Ler o frío, e a fame, en cada liña: cando o teatro di (máis) verdades

Dominio Público Praza Pública

Que quen se adica á creación ten unha sorte de obriga moral de non ter fame, porque moito antes está servir elevadas causas como a Cultura e a Patria e, o resto, dáse por suposto, é un dogma fundamental do pensamento hexemónico que, en paralelo á precarización progresiva do mercado laboral, foi enchoupando, en certa medida, mesmo os discursos dos propios subalternos, os artistas, porque, mellor, xa se sabe, son as faragullas que a intemperie. A perversidade de tal argumento poucas veces se enuncia no teatro galego, mais unha delas fora coa peza A fame dunha artista, de Clara Gayo, na que un produtor lle ofrece -unicamente- boliños de queixo a unha moza famenta que busca traballo.

A perversidade de tal argumento poucas veces se enuncia no teatro galego

No mesmo lugar onde puidera verse aquela peza, a sala de microteatro compostelá A Regadeira de Adela, presentouse hai uns días Acto de hixiene, unha obra escrita, tamén, por Clara Gayo, desta volta en coautoría con Carlos Santiago e Zé Paredes. No fondo, a mesma denuncia: a pobreza -real, non romantizada- de moitos artistas. Ante a indiferenza social. E aínda máis. A hipocrisía. O desleixo vestido de interese póstumo. En Acto de Hixiene, o público asiste ás exequias dunha artista que todo o mundo respectaba, pero ninguén coñecía.

No fondo, a mesma denuncia: a pobreza -real, non romantizada nin metafórica- de moitos artistas

-”Sabías que cando atoparon o cadáver estaba xa en descomposición? E que só comezaron a investigar porque deixou de pagar o aluguer? E que durante toda a súa vida non tivo un só recoñecemento que fose?”
-”Si. E que se pode ler o frío en cada liña. E podemos abrir os seus libros por primeira vez en cada biblioteca nodal. E que ninguén sabe onde atopar os seus textos”.

Así falan dúas das personaxes desta obra, interpretada por Mónica Camaño, Arantza Villar, Laura Campos, Carlos Santiago e Zé Paredes. “Si, iso, actúen! Sigan coa mascarada! Hipócritas! Cantos dos aquí presentes leron sequera un parágrafo, un verso, unha triste liña da obra do talento aquí xacente? Digan!”, berra, indignada, a personaxe de Mónica, que encarna unha muller lúcida sen pelos na lingua. Con ela interactúan outras dúas mulleres, -as interpretadas por Arantza e Laura-, cuxos razoamentos se achegan máis, nun primeiro momento, ao discurso dominante. “Era” (a da escritora morta) “un universo como moi... Feminino, non sei, non me enganchou…”, asegura unha delas.

"Sabedes o que é escribir sen calefacción, cidadás caucásicas heteropatriarcais do primeiro mundo?"

A obra, que -polo menos tal como se desenvolveu na Regadeira- vai mudando de escenario, estrutúrase en tres partes ben diferenciadas. Na primeira preséntase a situación a través da conversa entre as tres mulleres -que non teñen nome-. “Horas de dúbidas, de perda, de desesperación... Sabedes o que é escribir sen calefacción, cidadás caucásicas heteropatriarcais do primeiro mundo? Non... Que ides saber vós, refuxiadas no voso cocho, ao quente, tomando sopiñas e vendo a tele ao caer o día…”, pregunta a personaxe de Mónica nunha obra na que o humor non deixa, malia todo, de estar presente en todo momento.

Chegado ao lugar do sepelio -laico- o público ten, como se lle anuncia desde a mesma sinopse da obra, a oportunidade de presentar, coma correspondería a un enterro tradicional -mais que ninguén agarde pinchos e viño, que non vai por aí- os seus respectos ao cadáver e de recoñecer, quizais, algún símbolo do teatro galego. Continúan despois as exequias co diálogo entre as tres mulleres, ante unha escenografía que integrou, polo menos na Regadeira, outros símbolos das Letras Galegas, con algunha sorpresa -chocante- polo medio. O texto tórnase, quizais, máis poético nesta segunda parte, inzada tamén de ironía. Nela, a personaxe de Laura, que puidera semellar na primeira parte máis inxenua, conta algunhas verdades sobre postureos oficias -e non tanto-.

Na terceira parte, mentres segue o enterro laico -atención á representación do que poderían ser os restos da persoa finada- intervén a que podería ser a autoridade do mundo do libro. Os trazos absurdos do texto increméntanse, ao mesmo tempo que medra, se cadra, a súa carga de parodia da dimensión sepulcral da cultura galega. “Pero choramos sen razón porque hoxe, este ser único e incualificable ascende ao parnaso da nosa lírica, onde partillará a gloria e a eternidade na compaña de Meendinho e Martin Codax…”, -despois de morrer, enténdese, entre frío e ruxir de tripas-, proclama este tal representante do “sistema literario”, que nalgún momento perde o decoro ante as mulleres desconsoladas.

"Pero choramos sen razón porque hoxe, este ser único e incualificable ascende ao parnaso da nosa lírica"

“O talento aquí xacente” -di- “é, por desgraza, un triste sinal. A nosa é unha cultura da morte, incapaz de concederlle aos vivos o que xenerosamente lle concede aos mortos. Insistimos na morte. Renegamos da vida. Marchan os mellores para o alén sen saber se a súa obra tivo un sentido. Pode que si ou pode que non. Pero eles nunca o saberán. Hai niso un estraño exercicio de heroísmo. Acaso non era o mandato divino que o poeta Orfeu non ollase cara atrás?”.

"A nosa é unha cultura da morte, incapaz de concederlle aos vivos o que xenerosamente lle concede aos mortos. Insistimos na morte. Renegamos da vida"

Hipérbole ou retrato da realidade? Metáfora da actitude social cara a un oficio -o de artista- con sona de chorar, mais que só de cando en vez ergue a voz, de xeito organizado, para denunciar a precariedade e a perda de dereitos? O público escollerá a súa interpretación. Os creadores da obra definíana, despois da presentación na Regadeira, coma un “divertimento”, sen máis pretensións. Mais, ás veces, os divertimentos apuntan a algunhas verdades.

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Imaxes de 'Acto de hixiene' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.