0 Gardados para despois

Xesús Couceiro: "O que se fixo coas axudas ao libro en galego foi pan para hoxe e fame para mañá"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


A librería Couceiro de Santiago vén de cumprir 10 anos na súa actual ubicación, na praza de Cervantes. Mais a súa historia comezou moito antes, cando o seu fundador, Xesús Couceiro, buscaba, dentro do mundo do comercio, un sector do que puidese desfrutar. Pensou no libro e acertou. Falamos con el para repasar a traxectoria deste establecemento, parte imprescindible da paisaxe urbana e cultural de Compostela.

Comezou vendendo máquinas de coser. Como pasou de aí aos libros?

O primeiro traballo que tiven foi vender máquinas de coser. Tiña 16 ou 17 anos, e o dos libros veu moito despois, con 28. Polo medio traballei moitos anos nunha empresa de venta de electrodomésticos. Despois, como non quería ir á mili, marchei para Suíza, e botei alí dez días…

"O primeiro traballo que tiven foi vender máquinas de coser"

Como foi iso?

Cheguei por Xenebra. Non me gustou nada o que vin. Metíannos nun local, e os que tiñan contrato de traballo ían para un lado, os que ían traballar no campo ían para outro, e os demais eran pechados nun soto antes de repatrialos. -Isto foi nos anos 60-. Estiven dous días alí e dixen, nada, isto non é para min. Fun a Lyon, onde estiven buscando traballo uns días. Despois a Girona e despois a Barcelona. Ata que se me acabaron os cartos. Decidín comprar un billete de volta para a Coruña. E daquela viaxar en tren non era coma agora. De Barcelona e Xenebra fora toda a viaxe de pé… Cheguei á Coruña e, cando me abriron a porta na casa, dixen: fun a América e xa volvín!

Eu marchara porque non quería facer a mili. Así que volvín traballar na mesma empresa que deixara, ata que tiven que ir facer a mili. Á volta nomeáronme xefe de ventas e despois fixéronme ir de xerente para a sucursal de Santiago -obrigáronme, que eu non quería ir-. Multipliquei as ventas. Coordinaba un equipo de dous ou tres viaxantes, tres ou catro profesores -organizábamos cursos- e uns 30 representantes. Pero a venda a domicilio é moi agresiva, e ás veces había xente que non podía pagar e tiña que acompañar eu ao vendedor para retirar o produto. Imaxina: ver chorar os nenos porque lles levabamos a televisión, unha muller á que lle levábamos a máquina, que era a ilusión da súa vida… Comecei a pensar en que traballo podería ter que me gustase e cheguei á conclusión de que o mellor ía ser montar unha librería.

"Comecei a pensar en que traballo podería ter que me gustase e cheguei á conclusión de que o mellor ía ser montar unha librería"

E así naceu…

O día 10 de marzo de 1969. A librería foi unha auténtica revolución naqueles tempos. Os libreiros estaban anquilosados e eu, queiras que non, viña do mundo executivo. O primeiro que fixen foi poñer os libros ao alcance da xente. Empecei con libro escolar e papelería, na rúa de San Pedro. Despois abrín unha librería na República do Salvador, no ano 75, e seguín coa outra dous ou tres anos. Despois abrín outra en Rodrigo de Padrón, dedicada a libros de medicina, que me durou pouco por incompatibilidades miñas. Despois abrín outra no Franco, dedicada ao libro antigo, e despois a do Hórreo. Na do Franco, unha vez, veu a unha presentación dun libro Otelo Saraiva de Carvalho. A xente empezou a erguerse, a facer rebumbio, e el dixo: “non, non, por favor, que eu só veño ver ao meu amigo Couceiro!”.

"A librería foi unha auténtica revolución naqueles tempos, no 69"

Xa daquela tiñan actividade cultural na libraría, entón?

Polos anos 80 comezaron as actividades. Pero xa antes publicabamos un boletín, que se chamaba ‘Ben dado’, que facíamos chegar a todas as bibliotecas e centros de ensino e á xente que o pedía, que era entón o único censo de publicacións de Galicia. Polo ano 79 houbo que legalizalo no Ministerio de Interior, e era unha publicación en galego… Pero si, fixemos moitas actividades, coma exposicións do libro galego en Portugal, en Xenebra, en Lausana…

"Facíamos exposicións do libro galego en Portugal, en Xenebra, en Lausana…"

E tiveron problemas, ao final da ditadura, por vender algún libro determinado?

Había censura e moitos libros eran secuestrados pola policía. Pero non tivemos problemas por iso, non.

Por que decidiu marchar para a zona vella, onde está hoxe a librería?

