0 Gardados para despois

"Somos herdeiras das mulleres represaliadas que loitaron polos nosos dereitos"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


As mulleres e a memoria. O sentido da herdanza. A identidade. A necesaria visibilización das que loitaron polos nosos dereitos e foron represaliadas, no franquismo, por facelo. Son os eixes sobre os que ergue Herdeiras, o novo proxecto de Carmen Penim. Un libro-disco que se presentará o 23 de setembro ás 20:00 horas no Teatro Principal de Santiago nun concerto que ofrecerán ela mesma e Carmen Gallego, Margarida Mariño, Marta Figueiredo, Maurizio Polsinelli e a bailarina Xiana Vilas. Tamén se poderá ver Bucle, a curtametraxe que Margarita Ledo Andión fixo para o proxecto.

En Herdeiras colaboran netas, netos e fillas de represaliados da guerra e a posguerra, poetas que trataron o tema da represión de mulleres e expertos sobre o tema. No libro-disco pódese escoitar a música de Carmen Penim sobre poemas de Helena Villar, Carmen Blanco, Eva Veiga, Marga do Val e Marta Dacosta, ademais de letras da mesma Carmen. A parte do libro conta con gráfica  de Númax, fotografía de Xoán Piñón e artigos sobre as protagonistas: as mulleres que sobreviviron e resistiron á guerra e a posguerra.

A súa relación co tema empezou pola participación noutros proxectos…

Pola colaboración con asociacións da memoria histórica. Chamábannos para tocar en actos de recuperación da memoria histórica, como en Vilaboa, no porto de Santa Cristina. Antes diso, unha vez houbo unha conferencia de Luís Bará sobre o tema e eu quedei tan impresionada que, sen coñecelo de nada, díxenlle: teño que facer unha canción con isto. Luís faloume doutras persoas coas que podía contactar… e todas responderon con moita xenerosidade.

"Houbo unha conferencia de Luís Bará sobre o tema e eu quedei tan impresionada que, sen coñecelo de nada, díxenlle: teño que facer unha canción con isto"

Mais acabou sendo un libro-disco. Unha cousa levou á outra?

A idea en principio era facer unha canción, si. Pero eu camiño moito á beira do río -sei que isto pode soar raro, pero foi así- e comezaron a chegarme imaxes, ideas… Tentei poñerme no lugar dunha muller que sufriu todo aquilo, sentir o que elas sentían: unha muller que queda soa co seu meniño… Así xurdiron as letras que son miñas. Púxenme en contacto tamén con mulleres poetas que, ou ben estaban elas relacionadas co tema da represión, -porque a sufriran as súas familias-, ou ben escribiran sobre iso.

"Tentei poñerme no lugar dunha muller que sufriu todo aquilo, sentir o que elas sentían"

Por iso as letras que non escribiu eu son poemas de Carmen Blanco -os seus avós foron represaliados-; de Marta Dacosta -que publicara Balada das costureiras esquecidas no seu libro Acuática alma; de Marga do Val -que tamén ten unha historia de represión moi potente, na súa familia, da que soubo de adulta-; de Helena Villar Janeiro -que tiña un familiar represaliado e mal enterrado- e Eva Veiga. Despois, cando o proxecto ía avanzando, houbo algún poeta que me dixo que quería colaborar. Como eu quería que a parte musical a fixesen só mulleres, empecei a pensar en ampliar o proxecto e así xurdiu a idea de facer un libro.

Hai poemas -as letras do disco-, textos testemuño de descendentes de represaliados, artigos de historiadores e/ou investigadores… Buscou esa variedade?

Había persoas que tiñan que estar, coma Aurora Marco, que leva tantos anos desenterrando nomes e que dixo que si desde o principio. Despois eu quería darlle tamén unha perspectiva desde fóra de Galicia, e para iso faláronme dun arqueólogo, que é René Pacheco, que fai esa achega. Tamén era fundamental que houbese unha parte dedicada ao ensino, aos mestres represaliados, e para iso contei con Xosé Álvarez Castro e Xosé Manuel Cid... 

