0 Gardados para despois

"As editoriais vivimos nunha resistencia cultural constante"

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


Alvarellos Editora celebra neste 2017 corenta anos de traxectoria, xa que este histórico selo botou a andar en 1977 da man de Enrique Alvarellos Iglesias. Dende aquela até hoxe, Alvarellos viviu diferentes etapas, sobre todo dende que o falecemento do seu fundador en 2004 deu paso na dirección da editora ao seu fillo, o xornalista e filólogo Henrique Alvarellos, quen nos últimos anos mantivo a actividade desta veterana empresa do sector galego do libro. Falamos co actual director do selo  nesta entrevista sobre o pasado e o futuro, tanto de Alvarellos coma do sistema editorial do noso país.

Alvarellos fundouse en 1977...
Si, presentouse na Sala de Arco da Vella en Lugo. Abriu o selo cunha novela do meu pai, Botei corenta anos, unha obra de ficción autobiográfica, e un poemario de Paco Ledo, Poesía dun labrego, que era un feixe de poemas da terra, moi orixinal e que foi editado con papel de estraza. Para meu pai, este papel mouro lembráballe por unha banda ao centeo e, pola outra, á escuridade da posguerra. Eses foron os primeiros pasos.

E que balance fai vostede a día de hoxe sobre o pasado e o presente da editorial?

Alvarellos Editora celebra neste 2017 corenta anos de traxectoria; botou a andar en 1977 da man de Enrique Alvarellos Iglesias, pai do actual director, Henrique Alvarellos

Eu vou para quince anos á fronte da editorial. Eu exercía de xornalista, mais estaba atento ao que facía en Lugo meu pai. É dicir, non estaba de forma activa na editorial até que el faleceu. Nese momento, dubidei entre seguir co proxecto ou vender os fondos. De entrada, púxenme a traballar na editorial a ver que ía pasando e decateime de que hai unha relación clara entre o xornalismo e a edición. Ou dito, doutro modo: na edición hai un xornalismo de longo percorrido. Son dous mundos moi parecidos, que se resumen en contar boas historias e traballar con contidos. Gustoume o asunto e o que comezou dalgún xeito como unha parte do ocio, acabou por converterse no noso traballo, tanto no meu caso coma on da miña muller, Marta Pérez Rodríguez, que se encarga da administración e a xerencia da entidade. Os dous encabezamos agora a editorial, que conta con varios colaboradores autónomos que son auténticos satélites que temos ao noso redor. Se teño que facer un balance deste tempo, diría que acabamos por asentarnos e por vivir disto. É certo que en 2008 chegou a crise e que estivemos a piques de pechar no 2011. Agora estamos nunha mellor situación, nunha austeridade estable.

Neste tempo, a editorial cambiou o seu Lugo natural para instalarse en Santiago.
Si, no ano 2004 nós viviamos xa en Santiago. Primeiro trouxemos unha pequena oficina e deixamos o almacén en Lugo. Despois vendemos as instalacións alá e asentámonos aquí. Levamos nesta sede na Rúa Sempre en Galiza dende 2008. Alvarellos ten historia e ten pedigree lugués, pero agora está en Santiago, que a min me gusta definir como un territorio neutral e acolledor.

En Lugo, Alvarellos comezou como imprenta antes que como editorial. Como foi a súa evolución histórica?

"Meu pai tentou varias veces dar de alta a empresa como editorial, pero até que morreu Franco foi inviable"

