0 Gardados para despois

O número de libros editados en galego cae ao seu nivel máis baixo dende 1996

Redacción | @prazapublica

O número de libros editados en galego descendeu o pasado ano ata o seu nivel máis baixo dende 1996. Son 1.211 os títulos en galego que figuran no ISBN, case douscentos menos que en 2015 e por debaixo da metade dos editados en 2010 (2.544). Dende hai 20 anos non se rexistraba unha cifra tan baixa. A edición en Galicia, independentemente da lingua na que se realice, si creceu lixeiramente en 2016, pasando de 2.266 a 2.388 títulos.

No conxunto do Estado a edición  no ano 2016 ascendeu ata un total de 86.000 títulos, un 8,3% máis que en 2015 (79.397). Creceu tanto a edición en castelán (67.212 títulos, un 7,5% máis), como en catalán (7.873 títulos, un 7,2% máis), como en euskera (1.644 títulos, un 34,5%). Descenden tanto o galego, coma o valenciano (629 títulos, un 48,8% menos), coma o asturiano (38 títulos, un 17,4% menos).

A diferenza da edición en galego, a edición en catalán e euskera leva dous anos en crecemento, achegándose ao mellor dato histórico que (ao igual que no caso do galego) coincidiu co final da pasada década (2011 no catalán, 2008 no euskera).

O número de títulos traducidos ao galego si crece no último ano. Dos 112 de 2015 pasouse a 133. Iso si, lonxe dos 196 de 2014

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.