa, comezaron a aparecer traballos universitarios, teses, entre outras iniciativas, como actividades en moitos centros de ensino", explica. "A investigación e a recompilación son o primeiro paso. Despois veñen todos os demais, sobre todo centrados na divulgación social, que hai que ir dando pouco a pouco", salienta.

"Debería haber un plan para levar os xogos populares ás escolas. E isto non é ciencia-ficción, porque isto existe na nosa contorna, por exemplo en Cantabria"

"Un país que se prece debe ter un concepto de país que guíe as súas políticas. Se a administración quere coller o touro polos cornos, debe analizar todo o que hai, que hai infinitas iniciativas, e tiña que dotalas de corpo", di. "En moitos lugares de Galicia hai entidades traballando, pero a maior parte dun xeito illado. Debería haber un plan para levar os xogos populares ás escolas. E isto non é ciencia-ficción, porque isto existe na nosa contorna, por exemplo en Cantabria. Alí os birlos cántabros ensínanse nas escolas", comenta. "Ou por exemplo, en Cantabria teñen tamén hai videoxogos para dispositivos móbiles cos xogos cántabros. Ese sería un camiño moi interesante para os xogos tradicionais galegos", engade.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.