O traspaso do local da República do Salvador decidimos investilo nun edificio pensado na continuidade dos que viñan detrás. É a praza onde, historicamente, houbo máis actividade comercial en Santiago. Cóntao Encarna Otero nun texto que nos escribiu para a celebración dos 10 anos da nova libraría. E se pensamos no que era a praza antes e o que é agora, ninguén a coñecería…

"Se pensamos no que era a praza antes e o que é agora, ninguén a coñecería…"

Pero a libraría Couceiro non é só a de Santiago. Vostede envolveu no negocio os seus irmáns…

Hai na Coruña catro librarías Couceiro. Unha pechou porque se xubilou miña irmá. Outro dos meus irmáns era o que tiña comigo unha compañía discográfica, a máis importante que houbo en Galicia, a Compañía Discográfica Galega, actualmente Clave Records. Na librería da República do Salvador tiña unha sección de discos, pero despois o tema dos discos fóiseme atragoando e decidín deixalo para poñer libro vello.

Unha das plantas da libraría Couceiro actual está dedicada a iso. Como comezou a interesarse polo libro vello?

Eu cheguei ao mundo do libro sen coñecemento, por unha corazonada, como dicía antes. Despois coñecín moitos libreiros por España, porque fun vicepresidente da asociación de libreiros de España, e moitos deles tiñan libro vello e outros eran auténticos bibliófilos. Cando eu empecei co libro vello xa non quedaban librerías de libro vello en Galicia. Houbera moitas, pero pecharan. E considerei que era algo a recuperar. Daquela, ademais, non era difícil conseguir libro vello, comprando bibliotecas de curas, de herdanzas… Hoxe xa non hai.

Por que?

Os casaríos fóronse acabando…

E vostede ademais é un experto taxador de libros…

Teño taxado moitas bibliotecas, si, e tamén para a administración, para xulgados…

Ten libros e tamén documentos variados, como cartas.

Nas bibliotecas, normalmente, xunto aos libros hai documentación. E hai documentos que poden valer moito diñeiro, claro. Depende da época, do tema, do estado de conservación…

E de libros? Que libros podería salientar dos que tivo?

Un libro moi importante que tiven eran as Actas do Reino de Galicia. A Audiencia da Coruña pagáralle a unha empresa de Santiago para que se instalara na Coruña para facer o libro, porque aquí non había medios… Despois, ‘A marquesa de Camba’ ou ‘Salomé de Sar’.

Tamén edita vostede mesmo. Como empezou iso?

Empezou polos 80 porque eu tiña moita relación con Luis Mariño e Carlos Delgado. Carlos tiña unha imprenta e Luís era editor. Editaba co nome ‘Edicións do Cerne’. Carlos xubilouse, Luís morreu e eu comprei a editorial e decidín dedicalo ao facsímile de libros sen dereitos de autor. Xa se converteu na editora que máis libros de cociña leva publicado.

Agora edítase menos libro en galego…

A diferencia máis grande é que antes facíase unha edición de 2.000 ou 3.000 exemplares e esgotábase, porque o libro galego mercábase incluso por militancia, pero agora sacan 200 ou 300 exemplares e non se dá vendido. O libro empezou a subvencionarse e entón xa non se compraba, porque editábase e agasallábano…

"Antes facíase unha edición de 2.000 ou 3.000 exemplares e o libro esgotábase, agora sacan 200 ou 300 e non se dá vendido"

Refírese á compra de libros pola Xunta para dotar as bibliotecas?

Si. O problema foi que non se fixo promoción. O libro é un produto comercial, queiramos ou non, e ningún produto funciona no mercado sen promoción. Iso foi un fallo da administración e dos editores. Como os editores xa tiñan o beneficio asegurado porque a Xunta compraba moitos libros, non se fixo por crear a necesidade do libro, por iso non se vende. Iso crea unha dinámica que é que se editan máis libros dos que pode absorber o mercado, e despois os editores non poden asumir os custos de almacenaxe do libro. E pasa o que pasa.

"Como os editores xa tiñan o beneficio asegurado porque a Xunta compraba moitos libros, non se fixo por crear a necesidade do libro, por iso non se vende"

Mais o peor golpe de morte que puideron darlle ao libro foi facer festivo o Día das Letras Galegas. Facíanse actividades en todos os centros de ensino, nas asociacións culturais… Era un día de festa, pero traballábase, e celebrábase moito. Vendíase nun día se cadra un 5% da produción do libro galego, aínda moi lonxe do que venden en Cataluña no Sant Jordi, que é o 20%. Agora aquí non se pasa case do cero por cento.

A que se refire con promocionar o libro?

A destinar unha porcentaxe da subvención aos libros para a promoción, e para iso tiñan que chegar a acordo Xunta e editores. O que fixeron foi pan para hoxe e fan para mañá, e mañá xa está aquí. Había que crear a necesidade do libro, ir a todos os lados con el: aos colexios, facer exposicións… E non telo pechado en almacéns. Facer o libro visible.

Se cadra os libreiros tampouco están moi unidos, como sector.

