A oposición alerta de que a Lei de Espectáculos prexudicará pequenos concellos e entidades

Verbena galega en Sarria Dominio Público Culturactiva

A pasada semana presentouse no Parlamento o Proxecto de Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, que busca regular todos os aspectos relacionados con eventos de todo tipo, enchendo un baleiro legal de moitos anos en Galicia, que conta con competencias na materia dende o ano 1996. Unha lei, polo tanto, entendida como "necesaria" por todos os grupos, pero que conta cun frontal rexeitamento dos tres grupos da oposición, que presentaron un gran número de emendas (máis de 30 o BNG, 45 o PSdeG-PSOE e unha emenda á totalidade por parte de En Marea), que lle critican en primeiro lugar a "falta de consenso" e diálogo cos sectores aos que a norma vai afectar.

O PSdeG-PSOE criticou que "a Xunta apenas avisou a 9 organizacións, recibiu 53 alegacións de 6 delas e só aceptaron parcialmente unha proposta, mentres só admitiron 4 das 13 propostas remitidas pola Fegamp"

Así, a pesar que dende o PP se defende que se trata dun proxecto de lei “consensuado, xa que se estableceu cos sectores afectados un auténtico diálogo, fluído e sostido durante un longo período de tempo, que permitiu enriquecer o texto ata chegar ata esta Cámara con un altísimo nivel de consenso co sector”, En Marea afirma que "non se chamou nin escoitou ás asociacións de consumidores, nin a promotores/as e axentes implicados en distintas áreas, nin a axentes do sector da chamada industria creativa, nin a asociacións doutros sectores do espectáculo". “Claramente faltan puntos de vista”, subliñou Ánxeles Cuña no debate parlamentario. "Como se pode desenvolver con mínimos encontros a nivel técnico e político un debate pendente dende hai décadas?”, preguntouse.

De igual xeito, o BNG explicou a través de Luís Bará que "algúns colectivos da hostalería, salas de festas e verbenas participaron pero de maneira aparente”, pois as súas suxestións "non foron aceptadas": “Aplicaron o rodillo e de 67 alegacións, rexeitaron 63”, dixo Bará, que denunciou que "outros colectivos do ámbito musical e audiovisual tampouco foron consultados. Así mesmo, o PSdeG-PSOE criticou que "a Xunta apenas avisou a 9 organizacións, recibiu 53 alegacións de 6 delas e só aceptaron parcialmente unha proposta, mentres só admitiron 4 das 13 propostas remitidas pola Fegamp". Os socialistas advertiron ademais da ausencia do informe do Consello Económico e Social e de que "o texto foi presentado sen incluír informe da Comisión Galega de Cooperación Local, malia que obriga aos concellos a asumir novas competencias sobre a materia pero sen incluír recursos adicionais".

 

Prexuízos para os pequenos concellos

Luis Bará (BNG) preguntouse se o obxectivo da norma é, precisamente, que os concellos lle encarguen estas inspeccións a “determinadas empresas” para así externalizar o servizo

O posible prexuízo para os concellos que menor tamaño é unha das principais críticas que recibe a norma. "Os gobernos locais deberán asumir a regulación de horarios, autorizacións extraordinarias, inspección e control ou a incoación de expedientes sancionadores" advirte o PSdeG-PSOE. Unha denuncia que tamén fai o BNG: "o anteproxecto trasládalles ás entidades locais competencias da propia Xunta no relativo á ampliación e regulación de horarios, inspeccións e sancións, o que resultaría unha sobrecarga para os pequenos concellos". No debate, Luis Bará preguntouse se o obxectivo da norma é, precisamente, que os concellos lle encarguen estas inspeccións a “determinadas empresas” para así externalizar o servizo. Nese sentido o BNG reclamou que o texto mude a previsión de que "Xunta e deputacións poderán prestar apoio aos concellos" por un "deberán prestar esa colaboración ante a imposibilidade dos concellos para asumir a función".

 

Un "caixón de xastre" que equipara 'cultura' e 'espectáculo'

Para En Marea, o máis negativo da norma agora en debate no Parlamento é que "equipara cultura e espectáculo"

Para En Marea, o máis negativo da norma agora en debate no Parlamento é que "equipara cultura e espectáculo". “Pretende equiparar todo tipo de actividades culturais e recreativas sen diferenzar o seu carácter lucrativo, cultural ou unicamente recreativo e incluír actividades culturais e artísticas sen ánimo de lucro como un monólogo na categoría de espectáculo público é desproporcionado e lesiona dereitos fundamentais como a liberdade de expresión ou o coñecemento libre”, sinalou na cámara Ánxeles Cuña. “A ansia reguladora non pode amordazar a expresión de liberdades esenciais deixándoo todo supeditado á dinámica do mercado”, engadiu.

