0 Gardados para despois

De libros: Os quipús de Tamara Andrés

Berta DávilaBerta Dávila


A poeta Tamara Andrés (Combarro, 1992) vén de lanzar á rúa o libro Corpo de Antiochia, que edita Galaxia. Organizado en tres seccións -“A extinción”, “O desterro”, “O retorno”- que dialogan coa estrutura externa clásica dun periplo en busca da restauración do perdido, o poemario presenta un suxestivo e aclaratorio poema de apertura que, titulado “Advertencia”, anuncia o ton esencialista do que haberá de nos agardar no libro, á vez que nos introduce nun espazo poético de construcción negativa: “Non sei construír barcos. / Nin tampouco recompoñer / camiños que non sexan / o da perda”.

Tamara Andrés tece con dobre fío a historia de Antiochia, un suxeito poético que realiza unha viaxe de retorno ás raíces da propia identidade persoal, cultural e estética. A voz que asume ese papel interlocutor ten unha natureza dupla, pois Antiochia é, de modo simultáneo e paralelo, a muller que fala en cada poema, e tamén a cidade turca homónima cuxo relato estivo perpetuamente marcado por sucesivos procesos de destrucción e reconstrucción. Ambas lecturas, xa que logo, están intercomunicadas no texto en tanto que o pasado da cidade marca a identidade conflitiva da muller Antiochia, e a viaxe de retorno desta condúcea á patria esquecida da cidade histórica. As dúas Antiochia comparten biografía e destino.

O delicado fío argumental que ensarilla as composicións acada unha consistencia formal central para a comprensión da proposta estética da autora. A estrutura do poemario lembra, dalgún xeito, o valor que tiñan na cultura inca os quipús, eses cordeis con nós que desempeñaban unha función memorialística: permiten manter viva a lembranza dunha realidade xa ida. Cada poema-elo da cadea actúa como un centro de atracción arredor dun concepto ou realidade que se destaca no título: a illa, o corpo, a catedral, o espello, a entrega... Ese imán conceptual que fica pendurado por riba do corpo poético vai rescatando os recordos que saen á luz como crebas que aboian na area despois dun naufraxio. E só a mirada poética esculcadora ao se pousar sobre eles o que lles outorga sentido, ganfuxándoos no discurso fiado por Antiochia.

Tamara Andrés tece con dobre fío a historia de Antiochia, un suxeito poético que realiza unha viaxe de retorno ás raíces da propia identidade persoal, cultural e estética

O dicir poético creado por Tamara Andrés neste libro é un dicir esixente, que de xeito continuo interroga os obxectos circundantes. Eles devólvenlle unha memoria que consegue, breve e fraxilmente, acadar no poema a forma precisa para se manifestar, pois como din os verdos de “Inverno”: “Nunca puiden denominar / as miñas moitas cidades / porque fun continuo desterro, / mais agora, o teu nome / -doce inverno- / reclama / ser / único contexto”.

Un poemario que é un precioso cristal de sal, para volver a vista atrás e miralo moitas veces. Non o perdan.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.