Este sábado, primeiros concertos expansivos polo monte galego

Imaxe gráfica da iniciativa © CExMV

Este sábado 4 terá lugar o Concerto Expansivo por un Monte Vivo, un evento simultáneo ao que diferentes salas, colectivos e artistas se están a sumar. Está xa confirmada a actuación dunha ducia de bandas en sete espazos de Compostela, Ourense, Vilar de Santos, Mos, Manzaneda ou Ferrol.

Esta serie de concertos terán un carácter solidario e reivindicativo. Os cartos recadados (as entradas teñen un prezo de 5 euros) repartiranse entre colectivos ecoloxistas que están a desenvolver diversas accións pedagóxicas e de recuperación ambiental: Amigos da Terra, Adega, Amigos das Árbores da Limia e Amigas das Árbores de Ourense. Ningunha das persoas participantes cobrará e garántese que a xestión do diñeiro recadado será "totalmente transparente" e que será publicado o total recadado así como o destino final de todos os cartos. Ademais, existirá unha fila 0 cunha conta corrente na que se poderán facer achegas.

O Concerto Expansivo fai fincapé na necesidade "dunha nova política forestal" e reivindica "que se asuman responsabilidades" pola vaga de incendios sufrida en Galicia no mes de outubro. Todos os concertos comezarán coa lectura dun texto común, o Manifesto por un Monte Vivo.

 

Concertos confirmados

  • Ferrol. Fundaçom Artábria, 22 horas. Rottentown + Iron Hunter
  • Mos. CSCD As Pedriñas, 18 horas. Vacaloura Vermella + Asacocirco + Tanto nos ten + Magosto
  • Compostela. A Gramola, 21 horas. Regueifesta + A Banda da Gramola
  • Manzaneda. A Rebusca, 21 horas. Leo i Arremecaghona + Çe Orquestra Pantasma
  • Compostela. A Gentalha do Pichel, 21 horas. Paula Carballeira + Foliada Popular
  • Ourense. El Pueblo, 21 horas. O Sonoro Maxín + The Tetas Van + Ménage à Trois + Blues do País
  • Vilar de Santos. Arca de Noé. 18 horas. A Banda Dos Cueiros.

 

Imaxe gráfica da iniciativa © CExMV

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.