Os meus pais eran mestres os dous. De entrada, no ano 1963, fundaron unha academia. Tres anos despois, abriron unha imprenta e comezaron editar algúns libros, principalmente métodos pedagóxicos de ensinanza, mecanografía e outro tipo de cuestións. Por iso, nun principio, o selo chamábase Alvarellos Editora Técnica. É dicir, que o proxecto naceu coa idea de traballar un tipo de libro pedagóxico ou docente. Cónstame que meu pai intentou varias veces dar de alta a empresa como editorial, pero até que morreu Franco e se abriron as licenzas, a cuestión foi inviable. En marzo do 1977, solicitou a licenza e veulle concedida en maio finalmente. Así aparecía a terceira pata de Alvarellos, que se sustentaba na academia, na imprenta e na editorial. A editorial acabou por se presentar a mesma semana que se celebraron as primeiras eleccións democráticas dende a II República. Nese tempo, chegaron uns anos moi fortes. Entre o 77 e o 82, viviuse un boom: un ano despois apareceu Xerais, logo xurdiu Sotelo Blanco, Monterrey editaba moito... Había seis ou sete editoras que de feito fundaron a Asociación de Editores Galegos no 83, entre eles meu pai. Foron anos moi fortes, no que se editaba de todo. O catálogo de Alvarellos dos primeiros anos é amplísimo; editouse humor, ensaio, poesía, narrativa...  Así, xurdiu un momento de reconstrución da cultura galega, grazas a unha industria que aínda estaba por construír e todo era voluntarismo. Cando eu cheguei á dirección da editorial, decidín marcar unha nova liña. Preferín editar polas marxes e ofrecer cousas distintas. Non quixen facer novela, nin libro de texto, abandonando esa parte que cultivara meu pai. Tampouco me impliquei na literatura infantil e xuvenil. Agora ben, diso si que me arrepentín e por iso comezamos este ano.

Abriron a colección Verdemar, collendo o nome do personaxe da obra de Valle-Inclán A cabeza do dragón, que vén de adaptar ao galego Producións Teatráis Excéntricas, a compañía de Quico Cadaval. Por que esa escolla?
Verdemar regresou á nosa cabeza coa obra de Excéntricas. É un nome bonito e que ten a súa pegada nunha longa tradición no teatro de monicreques. Talvez foi por Cadaval que nos volveu á cabeza. Esa quizais foi a mecha, pero en calquera caso representa un pouco o espírito que queremos para a colección. Ademais, Verdemar é un príncipe bo dun anarquista como era Valle-Inclán no seu momento. É un xogo literario que entronca coas nosas raíces, nas de Valle e nesa súa forma de mirar os nenos como adultos a través da escena de monicreques.

Sinatura de libros no acto inagural da editorial, o 17 de xuño de 1977 en Lugo / PEINÓ

Comentou antes que a súa liña de traballo era publicar “polas marxes”. Esa especialización resulta imprescindible para sobrevivir no mercado na actualidade?

"Teño patinado varias veces, pero é que eu son un lector das marxes; achégome primeiro ás rarezas, á biografía estraña, aos ensaios íntimos..."

Si, pero en realidade é pouco pragmático dende o punto de vista mercantil. Teño patinado varias veces, pero é que eu son un lector das marxes. Sempre que, como lector, me quero achegar a un autor, non vou de entrada aos seus libros máis coñecidos ou máis vendidos. Achégome primeiro ás rarezas, vou por esa autobiografía estraña, por eses ensaios íntimos, por ese tipo de títulos... Iso apliqueillo tamén a editorial. Vese, por exemplo, na colección Rescate, que vai recollendo textos espallados e pouco coñecidos, como foi o caso do libro Viajes y yantares por Galicia, de Álvaro Cunqueiro, co que abrimos esa colección. Ou nos libros que fomos publicando nestes anos de Ursula Heinze... É dicir, gústanos moito ese tipo de textos de autoficción. Son territorios tamén xornalísticos de crónicas persoais. Tamén publicamos libros sobre gastronomía, pero eran títulos moi particulares. Falo por exemplo dunha obra de receitas con ortigas. Eu creo nesa orixinalidade, pero tamén en coidar a estética dos libros. Iso marca a nosa personalidade. É dicir, traballamos cousas orixinais que saen do mainstream, por dicilo dalgún xeito, e presentámolas en edicións coidadas.

Dende que dirixe a editorial, publicaron preto de 130 libros...
O catálogo histórico da editorial rolda os 400 títulos, pero mantense vivos 150, dos cales 130 saíron desta etapa.

