0 Gardados para despois

"Os participantes nos cursos convértense en repetidores da cultura galega no estranxeiro"

Redacción | @prazapublica

Son 80, proceden de Alemaña, Austria, Brasil, Reino Unido, Canadá, República Checa, Chile, Croacia, Cuba, Estados Unidos, Hungría, India, Italia, México, Polonia, Romanía, Portugal, Ucraína, Xapón e doutras autonomías do Estado español. Son os e as participantes nos cursos de lingua e cultura galegas Galego sen Fronteiras, que chegan este ano á súa 30ª edición. Nestas tres décadas máis de 2.600 alumnos e alumnas participaron nesta experiencia, na que afondaron no coñecemento de Galicia e da súa lingua. Isto foi o que levaron, converténdose a cambio en embaixadores e embaixadoras da cultura galega en todo o mundo.

Este mércores participaron nun encontro de confraternidade no parque de Bonaval, en Compostela, unha das moitas actividades lúdicas ou culturais ás que veñen asistindo dende a súa chegada a Galicia a comezos deste mes e das que dá conta a web dos cursos. Este venres, por exemplo, estarán na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, onde terá lugar unha visita guiada por Anxo Angueira (presidente da Fundación Rosalía de Castro), que concluirá cunha conferencia da profesora Catherine Davies, directora do Instituto de Investigación en Linguas Modernas da Universidade de Londres.

"Asegúrovos que marcharedes namorados do país, da lingua, da musica, da memoria histórica e do patrimonio que hai detrás. O que non se coñece non se ama, e nós abrímosvos as portas ao coñecemento da nosa lingua e a nosa cultura para que compartades connosco este mundo sen fronteiras". Con estas palabras deulles a benvida o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes o pasado 3 de xullo. A Academia organiza desde 1988 estes cursos, que contan coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e o apoio da Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña.

"Constitúen un elemento moi importante de proxección exterior da lingua e da cultura galega"

Henrique Monteagudo, coordinador dos Cursos, salienta que "constitúen un elemento moi importante de proxección exterior da lingua e da cultura galega". "Os perfís son variados, pero unha parte importante son estudantes de primeiro nivel, investigadores moi cualificados que nun futuro serán profesores e acaban convertidos en embaixadores, en repetidores da cultura galega no estranxeiro", explica. Entre os e as participantes hai tamén unha parte que chega a Galicia a través dunha ligazón familiar, sinala Monteagudo: "Unha parte dos participantes si ten unha relación previa con Galicia, nomeadamente pola súa ascendencia, sendo fillos e netos de emigrantes, sobre todo de América Latina, principalmente de Arxentina", di.

As clases teóricas e prácticas desenvolveranse ata o 24 de xullo na Facultade de Filosofía e combínanse con obradoiros de música e baile e palestras impartidas por persoas do mundo da literatura, a música ou a arte dramática. Unha charla-concerto de Uxía Senlle e Sérgio Tannus, un espectáculo sobre Carlos Casares a cargo do actor Avelino González, unha conversa co actor Luís Iglesias, unha charla-recital da poeta e académica electa Chus Pato, un percorrido pola cultura na Rede da man do director de culturagalega.gal, Manuel Gago, ou un encontro coa poeta Rosalía Fernández Rial forman tamén parte do programa, que inclúe tamén varias excursións e visitas organizadas.

Entre os case tres mil mozos e mozas que dende 1988 veñen chegando a Galicia, hai moitos e moitas que hoxe son figuras destacadas nos seus campos. Botando a vista atrás, Monteagudo subliña que "este ano, por casualidade, difundiuse unha foto dos e das participantes no segundo curso que se fixera, en 1989. Aí estaba Johannes Kabatek, daquela un estudante avanzado e hoxe unha referencia internacional da lingüística, catedrático en Zürich, e que ten contribuído moito aos estudos galegos. Estaba tamén Burghard Baltrusch, hoxe profesor da Universidade de Vigo, que viña de Alemaña. Estaba Silvia Montero, de pai galego e nai alemá, que hoxe tamén é profesora na Universidade de Vigo. Ademais doutras moitas persoas, hoxe recoñecidas como investigadoras ou tradutoras", destaca.

"Contribúe a crear redes en moitos ámbitos: historia, antropoloxía, música (moi especialmente nos últimos anos) e isto é moi importante para Galicia"

Os efectos positivos que este curso crea e as redes que axuda a tecer son claros. "A nós enriquécenos moito a visión que nos dan dende fóra sobre a nosa lingua e a nosa cultura. E ademais contribúe a crear redes en moitos ámbitos: historia, antropoloxía, música (moi especialmente nos últimos anos) e isto é moi importante para Galicia", conclúe Monteagudo.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.