O limiar faino Amalia Bóveda, a filla de Alexandre Bóveda. Resume ben o sentido do libro. Por iso puxo o seu texto de primeiro?

Non é que lle dese a ese texto o carácter de limiar, é que eu tiña claro que o limiar tiña que ser dela. Porque está directamente ligada por ser herdeira e por ser unha figura moi representativa, moi simbólica, que nunca cedeu, que loitou toda a súa vida pola memoria do seu pai. Tamén tiña que estar o seu fillo, Valentín, pero a protagonista tiña que ser ela.

“Eu tiña claro que o limiar tiña que ser de Amalia Bóveda”

No libro, no disco… fálase de mulleres represaliadas polas súas ideas e/ou a súa actividade política, e de mulleres que sufriron por seren mulleres, nais, irmás… de represaliados. “Ninguén lles pediu perdón”, di María Torres no seu texto. A lei da memoria, asegura, esqueceunas. En realidade, todas son represaliadas…

Si, pero é que ademais, aínda que estamos a falar de algo que pasou noutra época, pasoulles moitas veces por reivindicar dereitos que aínda hoxe non están recoñecidos como deberan, así que estamos no mesmo camiño, somos herdeiras das mulleres represaliadas que loitaron polos nosos dereitos. Foron brutalmente represaliadas porque estaban nun sindicato, por exemplo, ou porque pedían dereitos para as mulleres que hoxe consideramos normais, pero que aínda non están completamente alcanzados. Ademais, hai hoxe moitas mulleres no mundo que se recoñecerían nas historias do noso proxecto porque viviron ou están aínda a vivir o mesmo. Por iso falamos de muller, identidade e memoria.

“Hoxe hai moitas mulleres no mundo que viviron ou están aínda a vivir o mesmo”

Montse Fajardo salienta no seu artigo unha idea que tamén estudaron os historiadores: cando se trataba de mulleres, a represión tiña unha dimensión de xénero, alén do ideolóxico. Foron violadas, rapadas, obrigadas e tomar aceite de ricino… Aparecen nos textos do libro casos especialmente brutais, como mulleres ás que lles cortaron os peitos.

Si, a represión era tamén bastante aleatoria… Eu creo que Marta Dacosta explica todo moi ben no seu poema: eran mulleres que saíron adiante, levando no corazón todos os mortos. Mulleres ás que ninguén ve, como se se volvesen invisibles. Mulleres que foron asasinadas, torturadas, violadas, encarceradas… “E agora cómpren mans de muller que enfíen/ cada un dos teus nomes na agulla da memoria/ para coser un cobertor desmesurado/ que abrigue as nosas almas do silencio”, di Marta.

“Son mulleres ás que ninguén ve, como se se volvesen invisibles”

Unha cousa que teñen en común é o silencio, que foi parte da represión. Tiñan que seguir adiante nunha sociedade moi conservadora. Esa dimensión de xénero da represión e da brutalidade segue acontecendo hoxe, nas guerras por exemplo. Violan as mulleres para facerlles dano a elas e para destruílos tamén a eles. As mulleres son dobremente perseguidas. Mais as mulleres podemos ser un motor de cambio inmenso se conseguimos unirnos, se somos conscientes do poder que temos. Iso está na última canción e é unha idea que quixen que quedase clara.

“As mulleres podemos ser un motor de cambio inmenso se conseguimos unirnos”

Hai una voz que recita entre as cancións do disco…

A voz é de Eva Veiga. Empeza o disco cunha canción que parece un baile, pero despois interrómpese porque comeza a guerra. Despois está toda a parte da guerra, a represión, a morte… E logo chega o poema de Andrómaca, de Eva Veiga, e o disco comeza a xirar cara a muller: a ver o seu potencial, a súa forza, malia todo o que perdeu. Quixemos que fose coma unha catarse, un camiño desde o fondo da tristura cara a luz.

