0 Gardados para despois

14 mil persoas ateigaron o Culturgal na súa décima edición

Redacción | @prazapublica

O Culturgal pechou este domingo a súa décima edición cun novo éxito de público e de participación do tecido cultural galego. Máis de 14 mil persoas pasaron entre o venres e o domingo polo Pazo da Cultura de Pontevedra, unha cifra lixeiramente inferior á do ano anterior, por mor dun leve descenso na asistencia durante o sábado. Pola contra, destacou a afluencia masiva durante a tarde do domingo e a consolidación do venres como xornada dirixida fundamentalmente a profesionais.

Esta edición de 2017 foi a terceira e última baixo a presidencia de Manuel Bragado. A directiva da Asociación Culturgal escollerá en breve nova presidencia. No remate da décima edición, a feira anunciou xa as datas de celebración en 2018: será do 30 de novembro ao 2 de decembro.

Nesta décima edición destacou a presenza de Portugal como cultura convidada. "A integración da cultura portuguesa tanto no programa de actividades como na relación de expositores, a través do acordo coa Direção Regional de Cultura do Norte, foi un acerto de cara a estabilizar a presenza de axentes do país veciño na Feira", destaca a dirección do Culturgal A feira acolleu a sexta sesión das Conversas Nortear que promoven o coñecemento da cultura entre Galicia e o Norte de Portugal a partir de redes de colaboración entre os dous territorios. Moderados polo gañador da segunda edición do Premio Literario Nortear para a mocidade escritora, Rui Cerqueiro, os escritores Miguel Sande e Virgínia do Carmo dialogaron no Pazo da Cultura de Pontevedra sobre literatura, a forza creativa que os impulsa, as súas respectivas traxectorias profesionais e os seus proxectos.

Tamén se fai fincapé na boa acollida do Espazo Arte Contemporánea, que se estreou neste 2017, que "superou as expectativas" e supuxo a entrada das artes plásticas á par que o resto dos sectores presentes na Feira. Neste senso, foi igualmente unha edición marcada polo falecemento do pintor Manuel Moldes, renovador atlántico de Pontevedra, a quen a Feira rendeu homenaxe na tarde do domingo nun acto presentado polo artista Antón Sobral, que contou coa presenza de representantes de distintas institucións, entre eles o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

De igual xeito, o Culturgal acolleu a presentación da vindeira edición do Salón do Libro de Pontevedra -que terá como lema “Mulleres de Conto”- e do seu cartaz, deseñado por Ana Villegas, gañadora do certame internacional convocado polo Salón a tal fin. No Salón, que vai xa polas 19 edicións, destaca a colaboración establecida con México que, será o país convidado en 2018: “É unha potencia cultural de primeira magnitude que conta cunha grande estrutura de consumo da lectura e é tamén a plataforma latino-americana para lanzar cultura ao resto do continente. Imos aproveitar as sinerxias", destacou a concelleira pontevedresa de Cultura, Carme Fouces.

 

Posto de Praza Pública no Culturgal 2017

Acto inaugural do Culturgal 2017

Posto de Luzes no Culturgal 2017

Posto de Sermos Galiza no Culturgal 2017

Culturgal 2017

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.