Dentro dese conxunto, que destacaría con máis orgullo?
A colección rescate é a nena dos meus ollos. A colección inclúe xa 21 títulos. O primeiro foi ese libro de Cunqueiro do que xa falamos e que aprecio moito. A primeira vez que me falaron deses textos de Cunqueiro foi no enterro de meu pai. Falando cunha prima miña, comentoume que o meu pai pedíralle nalgunhas ocasións a colección da revista Vida Gallega, que dirixira durante unha etapa un tío avó meu. Cando me deron a colección, boteille un ollo e atopei textos moi interesantes de Cunqueiro. Pregunteille ao seu fillo César se foran publicados nalgunha ocasión e el retrucoume que non, que estiveran sempre moi apartados. Así comezou unha colección que inclúe xa títulos de Manuel Antonio, Pardo Bazán, Aurelio Aguirre... Esa é unha colección que me gusta moito. Tamén me gusta moito a colección de gastronomía A lume lento, libros para comer. É moi interesante, por exemplo o libro das ortigas, que levou un premio internacional e o seu autor foi recollelo a Xapón. Logo temos ensaios singulares como o de Jorge Mira, ¿A que altura está o ceo?, que tamén me gusta destacar.

Vostede chegou ao mundo editorial en 2004. Dende aquela até hoxe, moito cambiou no sector. Como  definiría a situación actual?

"Nós aguantamos por un optimismo innato e por unha grande austeridade; cando no sector cultural unha empresa di que vai ben é que non ten perdas. E iso, con sorte"

Delicadísima. Nós aguantamos por dúas cuestións. Primeiro, por un optimismo innato. E despois, por unha austeridade grande. No sector cultural, cando unha empresa di que vai ben, referímonos a que non temos perdas. Iso con sorte. Se o comparamos con outros sectores, unha empresa que vai ben ten bos beneficios. É dicir, as editoriais vivimos nunha resistencia cultural constante. Inclúo aquí as grandes como Galaxia, Xerais ou Kalandraka, que son grandes aquí, pero non fóra... Agás Kalandraka, que si podemos considerala como unha das grandes. Para min, o futuro vai depender de varias cuestións: ten que haber unha aposta decidida dos poderes públicos pola lectura. Aí xa non falamos de se libro en papel ou dixital, non. Refírome á lectura como eixo fundamental na vida das persoas. Unha persoa lectora vai ser unha persoa que vai soster realmente unha industria cultural. Despois, considero que ten que haber apoios docentes, pero tamén as familias teñen que manter pequenas bibliotecas particulares para que o hábito pase ás novas xeracións. E ten que haber unha política de fomento para a lectura de verdade. Aquí, en Galicia, houbo un baixón incomprensible por parte dos poderes públicos -nomeadamente a Xunta de Galicia- para as compras de novos títulos para as bibliotecas. Unha caída do 80% dende 2008 até hoxe. Este recorte priva a moita xente de acceder ás obras que estamos a editar neste país. Non podemos esquecer que a lectura é o motor do coñecemento.

Asistentes á presentación da editorial en Lugo, encabezada por Enfique Alvarellos Iglesias. Entre eles Henrique Alvarellos, con 8 anos / PEINÓ

Parece que a culpa, pero tamén a solución sempre está nos poderes públicos...
Non, non digo que as institucións teñen que mercar os libros, senón que deben gastar os cartos públicos que son de todos para promover a lectura. Fan promoción do turismo, pois tamén teñen que facer promoción para ser un país lector. Porque unha sociedade lectora é máis libre e está máis preparada. Coido que resulta imprescindible convencer a xente do importante que é a formación cultural. Nós xa lle daremos contidos. A nosa obriga como editores é ofrecerlles contidos interesantes e entretidos, atractivos para cada tipo de públicos. Pero ten que haber detrás ese paraugas con cartos públicos de todos.