"Quixemos que fose coma unha catarse, un camiño desde o fondo da tristura cara a luz"

Conta Alonso Montero a historia de Josefa García Segret, que despois de pasar anos no cárcere escríbelle unha carta a Eisenhower, presidente dos Estados Unidos, na que lle reprocha o apoio político-económico do seu goberno a Franco.

Unha muller moi valente. No seu lugar, outra estaría agochada despois de pasar o que pasara. Iso cóntao tamén Montse Fajardo moi ben no seu artigo: mulleres que seguían vivindo, coa cabeza ben alta, increpando os asasinos na rúa. Ou xestos de solidariedade, como o do médico, Darío Álvarez Blázquez, que lle axuda a Josefa García, arriscando a súa vida. Ou tanta xente que, sen ter que comer, acudía a presos que non coñecían de nada.

"Toda a rede de solidariedade cos presos, cos fuxidos, as guerrilleiras de chaira… é algo abraiante"

Toda a rede de solidariedade cos presos, cos fuxidos, as guerrilleiras de chaira… é algo abraiante. Na terceira canción falo diso: “Ai Deus, que non me caia/ o pano, o viño e as bágoas/ Ailalá ailalelo/ E vou onda ti amor/ na noite”. Nesta canción quixen facer ademais unha homenaxe á miña terra. A referencia ao lobo ten relación co aturuxo que escoitaba de pequena: “Aí vén o lobooo!”. Sempre quixen metelo nunha canción e esta era a oportunidade... Fala de homes que son lobos…

Ana Paula Mejuto e Olivia Rodríguez lévannos á historia de José Mejuto Bernárdez, avó da primeira. Carmen García Rodeja lembra catro mulleres…

As cartas de José Mejuto foron publicadas por Alvarellos en Cartas dun condenado a morte. Coñecín a Ana Paula en Cangas cando presentaron os manuscritos, antes de que saíse a edición de Alvarellos. Foi “amor a primeira vista”. Para min é moi significativo que haxa netos de represaliados, coma Ana Paula Mejuto, ou coma X.M. Álvarez Cáccamo, que tamén participa no noso proxecto, con tanta presenza na recuperación da memoria. Porque queda moito por falar e por curar.

"É moi significativo que haxa netos de represaliados con tanta presenza na recuperación da memoria"

De todos os xeitos, eu teño que dicir que non son experta en historia. A función do artista pode ser poñer unha voz desde outra perspectiva. Achegar unha vía de canalización das emocións que a xente sente, e que eu noto moito por exemplo nos actos de memoria histórica nos que participo. Quería achegar unha voz poética, catárquica, lanzar un berro sanador ao aire. E podo facelo porque non son herdeira. Se o fose, probablemente non sabería como facelo.

"Quería achegar unha voz poética, catárquica, lanzar un berro sanador ao aire. E podo facelo porque non son herdeira"

Xan Leira fala no seu texto no libro das mulleres que coñeceu facendo os seus documentais de memoria histórica. Margarita Ledo fixo a curtametraxe Bucle.

Si, tamén temos a curta de Margarita. As mans saían no poema de Marta Dacosta, e son o leitmotiv do poema que nos enviou Carmen Blanco. Esa idea, a das mans, é algo que nos conecta… E que está tamén na curta de Margarita Ledo, que di o que eu quería dicir, e sen palabras. A través, por exemplo, da idea das trapecistas, que fan piruetas na vida porque se apoian entre elas. Quedamos, falamos, e ela entendeu e encaixou perfectamente o que eu quería expresar. Para min é unha poeta visual…

Catro das letras do disco son poemas seus. Os outros, das autoras que citamos antes.