De igual xeito, En Marea alerta de que a lei podería prexudicar especialmente aqueles espazos de pequena dimensión e entidades sen ánimo de lucro que pretendan realizar calquera actividade pública de tipo cultural ou divulgativo, equiparando as súas obrigas coas de establecementos meirandes e de tipo comercial. No debate, Ánxeles Cuña salientou que "o catálogo de infraccións e sancións é desproporcionado", pois “por non definir, non define nin o que é un establecemento público, o que evitaría gravar con trámites administrativos e sancións económicas actividades que nada teñen que ver coa oferta de espectáculos ou actividades recreativas, senón coa creación estética e o libre exercicio da crítica intelectual”.

"Supón o perigo de gravar con trámites administrativos e fortes sancións económicas a actividades que nada teñen que ver coa oferta de espectáculos ou actividades recreativas comerciais", sinala Jorge Linheira

O PP contestou a estas críticas a través do seu deputado Alberto Pazos, que afirmou que “esta lei non regula a creación cultural, polo que os escritores seguirán escribindo, os compositores continuarán compoñendo, os artistas plásticos seguirán creando, e os consumidores de bens culturais seguiremos gozando desas creacións porque non hai nada nesta lei que afecte ou condicione a creación cultural”. “Esta lei só pretende establecer as condicións para que cando calquera desas actividades se materialicen nun espectáculo público, este se celebre con plenas garantías para todos os que participan ou asisten a ese evento”, engadiu.

Nestas mesmas críticas incidía hai unhas semanas Jorge Linheira nun artigo publicado en Praza: "A inclusión de todo tipo de actividade artística ou cultural sen ánimo de lucro na categoría de espectáculos públicos supón o perigo de gravar con trámites administrativos e fortes sancións económicas a actividades que nada teñen que ver coa oferta de espectáculos ou actividades recreativas comerciais". "Esta inclusión poñería en perigo a espazos intermedios tan necesarios para que moitas persoas que se queren dedicar á cultura nos seus múltiples variantes poidan dar os seus primeiros pasos, ou que as diferentes localidades dispoñan de programacións estables ao longo de todo o ano e non caer en que a celebración de eventos culturais sexa algo extraordinario e puntual", sinalaba, engadindo que "un dos grandes prexudicados a través desta lei serían eses espazos rebeldes de autoxestión, as ocupacións e o paradigma do procomún".

Luis Bará (BNG) criticaba igualmente a “pretensión de incluír na lei actividades moi diversas e dispares”, dende os espectáculos de carácter lucrativo ata "actividades que non teñen esta natureza" e demandaba que o texto debía ser “adaptado á realidade de Galiza”. Tamén Liñeira cualificaba o proxecto como "unha lei pouco desenvolvida e nada enfocada á realidade de Galicia" e que "provocará unha perdida de protagonismo da cidadanía, con grandes incoherencias".

 

"Inseguridade xurídica"

O PSdeG reclamou un texto “claro e transparente, consensuado co sector, adaptado á realidade do país e que compile a normativa”

Finalmente, dende a oposición tamén se critica a "falta de claridade" da norma e a "inseguridade xurídica" que crea. A socialista Begoña Rodríguez Rumbo reclamou un texto “claro e transparente, consensuado co sector, adaptado á realidade do país e que compile a normativa” sobre esta competencia e sinalou que Galicia "é a última Comunidade Autónoma en regular os espectáculos, malia que dispón da competencia dende 1995 e conta con 9 normas diferentes emitidas polo goberno galego sobre a mesma materia". Neste senso Luis Bará (BNG) subliñou que o réxime xurídico de intervención administrativa que propón a lei provocará “un galimatías de actividades” sometidas a diferentes réximes creando “inseguridade xurídica” e "máis confusión aos profesionais, técnicos dos concellos e a cidadanía en xeral".

 

Concerto no Liceo Mutante de Pontevedra Dominio Público Liceo Mutante
Verbena galega en Sarria Dominio Público Culturactiva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.