"Non digo que as institucións teñen que mercar os libros, senón que deben gastar os cartos públicos que son de todos para promover a lectura"

Por que a lectura é imprescindible? Eu coñezo moita xente que non abre un libro nunca e resulta que é xente ben feliz e que se move polo mundo sen problema.
Hai un refrán tradicional que eu escoitaba moito na casa: “Para saber, cómpre ler ou ver”. De acordo, claro que hai outras maneiras de ser felices sen lecturas. E que hai  moitas formas de adquirir a visión das cousas e a súa comprensión, pero unha importantísima é a lectura. Sobre todo, para a xente nova. O rapaz lector é un rapaz que entende mellor o mundo, que adquire coñecemento con maior facilidade e que entende mellor a vida dos outros. Son máis empáticos. E vale, si se poden aprender moitas cousas a través da rede, por exemplo. Pero hai que diferenciar entre informar e formarse.

Alvarellos estivo presente na Feira do Libro da Coruña deste ano, envolta en diversas polémicas pola programación desdobrada que houbo. Amosáronse moi críticos autoras como Eli Ríos ou editores como Manolo Bragado. Como editor presente, como viviu esta situación?
O verdadeiro problema é que as feiras están vivindo un momento en que deben redefinirse. Sobre todo agora, un momento en que xorden iniciativas locais tan interesantes como é a SELIC de Santiago. As feiras, que son unha iniciativa a nivel país, levan corenta anos. Despois de tanto tempo, deben facer un lavado de cara sobre todo a nivel de estratexias. E esas estratexias están a agromar a nivel local, cada unha co seu estilo.

"As feiras do libro tras corenta anos deben facer un lavado de cara, sobre todo a nivel de estratexias"

E que aconteceu en Coruña?  Pois que se organizaron dúas programacións paralelas. Por unha banda, a da propia Federación do Libreiro e a outra, coordinada polo Concello en colaboración, penso, cos libreiros da Coruña. Considero iso un gran erro. É unha feira moi potente e dalgunha maneira ten que amañarse para continuar sendo potente, non se pode xogar con algo tan importante que atrae a milleiros de persoas cada ano. Insisto en que creo que teñen que redefinirse as feiras e para iso debe haber diálogo entre a Federación de Libreiros, as institucións e o conxunto do sector.

E como será o futuro de Alvarellos?
O futuro queda definido polo nome que queremos darnos: Alvarellos Factoría de Contidos. Que queremos dicir? Que máis alá dos libros, queremos ser unha empresa que traballa contidos para levarllos á xente. Ben sexan libros, ben sexa roteiros, exposicións ou campañas de animación á lectura. Nesa liña, para o ano que vén preparamos para a Feira de Vigo un roteiro literario e unha exposición fotográfica. Tamén pensamos moito na propia estética de libros, cremos que non é nada frívolo pensar nos libros como obxectos estéticos. Resulta imprescindible para os nosos días.

E que títulos concretos publicarán nos vindeiros meses?
Publicaremos un libro de textos de Neira de Mosquera. Recompilaremos artigos nunca publicados, incluído o seu discurso no Liceo da Xuventude de Santiago en 1848, no que este precursor fala da necesidade de construír a literatura galega. Despois, tamén publicares Mi viaje con Lorca, de Luis Mariscal. Era un compañeiro de estudos que veu a Galicia con Lorca por vez primeira en 1916, viaxe na que o poeta decidiu dedicarse finalmente á literatura. Xa para o 2018 queremos publicar La lámpara maravillosa, de Valle-Inclán. Será unha edición facsimilar deste libro no que Valle definía Santiago como “más eterna que antigua” ou como “Rosa mística de piedra”. Como curiosidade, cómpre dicir que é unha obra escrita baixo os efectos do opio. Contará cun estudo introdutorio de Olivia Domínguez. E despois, para a primavera sacaremos o poemario Antídoto, co que Emma Pedreira gañou o Premio de Vilalba. Ademais, eu publicarei na colección infantil un libro sobre o banquete de Conxo chamado Chámome Quercus Robur.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.