0 Gardados para despois

SaLa Montiel: a im-permanencia segundo Matarile

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


No ano 2010, Matarile Teatro decidiu botar o peche tras case 25 anos de actividade escénica. Ana Vallés e Baltasar Patiño despedíanse así dunha compañía fundada en 1986 e que, ao longo dos anos, funcionou como unha factoría de creación cuxas ramificacións artísticas abranguían proxectos como a desaparecida Sala Galán ou a posta en marcha do Festival En pé de Pedra. Mais o adeus de Matarile non resultou definitivo e converteríase nun deica logo que se alongou durante tres anos. “Matarile decidiu pechar durante tres anos. Puideron ser dous, puideron ser cinco. Finalmente, mantívose parada tres ano. Foi un tempo de reinvención e cando regresamos, en 2013, iniciamos unha nova etapa da que estamos moi satisfeitos. Unha etapa na que nos reinventamos e reinventamos os procesos de creación para estar máis preto do espectador. Nesta etapa buscamos non só compartir o espazo co espectador, senón estar verdadeiramente con el. Agora xa non imaxinamos unha montaxe na que non poidamos estar a metro e medio do espectador”, sinala Baltasar Patiño.

A compañía abrirá nunha vella fontanería de Santiago unha nova sala que estará en funcionamento un máximo de tres meses e lanza unha campaña de Verkami na procura de apoio

Con esa concepción, Matarile retomou a súa actividade en 2013 con Staying Alive, espectáculo que encerraba no seu título unha declaración de intencións. A montaxe ideouse, preparouse e estreouse no Auditorio da Universidade de Santiago, unha sala de grandes dimensións e carente de uso no medio do Campus Sur. “Os espazos hai que pisalos, hai que pisalos para poder comprendelos. Nós estivemos alí, entendemos o espazo e ese lugar impregnou o espectáculo. O espazo estaba presente durante toda a xira. Cando fomos a Romanía ou a Brasil con Staying alive, acompañounos aquel lugar”, explica Patiño, antes de reflexionar sobre todos os lugares que fican no abandono nas cidades que habitamos. “É incomprensible ter espazos así de abandonados. No Auditorio da USC poderíanse facer perfectamente dúas salas marabillosas. E hai moitos lugares en Santiago, como en todas as cidades, que están abandonados e son lugares que, realmente, lles pertencen á xente”, sentenza Patiño antes de sinalar outros exemplos na xeografía compostelá, centrándose principalmente naqueles de tradición industrial: a vella planta de Koipe ao carón da estación do tren, os almacéns de telefónica ou a antiga Ferretería Otero na Rúa Gomez-Ulla que, finalmente, ten un proxecto gastronómico para o seu futuro.

Catro anos despois dese regreso e de iniciar unha nova etapa de reinvención no que lle ofreceron aos espectadores montaxes como El cuello de la jirafa ou Antes de la Metralla, o camiño de Matarile Teatro cruzou cun deses espazos tan abandonados coma perdidos no tempo.  Na rúa García Blanco, moi próximo a Numax ou á Sala Capitol, resistía alí, baixo o esquecemento, unha antiga fontanería. “Referímonos ao lugar como unha fontanería, mais non era exactamente iso. Era unha especia de taller/almacén inmobiliario, de construción, con maquinaria antiga. E entre as diversas actividades que facían, tamén estaba a fontanería”, explica Patiño sobre un negocio que naceu fai 117 anos e que pechou moito antes de que comezase a medrar a burbulla da construción. “En certo xeito, era unha inmobiliaria retro”, apunta.

Matarile regresa á concepción de Staying Alive na medida en que precisan un espazo moi determinado para idealo e ensaialo. Así, Matarile crúzase con esta vella fontanaría que se reconvertirá na futura saLa Montiel.

Nese lugar Matarile atopou unha nova oportunidade para a confluencia de dous elementos esenciais para esta nova etapa da compañía. Por unha banda, a proximidade co espectador. Pola outra, a relevancia dos espazos e todas as súas pegadas. “O noso seguinte espectáculo, Circo de Pulgas, é un espectáculo importante para a compañía. Imos reunir un elenco moi potente con ex-matariles  como son Celeste González, Ricardo Santana, Nuria Sotelo, Mónica García e tamén algún reenganche novo como Óscar Codesido. É un reencontro do núcleo duro da compañía”, adianta Patiño sobre unha montaxe que, dalgún xeito, regresa á concepción de Staying Alive na medida en que precisan un espazo moi determinado para idealo e ensaialo. Así, Matarile crúzase con esta vella fontanaría que se reconvertirá na futura saLa Montiel.