Non é un sector articulado, non. Non hai ilusión. Eu sempre dixen que era un sector adurmiñado. Non é un sector dinámico, probablemente porque a libraría nunca foi un gran negocio. Máis ben estivo rexida por xente con moita ilusión, moita dedicación e moito traballo, que desfrutaba co seu traballo. Proba de que non é un gran negocio é que hoxe moitas librarías non teñen continuidade.

"Non é un sector articulado, non. Non hai ilusión. Eu sempre dixen que era un sector adurmiñado"

Moitas librerías antigas pecharon. Tamén abren algunhas novas, pero son as menos. Non pensa que internet estea a ser o problema, entón?

Non. O que pasa é que o sector ten que transformarse. Unha librería ten que especializarse. Con todo non se pode.

E por que non hai continuidade xeracional?

Nas editoriais hai máis continuidade, nas librerías é máis difícil. Por España adiante pecharon moitas librerías que estaban no centro das cidades. Nos anos 80 veu o boom da banca, e moitos libreiros gañaban máis vendéndolle o seu local á banca que traballando toda a vida. Iso pasou en moitos sitios.

"Nos anos 80 veu o boom da banca, e moitos libreiros gañaban máis vendéndolle o seu local á banca que traballando toda a vida"

As librerías tamén foron perdendo presenza social. As que funcionan agora coidan moito iso: presentacións, actividades…

Podes tela de diferentes maneiras. Nós fixemos moitas cousas: presentacións, visitas a colexios, exposicións…

E que tipo de libros se venden máis? Couceiro tamén ten unha parte de libro en castelán.

As últimas novidades e os libros de saldo, que son restos de edición, moitos deles de editoras que tiveron que pechar.

Non deberon ser fáciles os primeiros anos para a Couceiro nova. O investimento debeu ser moi grande…

Si, coincidiu un momento de crise económica cun investimento moi grande. Pero as ventas foron recuperándose pouco a pouco. Polo menos, agora non están en descenso.

"As ventas foron recuperándose pouco a pouco. Polo menos, agora non están en descenso"

Épocas difíciles houbo máis, e por distintos motivos. Houbo un tempo, despois da morte de Franco, no que tiñan que vixiar…

Si, quen vixiaba era eu. Houbo unha época na que se roubaban moitos libros, si. Foi despois da ditadura, polos anos 75-80. Víñase dunha época na que todo estivera prohibido, e creouse unha idea social de que quen compraba un libro era que non sabía roubalo… Hoxe é moi raro que che rouben un libro.

Hoxe, ás veces, tamén a distribución ten problemas…

Un libro non é coma outro tipo de produto. Compras outra cousa e podes tela na casa en 24 horas. Un libro pode tardarche ata 15 días. Non hai diñeiro, e transportar un libro custa moito diñeiro. Os editores e distribuidores agardan a ter abondos libros para enviar, para que compense facelo.

Agora a librería está en mans dos seus fillos. Como a viu cambiar vostede nestes anos, desde que están na zona vella?

Si, a librería lévana os meus fillos, Pablo, María e Araceli. A librería cambiou moito porque é un tipo de público diferente. Turistas, por exemplo, ou xente maior que vive na zona vella. E unha librería ten que ir adaptándose, tamén, ao que lle piden… Ademais, como dicía antes, agora as tiradas dos libros son moito máis pequenas, ademais de editarse menos títulos. A situación cambiou moito.

"A librería cambiou moito porque é un tipo de público diferente"

E as editoras pequenas? Que papel teñen? Teñen o seu público, máis especializado…

A diferencia principal é a capacidade de distribución. Unha editora pequena chega a menos puntos de venta. Pero as editoras pequenas si fan un traballo moi grande de comercialización, de promoción. Van a todos os sitios, fan moitas presentacións, e teñen a súa “parroquia” á que xa lle venden directamente moitos libros só con presentalos… Despois tamén depende moito do que se edite. Non é igual a novela que a poesía ou os libros de arquitectura, por poñer algúns exemplos. Os poetas, por exemplo, están moi unidos entre eles. Fai un unha presentación e van todos…

E os medios de comunicación?

Non teñen unha sección dedicada ao libro, que sería o conveniente.

Vostede é un dos fundadores de Laiovento, ademais. Gañaron o Pedrón de Ouro hai non moito.

Eu son un simple socio. Laiovento creouse nun momento clave no que, por culpa das subvencións, os editores non daban liberdade aos autores por motivos de normativa.

Coma agora, agás excepcións.

Laiovento saíu cuns principios de da liberdade aos autores, de non censurar ningún libro nin por motivos de ortografía nin por outra cousa, mentres tivese calidade. A editora cumpriu 25 anos hai pouco. Cando comezamos, eramos Francisco Pillado, Xosé Manuel Beiras, Manuel González, Afonso Rivas, Pepe Couceiro e eu. Houbo unha ampliación de capital e agora hai 20 ou 30 socios máis.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.