0 Gardados para despois

Curtas Armadiña premia a Nerea Barros no certame que se celebra esta semana en Poio

Redacción | @prazapublica

O certame audiovisual Curtas Armadiña, que se celebra en Poio desde este luns e ata o vindeiro domingo, estrea este ano o premio homónimo, cuxa finalidade é recoñecer o talento de persoas ligadas ao audiovisual galego. Nesta edición, a organización decidiu outorgalle o galardón a Nerea Barros, polo seu traballo en diversos proxectos audiovisuais e que "cómpre ser destacado".

O festival poiense iníciase nestes tres primeiros días da semana con obradoiros de dirección e guión, fotografía e montaxe e continuará o xoves co comezo das proxeccións, a primeira delas unha especial do filme galego Encallados, dirixido por Alfonso Zarauza e estreado no 2014, e que contará coa presenza de parte da equipa, que conversará ao remate cos asistentes ao visionado. A continuación será xa a quenda para os vídeoclips e para a sesión medioambiental, onde se proxectarán El hombre de agua dulce, Madrid Zero, Cuando Lucas encontró a Eva, Chiripajas, Paxaro escuro, Basura e Sub Terrae.

O certame audiovisual Curtas Armadiña celébrase durante toda esta semana e comeza as proxeccións o xoves

Un día despois, o venres, será tempo para a proxección de Mírame cuando te hablo, unha webserie realizada en Galicia e a primeira española en lingua de signos, ademais de para máis vídeoclips. Durante esta xornada, chega tamén a primeira parte da proxección da sección oficial e a quenda para Yerbabuena, Timecode, Tengo algo que deciros, Contact, Silencio e Sesgo, prejuicios y golosinas

O sábado, xa desde a mañá, será quenda para a sesión de cinema local, máis vídeoclips e o resto da sección oficial, coa proxección de Orgullo nacional, Nouvelle Cuisine, 3 gramos de fe, Retweet, Tiempos Muertos, Como yo te amo, Fe, Einstein-Rosen, Time lapse, El abogado, La caja de tu vida, Tetas e Un hombre dulce.

A gala de entrega de premios celebrarase o domingo e Nerea Barros recibirá o premio que recoñece o labor no audiovisual

O domingo, pola súa banda, rematarase co visionado das curtas restantes da programación oficial (La Madrina, Piscina, No soy él, Afterwork e The App) para rematar, desde as 19 horas, coa gala de entrega de premios, que será presentada pola actriz e presentadora da TVG Beatriz Campos e na que se farán entrega dos premios Áncora de Ouro á mellor curtametraxe da sección oficial, a Áncora de Prata, premio do público, ademais dos galardóns á mellor curta de animación, medioambiental e vídeoclip en galego. 

Será nesta galega cando Nerea Barros reciba o premio Curtas Armandiña 2017. A actriz, nada en Santiago de Compostela, iniciou as súas andainas no cinema co filme Nena, dirixido por Xavier Bermúdez. No ano 2009 comezou a aparecer na serie Matalobos da TVG e máis tarde, no 2013, traballou na serie El tiempo entre costuras de Antena 3.

Un ano despois interpretou o papel de Rocío no filme La isla mínima, dirixido por Alberto Rodríguez, traballo co que acadou o Premio Goya á mellor actriz revelación. Ata a actualidade, Barros ten participado en diversos filmes, como Rafael, Volver a casa, O ouro do tempo ou Sol y Luna, así como nunha longa nómina de series. O seu último traballo, A estación violenta, de Anxos Fazáns, foi rodado en Pontevedra e vén de ser estreado no Festival de Cine Europeo de Sevilla. 

O premio será entregado co resto dos galardóns do certame na gala de clausura dun festival organizado pola ACDeM Armadiña e patrocinado polo Concello de Poio e a Deputación de Pontevedra.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.