Si. Dos poemas que escribín eu, Abanéame e Vertical forman unha unidade narrativa. É unha muller que é feliz coa súa parella, pero chega a guerra e queda soa co seu neno. Eu non podo nin imaxinalo pero, claro, tenteino. Tentei poñerme no seu lugar, coa súa mestura de sentimentos de rabia, de tristura, de impotencia. Pero, ao mesmo tempo, ela afírmase á vida, sobrevive malia todo. Volve aos lugares nos que estivera con el, para ela a natureza é coma un recordatorio… En Vertical está a idea do movemento cara arriba: ela di que o seu amor sobe ao ceo, e aférrase á idea de que van volver encontrarse…

Alalá da mala lúa é a canción da que falamos antes, da muller que vai ver o seu home ao monte, e Nana para elas é para as mulleres do mundo. En especial para as saharauís -coas que teño relación por familia-, e para as hispanoamericanas, que tiveron moita importancia no meu espertar político. Eu medrei coas imaxes das nais da Praza de Maio, co exemplo das mulleres arxentinas, chilenas… Por iso a canción ten fragmentos en árabe -un pobo tan demonizado, porque a xente é manipulada e déixase manipular, esquecendo que o pobo é pobo- e en castelán. É unha homenaxe á muller forte, creadora, que quixen facer en clave de jazz.

As composicións -da música- están feitas a dúo por vostede e Maurizio -o outro membro de 2naFronteira-, ou non?

Desta volta non. El sempre está aí, el toca o piano e como pianista ten moita relevancia, claro. Pero este é un proxecto meu. E un proxecto de mulleres, que eu quería que fixesen mulleres. Comigo están Carmen Gallego -violín e nickelharpa-, que xa estivera con nós no proxecto Sons de Nós, e outras moi boas instrumentistas. Moitas veces non é fácil, porque as mulleres máis experimentadas, con máis carreira, chega unha idade que están criando fillos e non poden dedicarse á música. A min tamén me pasou: é un atranco que tes sendo muller artista.

"As mulleres máis experimentadas, con máis carreira, chega unha idade que están criando fillos e non poden dedicarse á música"

Por moito que teñas un compañeiro que responda, se tes un neno pequeno tes que estar aí, non podes estar indo tocar fóra. Mais ao final conseguimos atopar moi boas instrumentistas, e xunto con Carmen Gallego temos a Marga Mariño -violoncello, que ademais pon todo o corazón no que fai- e a Marta Figueiredo -batería e percusión, que ademais é futbolista en primeira división de fútbol sala, e achega un sentido de equipo e unha fortaleza moi grandes-. En realidade, todas achegan moito. Como eu quería levar o traballo bastante cara ao jazz, precisaba deixar bastante espazo para a improvisación, e iso sempre é pedirlles moito máis aos músicos. Elas foron moi creativas, e atrevéronse… Tamén temos a colaboración de Pablo Rodríguez, -mandolina portuguesa e laúde-, que estaba en Sons de Nós, a de Segundo Grandío -contrabaixo- e a de Susana Martínez -coros-.

E a da bailarina Xiana Vilas.

Eu nun principio pensara nun bailarín, que sería como o home ausente. Pero coñecín a Xiana, a súa entrega e seriedade… Ademais, dálle unha dimensión distinta ao traballo, un xiro que ata agora nunca tivera a miña música.

Sorprendeume que tivesen apoio da Xunta. Un proxecto sobre memoria histórica, agora...

Da Xunta, do concello de Rianxo, do de Cangas, do de Moaña… Houbo un momento que pensei que non ía poder sacar adiante o proxecto, porque había que pagarlle á xente. Ou pedía un empréstito no banco ou abandonaba. Pedín o crédito e fixemos a campaña de crowdfunding, esperando que ademais se concretasen as axudas que pediramos. Ao final chegaron e saíu ben. Recuperar o investimento só cos concertos non sería posible…

"A historia é así, e o problema vén cando a negamos, cando tentamos impedir que se fale do que pasou"

Hai unha idea moi repetida, que tamén está no seu proxecto, que é a de que se esquecemos estaremos condenados a repetir a historia… Témome que a historia repítese igual, mesmo con memoria.

Si, pero se a negamos teremos máis posibilidades de repetila. E eu penso que as cousas negativas, o que non nos gusta do noso pasado, temos que integralas no puzzle do que somos. Non podemos negar o pasado. A historia é así, e o problema vén cando a negamos, cando tentamos impedir que se fale do que pasou, cando atacamos as persoas que queren falar do que pasou.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.