A Asociación de Actores anovará a súa directiva con Toño Casais como único candidato a suceder a Morris

Toño Casais © Talía Teatro

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) escollerá este domingo o seu novo presidente, despois de que Antonio Durán Morris esgotase o seu mandato de dous anos e decidise non repetir no cargo. Os membros da asociación deberán votar en asemblea xeral a única candidatura presentada para a renovación dos cargos directivos e que encabeza Toño Casais, intérprete da compañía Talía Teatro. A lista que encabeza o máis que probable sucesor de Morris inclúe tanto caras novas coma nomes da directiva saínte.

“A intención é renovar a directiva, pero tamén manter antigos membros do equipo saínte. Temos a intención de desenvolver unha “política continuísta”, non buscamos romper co que se viña facendo nos últimos anos”, explica a Praza Toño Casais, quen abre unha candidatura na que Casilda Alfaro repetirá como vicepresidenta, Guillermo Carbajo será o secretario e na que tamén está o presidente saínte, Antonio Durán Morris.

Casais insiste na súa intención de levar a cabo “unha política continuísta”, o que significará manter a actitude reivindicativa que caracterizou o anterior mandato da AAAG

Casais insiste na súa intención de levar a cabo “unha política continuísta”, o que significará manter a actitude reivindicativa que caracterizou o anterior mandato da AAAG. “Seguiremos coa Plataforma das Artes Escénicas e continuaremos esixindo a necesidade de marcar unha política cultural estable e seria”, asegura Casais, quen explica que a determinación de que fose el quen se presentase á presidencia foi produto “dunha serie de reunións” e dunha “decisión conxunta e non persoal”.

 

O Ano Vidal Bolaño

Toño Casais será, á espera de que o domingo os asociados apoien a súa candidatura, presidente da AAAG durante os próximos dous anos. Nese período, a nova directiva ten varios desafíos. “O primeiro deles será a renovación do convenio colectivo dos asociados. O segundo será facer deste ano o Ano Vidal Bolaño. Un ano no que a presenza do teatro terá que ser esencial, non se pode reducir unicamente a que o Centro Dramático faga algunha produción. Ten que ser un ano de teatro galego”, adianta Casais.

"Ten que ser un ano de teatro galego”

Pola súa banda, Morris seguirá ligado á executiva da AAAG, polo menos, nos próximos doce meses. O intérprete de Doentes rexeitou a posibilidade de volver presentarse á presidencia, xa que considera que dous anos no cargo son “suficientes”. “Ninguén debería estar máis de dous anos neste cargo, porque hai que ter unha distancia e, despois dese tempo, adquírense uns vicios. É necesaria esa distancia para falar cos cargos da administración e poder representar os compañeiros”, explica Morris. “Se estás moito tempo nese cargo, ademais, deixan de verte como actor e vente máis como presidente. Iso non é nada bo”, sentencia.

“Se estás moito tempo nese cargo, ademais, deixan de verte como actor e vente máis como presidente. Iso non é nada bo”

Os membros da asociación votarán  este domingo a candidatura de Toño Casais nunha asemblea cuxa primeira convocatoria será ás 11.00 horas e a segunda, ás 11.30. Ademais, nesa mesma asemblea presentarase o informe da situación do ano 2011 e a memoria económica e tamén se votará o programa de actividades de 2012.

Toño Casais © Talía Teatro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.