A toponimia de Lugo e as súas orixes xa están recollidas nun libro

Basadre e Vázquez, na presentación da obra © Concello de Lugo

Unha obra para afondar nos nomes dos lugares, os camiños e as parroquias de Lugo. A concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o mestre Carlos Vázquez, presentaron este mércores no Auditorio do Vello Cárcere o libro Toponimia do Concello de Lugo, que afonda na orixe das denominacións do rueiro e das parroquias da capital provincial. Esta publicación é a tese doutoral de Vázquez e "vén encher un oco dentro da etimoloxía toponímica do municipio", ao ser "o primeiro tratado que se fai deste tipo" na localidade.

A obra afonda na orixe dos nomes do rueiro e das parroquias do Concello de Lugo

Así o asegurou Basadre na presentación da obra, na que agradeceu ao autor este esforzo "posto á disposición de todas e todos os lucenses e persoas interesadas na historia dos lugares e rúas da cidade e do rural". Pola súa banda Carlos Vázquez, nado en Monterroso, pero lucense de adopción, expresou o seu agradecemento á entidade local pola contribución feita á hora de editar este libro, froito de moitos anos de investigación.

En total, son uns 400 os topónimos de Lugo analizados polo autor, que presentou a súa tese hai tres anos na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela. 

Basadre e Vázquez, na presentación da obra © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.