Da Galán a La Montiel

“La Montiel nace para acoller os ensaios de Matarile”. Esa é a explicación urxente, o breve resumo que deita Patiño. E resulta tan breve coma inexacto. Porque saLa Monitel non será unicamente un espazo para os ensaios, senón que recollerá unha programación dinámica e servirá de punto de encontro creativo na cidade. É dicir, Matarile planifica ensaiar o seu novo espectáculo nesta contorna especial e, para iso, a fontanería deberá someterse a unha estruturación e un  acondicionamento. En certo xeito, esas reformas son a mecha para La Montiel. Despois virá todo o demais: a sala aberta ao público, a programación, o encontro artístico. “Ensaiaremos alí, pero concibímolo como unha prolongación, entendendo La Montiel como un concepto moi aberto, plural. Non será unicamente un recurso onde diferentes compañías e proxectos estean para seren distribuídos ou potenciados. A idea vai máis alá”, detalla Patiño para se referir á filosofía dun proxecto que nace xa con data de caducidade. Porque na mente da compañía non está a consolidación e moito menos o longo percorrido. “Dende que esta idea xurdiu, que comezou a nacer fai xa dez meses, sempre a formulamos cun principio de non continuidade, durará tres meses e desaparecerá. Falamos dun espazo de Im-permanencia”, explica Patiño, antes de engadir que a saLa Montiel nace “coa poética da conta atrás”.

Dureza visual

“Se a Galán era moi de punta en branco, en La Montiel apostamos pola dureza visual”

En La Montiel, Matarile verterá a súa longa experiencia no mundo da programación e a xestión cultural. Unha traxectoria que estivo definida en grande medida polo seu traballo á fronte da desaparecida Sala Galán, espazo referencial para as artes escénicas entre 1993 e 2007. Non obstante, as diferenzas entre o antigo espazo e este novo lugar serán claras dende a propia formulación. “É certo que hai unha experiencia acumulada importante, tanto das cousas que se fixeron ben como as que se fixeron mal. Falar da Galán é falar dun espazo que, poñan como se poña quen se poña, foi fundamental para abrir a danza e o teatro contemporánea en Galicia. Pero esa é outra historia, os conceptos agora son ben diferentes. Se a Galán era unha maquinaria de loxística técnica, La Montiel será de austeridade total. Preténdese que sexa un espazo diferente, que ademais de temporal, implique a eliminación das distancia, será un lugar de luz común entre o público e o artista”, resume Patiño.

Deste xeito, a compañía realizará unha mínima intervención sobre o local. Limitaranse á limpeza, ao condicionamento, á colocación dun chan de madeira e á instalación dunha rede de trescentas bombillas polo teito, creando así a luz compartida sobre as cabezas dos artistas e os espectadores. A vella maquinaría ficará no local, como vestixio da singularidade orixinal deste baixo comercial. E volven as diferenzas coa Galán. “Se a Galán era moi de punta en branco, en La Montiel apostamos pola dureza visual”, sentencia Patiño antes de recoñecer que se trata “dun espazo complicado, difícil de artellar”.

Esa dureza visual impregnará os 180 metros cadrados cos que contará La Montiel. Desa superficie, a futura sala im-permanente contará con 135 metros cadrados destinados ao espazo escénico totalmente modificable, cunha capacidade autolimitada a cincuenta visitantes pola actividade. A súa flexibilidade permitirá dedicar un espazo escénico de nove por quince metros. Ademais, o lugar contará con diferentes espazos independentes, dous deles destinados a camerino e almacén. O terceiro será ocupado por Ediciones Invasoras, selo de literatura dramática que brinda o seu apoio a este proxecto. Ademais, as tres vellas máquinas de ferro fundido que se conservan a día de hoxe permanecerán na entrada da sala para a súa exhibición.

