Boyanka Kostova: O trap en galego chega a Riazor

Os dous integrantes de BoyankA KostovA © BoyankA KostovA

O trap está de moda, tamén en Galicia. Os composteláns BoyankA KostovA convertéronse o ano pasado na primeira formación de trap en galego. E o seu éxito está a ser innegable: decenas de concertos (Vigo, Lugo, Ourense, O Grove, Escairón, Chantada, unha chea deles en Santiago, mesmo en Salamanca ou Viana do Castelo...) e media ducia de temas e videoclips que suman milleiros de visualizacións en youtube. Faltáballes tocar na Coruña e o momento chegará este sábado no marco do Festival Noroeste. Ás 21 horas, na praia de Riazor, BoyankA KostovA actuarán xusto antes de Iván Ferreiro e The Jesus & Mary Chain. BoyankA KostovA (nome dunha levantadora de pesa búlgara) está formado por Cibrán (Saibran Yiyi) e Chicho (O Chicho Do Funk), co que falamos.

Tanto Cibrán coma ti estivérades noutros grupos. Como chegades a formar este proxecto?

Eu, antes de coñecer a Cibrán, tocaba xa co seu irmán. Un día xuntámonos nós os tres e máis xente e formamos unha serie de grupos (Frederick, Estupefazebras). Cando estes grupos foron desfacéndose Cibrán e eu decidimos seguir adiante e montamos Boyanka, en abril do ano pasado.

"Ás veces aparecemos como 'flow costumista', porque falamos das cousas dos vellos, das leiras..., pero sen ese punto de autoburla que é bastante común noutro tipo de grupos, que falan do rural e se rin del"

Como xorde o nome?

O nome vén dunha noite na que eu andaba facendo zapping pola televisión e puxen Teledeporte e alí estaba Boyanka Kostova. Pareceume un nome incrible para un grupo, sobre todo para un grupo de trap, e sobre todo sendo o nome dunha mullerona como é ela. Fíxonos gracia e quedou así.

Como definides o voso estilo?

O noso estilo é trap, pero o trap non deixa de ser unha mestura de rap, de música electrónica. Tratamos temas da actualidade, da nosa actualidade, do que nós vivimos todos os días. Ás veces aparecemos como 'flow costumista', porque falamos das cousas dos vellos, das leiras..., pero sen ese punto de autoburla que é bastante común noutro tipo de grupos, que falan do rural e se rin del. Nós falamos diso porque temos avós e teñen leiras, nós somos de pueblo e queremos que se saiba.

Aparecedes destacados como 'a primeira banda de trap en galego'. Non sei se sodes aínda os únicos ou se coñecedes algún máis... 

Hai algunha xente que fixo algunha canción de trap en galego, pero de forma esporádica, non se dedican realmente á música.

"Nós facemos trap porque nos gusta esta música, pero non imos quedar aí: temos temas de reggaeton e temos temas de rap clásico"

En todo caso, como chegades ao trap? Como fostes definindo o voso estilo?

No primeiro grupo que montamos Cibrán facíamos realmente o rap con banda de toda a vida, un pouco como o que facía Kase.O coa súa banda de jazz. Pero despois no seguinte proxecto que tivemos xa comezamos a experimentar co trap. Nós facemos trap porque nos gusta esta música, pero non imos quedar aí: temos temas de reggaeton e temos temas de rap clásico. Pero no trap sentímonos cómodos e a verdade é que é un estilo que funciona e que está pegando forte agora mesmo.

"Nós tamén cantamos sobre eses temas, pero tamén tentamos cantar cousas que nos representan. Nós non somos uns ultranarcos nin xente que se vai pelexando por aí"

Sobre o trap dinse moitas cousas, entre elas que as súas letras son machistas, violentas, que falan moito de drogas... Que opinades destas críticas?

É certo que as letras das cancións de trap polo xeral tratan temas de drogas, de conflito e demais. Que esa sexa a norma, non quere dicir que nós o fagamos. Nós tamén cantamos sobre eses temas, pero tamén tentamos cantar cousas que nos representan. Nós non somos uns ultranarcos nin xente que se vai pelexando por aí con outros.

"De momento seguiremos con este mesmo método de traballo: sacar cancións, gravarlles videoclip e que a xente as escoite libremente en youtube"

Tedes varias cancións no voso bandcamp e en youtube. Tedes en mente gravar un disco, un ep...?

As cancións que temos subidas son as que teñen videoclip e de momento seguiremos con este mesmo método de traballo: sacar cancións, gravarlles videoclip e que a xente as escoite libremente en youtube. E despois pode que haxa disco, ou pode que non; iso dependerá do que nós nese momento necesitemos ou queiramos. Pero de momento estamos comodísimos con este formato.

Ides tocar ás nove (aínda de día), nun escenario grande, nun momento no que o publico aínda está chegando ou está frío. Como o ides quentar?

Si, iso é certo. Pero este ano levamos moitos concertos e o único sitio que nos queda por ir é A Coruña, e sabemos que hai un sector bastante grande de xente na cidade que está esperando este concerto con bastante ganas. É certo que tocamos ao principio, pero é o noso traballo: temos que animar a xente e non creo que nos vaia tremer o pulso.

"Moitos din que a xente que fai trap non sabe de música, que fai calquera cousa, pero todo isto está pasando por nós curramos moito todos os días, moitas horas"

Estades, entón, satisfeitos con como está resultando este ano. A que credes que se debe o voso éxito?

Si, estamos tendo éxito, moitos bolos e ademais tocamos con xente moi importante como Pedro LaDroga, El Coletas..., que é a música que eu escoito na casa. Así que para min todo isto é un honor. Creo que a xente queda encantada dos nosos concertos. Moitos din que a xente que fai trap non sabe de música, que fai calquera cousa, pero todo isto está pasando por nós curramos moito todos os días, moitas horas. E isto vese no resultado final.

Os BoyankA KostovA, nunha actuación © BoyankA KostovA
Os BoyankA KostovA © BoyankA KostovA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.