0 Gardados para despois

Decembro de libros: Os últimos carballos do Banquete de Conxo

Berta DávilaBerta Dávila


O volume Os últimos carballos do Banquete de Conxo que Alvarellos Editora publicou hai xa un tempo coincidindo co 150 aniversario da celebración histórica reúne, ao meu ver, motivos suficientes para resultar do interese para moi diferentes públicos. Asinado por Henrique Alvarellos, Xurxo Martínez González, Francisco Singul e Martín Souto, o libro xunta catro pequenos ensaios que xiran arredor do lugar e o que evoca, e constitúe unha alfaia singular por varias razóns.

A primeira delas é que vén acompañado dunha reproducción facsimilar do texto pronunciado naquel evento por Luis Rodríguez Seoane e do que só se tiña coñecemento por referencia indirecta ata que o investigador Xurxo Martínez González deu con el na Biblioteca Nacional. A segunda razón ten que ver coa vontade de posta en valor histórico e patrimonial do lugar de Conxo. Redescubrir no capítulo asinado por Francisco Singul a importancia histórica e patrimonial do barrio, nomeadamente ás compostelanas, fainos reflexionar sobre cantas cousas perdemos ou descoñecemos da nosa cidade por ser herdeiras dunhas circunstancias históricas que favoreceron que a herba medrase e tupise tanto como para esconder riquezas que nos son propias.

Cantas cousas perdemos ou descoñecemos da nosa cidade por ser herdeiras dunhas circunstancias históricas que favoreceron que a herba medrase e tupise tanto como para esconder riquezas que nos son propias

A terceira é de orde histórica, porque a pesar de ser o Banquete un acontecemento emblemático, o relato histórico, fiado por Xurxo Martínez con saber divulgativo pero sen concesións no rigor historiográfico, permite coñecer mellor o contexto que explica a importancia social e política que implicara no seu momento a irmandade entre universitarios e clase obreira arredor da carballeira de Conxo á beira do río Sar.

Non quixera rematar esta valoración da obra sen facer mención da interesante aportación que desde o ámbito da botánica asina o biólogo Martín Souto. No capítulo dedicado a describir a riqueza natural do espazo onde se desenvolveu o Banquete, o autor lémbranos como en Galicia cultura e historia sempre tiveron un profundo vencello coa realidade natural. As imaxes e planos que acompañan e complementan a minuciosa descripción que o autor fai do contorno son, sen dúbida, dunha grande utilidade para poder atopar as alfaias que o desleixo e o paso do tempo quixeron agocharnos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.