Campaña de Verkami

Dos 9.000 euros que andan a procurar, nunha semana acadaron o 21% da cantidade solicitada

Matarile busca a través dunha campaña de Verkami apoio financeiro para desenvolver a saLa Montiel e, de momento, a recepción do público acompaña a iniciativa. Dos 9.000 euros que andan a procurar, nunha semana acadaron o 21% da cantidade solicitada. Os fondos, tal e como se recolle na propia campaña, destinaranse ao pagamento de mes e medio do alugueiro do espazo, así como o seu acondicionamento e limpeza. Eses cartos tamén se destinarán para o contrato do seguro civil, a contratación do enganche eléctrico ou a creación do rótulo. Mais Matarile non deixará en mans do Verkami o conxunto da inversión, xa que farán achegas importantes para levala ao cabo. Así, pagarán mes e medio do alugueiro, o tempo que estarán ensaiando Circo de pulgas na vella fontanería. Tamén achegarán os materiais técnicos de iluminación e son, o traballo de coordinación cos artistas participantes, a comunicación, o deseño gráfico e o mantemento da web ou os traballos de acondicionamento e saneamento do espazo. Esas son as intencións en canto o financiamento, mais en Matarile teñen claro que independentemente de que a campaña de Verkami funcione ou non, La Montiel será unha realidade.

Programación

Na actualidade, Matarile está a encarar os traballos de acondicionamento do lugar, mais tamén a elaboración da programación que se ofrecerá no espazo entre o inicio da actividade (prevista para setembro) e o seu peche, que podería variar segundo a súa acollida. A primeira data de despedida que se baralla é o 7 de novembro, pero Matarile podería alongar a experiencia un mes máis. Dependerá da resposta do público e o interese suscitado. Neses meses de vida, La Montiel ofrecerá unha serie de espectáculos e iniciativas que, de momento, a compañía non quere adiantar até tela máis definida. De momento, marcan as liñas mestras nas que están a traballar. “O primeiro que hai que ter claro é que queremos que sexa un lugar dinámico, non imos programar de forma habitual, non vai ser unha programación na que repetiremos o mesmo espectáculo venres, sábado e domingo. Nese sentido será aberta e coa posibilidade de que se alguén quere realizar unha actividade, un evento ou facer un ensaio, tamén estará aberta continuamente a propostas. Por outra banda, tamén temos claro que queremos programar traballos interesantes que, por unha serie de razóns, non se distribúen polos circuítos. Traballos que consideramos que hai que ver, que teñen un interese escénico importante e que lle teñen que chegar ao público”, explica Patiño.

"A Escola de Arte Dramática (ESAD) fai un traballo, hai unha serie de profesores para ensinarlle ao alumnado outras formas de facer e hai alumnos que están a responder. Eses espectáculos teñen que verse. O teatro debe asumilo dalgunha maneira", di Patiño

Neste punto, Matarile ten a súa atención posta ás novas xeracións que están a xurdir no panorama teatral galego a través da Escola de Arte Dramática (ESAD). “Agora mesmo, estase a  producir algo que nunca antes se deu en Galicia: o teatro que ven. É a primeira vez que acontece algo así. Pensemos que até agora, o teatro en Galicia foi xurdindo primeiro polo teatro alternativo galego, despois apareceu o Centro Dramático Galego e máis tarde as Salas que como a Galán ou a Nasa crearon públicos. Agora está a ESAD, este é un cambio importante. A ESAD fai un traballo, hai unha serie de profesores para ensinarlle ao alumnado outras formas de facer e hai alumnos que están a responder. Eses espectáculos teñen que verse. O teatro debe asumilo dalgunha maneira. Os programadores teñen que abrirlles espazos a esta xente. Son o recambio”, remata Patiño.

Estes son os principais trazos dun espazo im-permanente que a volta de verán ofrecerá novas posibilidades escénicas no centro de Santiago. Matarile, deste xeito, regresará ao mundo da programación. Polo menos, durante un meses. Ou non. “La Montiel aparecerá e desaparecerá en Santiago; é un proxecto que non estará vinculado por sempre a un espazo”, explica Patiño, antes de deixar unha pregunta no aire. “Aparecerá e desaparezá en Santiago, si... Pero por que non poderá aparecer noutro lugar? Talvez o ano seguinte en Vigo. Quizais, dentro de dous en Madrid”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.