A Pontenova volve citarse coa historia e as antigüidades na ponte de decembro

Traballos de preparación da feira, este mércores © Deputación de Lugo

Outra cita coa historia e as pezas antiguas na Pontenova. O presidente da Deputación de Lugo e alcalde da localidade, Darío Campos, xunto ao tenente de alcalde, Francisco Martínez, presentou este mércores a XI Feira de Artesanía e Antigüidades que se celebrará os días 8, 9 e 10 de decembro. Trátase, como aclara a institución provincial, dunha "cita de referencia no sector" ao participaren nela profesionais de distintos puntos de Europa, nesta ocasión ata 60 anticuarios e artesáns de España, Francia e Portugal.

A XI Feira de Artesanía e Antigüidades reunirá sesenta anticuarios e artesáns desde o 8 ao 10 de decembro na Pontenova

O Concello organiza este evento, que conta coa colaboración de establecementos e colectivos da Pontenova, así como cunha achega económica da Deputación, que leva unha exposición de 120 pezas de olería e bargueños e promove unha ruta reinvidicativa en vespa para a posta en valor da Senda Verde, ademais de contribuír á difusión desta cita a través da TIC.

 Na cita desta ponte de decembro haberá demostracións de oficios tradicionais en vivo e menús de produtos típicos con prezos vantaxosos nos establecementos da localidade. Darío Campos destacou que a feira quere "poñer en valor a nosa fonda tradición no sector das antigüidades, pois a nosa vila foi o lugar de encontro de anticuarios de toda Europa na procura de pezas rústicas e tradicionais". "Aproveitamos a nosa riqueza cultural para xerar oportunidades económicas no concello, reunindo profesionais de distintos países europeos que son capaces de mobilizar na nosa vila a milleiros de persoas", destacou, tras cifrar en 8.000 os visitantes do ano pasado. 

"A nosa vila foi lugar de encontro de anticuarios de toda Europa na procura de pezas rústicas e tradicionais", destaca Darío Campos

Así, o centro neurálxico da feira será a praza dos Fornos, onde se situarán todos os profesionais participantes: 30 artesáns e 30 anticuarios, chegados de toda a xeografía estatal, dende Galicia, Asturias, Castilla y León, Huesca, Llleida ata Madrid; así como de distintos puntos de Portugal e Francia. A apertura será o xoves 8 de decembro ás 16 horas e os horarios o venres, sábado e o domingo, de 11 a 14 horas e de 16 a 21 horas, agás o domingo que o peche será ás 20 horas.

O domingo celebraraseunha ruta reivindicativa en vespa para demandar a recuperación da antiga ruta do tren mineiro

Ademais, na Casa da Cultura haberá demostracións de oficios tradicionais en vivo en quenda de mañá e de tarde e tamén se poderá gozar dunha exposición no Centro de Artesanía e Deseño composta por 120 pezas de oleiría, a maioría delas correspondentes ao estudo de catalogación dirixido por Xosé Francisco Doval. Tamén haberá unha colección de bargueños fabricados no obradoiro do moble do Centrad, que fai un percorrido pola evolución desta particular peza de escritorio dende o século XVII e ata hoxe.

Alén disto, Pontenova acollerá tamén a Ruta Reivindicativa en Vespa pola Senda Verde o 9 de decembro. Partirá da praza dos Fornos ás 12 horas e con ela demandarase ao Goberno Central a recuperación e posta en valor da antiga ruta do tren mineiro, "executando o proxecto que se aprobou pero nunca desenvolveu pois suspendeu os fondos prevista para facelo", segundo destaca a Deputación. 

Campos, presentando a feira © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.