Canido fai un chamamento a Banksy para que veña pintar unha 'Menina'

Un dos murais que se poden ver no barrio ferrolán © Meninas de Canido

"Querido Banksy. Temos reservado un espazo para ti nunha das nosas rúas para que poidas libremente expresar a túa interpretación máis persoal das Meninas e axudarnos a facer do noso barrio un lugar máis fermoso no que vivir. Agardamos por ti. Os residentes do barrio de Canido, Ferrol". Nos últimos días comezou a aparecer en distintos xornais impresos do Reino Unido, Italia e outros países un anuncio no que a veciñanza deste barrio ferrolán convida o enigmático artista Banksy a desprazarse á cidade para participar no festival de arte urbana que todos os veráns enche os muros de interpretacións do famoso cadro de Velázquez. Ademais dos anuncios en prensa, a mensaxe aparece tamén nalgún valo publicitario en Inglaterra.

Non se sabe se Banksy se dará por aludido ou se nalgún momento veremos algunha Menina da súa autoría. En calquera caso as Meninas de Canido celebrarán o vindeiro 2 e 3 de setembro a súa oitava edición, coa participación confirmada duns 80 artistas, que pintarán novos murais polas fachadas e muros do barrio ou completarán ou restaurarán os xa existentes. O festival, nacido en 2008, crece ano a ano, converténdose xa nun símbolo da cidade naval en toda Galicia e España e -polo que parece grazas a esta campaña publicitaria- noutros lugares de Europa.

Eduardo Hermida organiza o evento dende hai case unha década. En 2008 puxo en marcha xunto con outros artistas locais unha experiencia de arte na rúa para darlle vida ao barrio e denunciar o seu abandono. Artistas novos da comarca e doutros lugares do país uníronse á iniciativa, entre eles o coruñés Jorge Cabezas, que realizou un mural que foi borrado e que espertou a solidariedade de creadores de todo o país. Ese foi só o comezo, pero nas sete edicións celebradas ata agora foron pintadas máis de 400 obras (algunhas xa desaparecidas), que contribúen a facer de Canido un barrio único.

"Nestes anos foise conseguindo o obxectivo que buscabamos dende un comezo, que era recuperar este espazo, recuperar o conxunto do barrio. Cada vez hai máis casas abandonadas, rehabilítase máis e máis xente nova vén vivir aquí", destaca Hermida, que destaca o crecemento da iniciativa: "Este ano veñen 80 artistas de toda Galicia, de Madrid, de Barcelona, mesmo de Polonia. O que lles pido á xente que xa pintou algunha obra en anos anteriores é que en lugar que facer obras novas melloren, completen ou restauren as existentes. Porque ao estar á intemperie van degradándose, van perdendo a cor...", explica.

Hermida comenta tamén que a edición 2017 será menos reivindicativa e máis centrada na propia arte. "Ata agora foi unha cousa moi familiar, moi pequena, moi de barrio e sempre quixemos manter ese espírito, que leva a que no evento todos os anos se involucren moito os propios veciños e veciñas. O máis marabilloso é esa relación entre os artistas e os propios veciños. Esa solidariedade, esca comunicación que se crea entre eles", destaca. Porén, advirte que "cada ano faise máis grande e máis profesional" e que "para as vindeiras edicións teremos que pensar cal vai ser o paso seguinte; temos que pensar se queremos volver ser un evento pequeno e moi centrado no aspecto reivindicativo ou se queremos crecer e diversificar as actividades, converténdonos -salvando as distancias- no que hoxe é o Festival de Cans", di.

 

A edición 2017

O evento -que comezará o sábado 2 ao mediodía cun pregón do ex-xogador de baloncesto Miguel Loureiro- inclúe unha boa dose de música, cos concertos de Malevaje, Lenda Ártabra e Chiculate (o sábado) e Radio Océano e o grupo de jazz-swing Hot Chocolates (o domingo). A celebración inclúe tamén o mercado de arte Mercalegre e a homenaxe ao gaiteiro e luthier Antón Varela, finado recentemente. O festival conta co apoio do Concello de Ferrol, da Deputación da Coruña e tamén de empresas privadas como Estrella Galicia e Afundación.

Entre as novidades desta edición está a sinalización de todos os murais e a difusión dun itinerario para que os centos de visitantes poidan percorrer o barrio buscando as distintas Meninas que dende a mañá do sábado e ata o domingo pola tarde estarán sendo pintadas polos e polas artistas participantes. Haberá tamén obradoiros de fotografía e photowalks pola Ruta das Meninas guiados polo blogueiro de viaxes Víctor Gómez (@machbel). Ademais, a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol convidou un grupo de coñecidos e coñecidas bloggers para que coñezan a cidade e o evento e compartan a súa experiencias cos seus seguidores e seguidoras: saltaconmigo.com, Dani Keral (unviajecreativo.com),  aworldtotravel.com e Diego Pons (Viajando con Diego).

Continúa deste xeito o traballo de promoción iniciado hai uns meses en FITUR, onde Ferrol realizou unha campaña específica centrada nas Meninas. Na actualidade poden visitarse en distintos lugares do barrio de Canido unhas 200 obras inspiradas no cadro de Velázquez. E, ademais, 20 delas poden verse a través da app de realidade aumentada Visuar, que ofrece información complementaria sobre as obras cando o smartphone as enfoca. 

Eduardo Hermida fai un chamamento a todas as persoas que non coñezan esta iniciativa a que se acheguen o 2 e 3 de setembro para ver ose as artistas traballando en directo. "Este é outro Ferrol, fóra da idea que se ten del, dese espazo gris e metálico. Este é un Ferrol diferente, cheo de cor, de arte, de cultura e, sobre todo, de esperanza. Boa parte do éxito das Meninas está nisto", conclúe.

Anuncio publicado esta semana no Times Dominio Público @AndrewBloch
Outra das interpretacións do cadro de Velázquez © Meninas de Canido
O anuncio, na prensa italiana © Sm-Art People
O evento busca tamén embelecer e favorecer a recuperación dun barrio con moitos espazos degradados © Meninas de Canido
Cartel da edición 2017 © Meninas de Canido
Valo publicitario colocado en Inglaterra Dominio Público @pablocesto8

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.