O tren de Cinema Crianza está a piques de comezar a súa viaxe...

Cartel do festival © Festival Cinema Crianza

"Nenas e nenos, bechiños de tódalas clases, o tren de Cinema Crianza está a piques de comezar a súa viaxe. Tanto ten se es pequerrechiño ou se es unha veterana, se tes os dentes longos, ou es máis unha criaturiña alada, sexas xigante ou frangulla... O tren ten asentos reservados para elefantes de cacharrería, gatos lanudos, cadeliños con dous rabos, arañas peludas, monstruos de sete cabezas, soldadiños de chumbo, bruxas boas, malas e indecisas, paxariños cantores, inventoras tolas, todo tipo de seres estranos, e para ti se tes a ben acompañarnos".

Ames é o concello galego cunha taxa de natalidade máis elevada, que se situou en 2016 no 11,17 (nacementos por cada mil habitantes), cando a media galega está nos 7,12.  O pasado ano naceron alí 343 nenos e nenas, unha cifra que na última década se vén mantendo constante (entre 317 e 425 por ano). É, ademais, o concello de Galicia cunha poboación máis nova, cun 23,24% dos seus habitantes por debaixo dos 20 anos (a media galega é do 15,82%) e unha media de idade global de 39 anos (a media é de 46,51 anos). Non estraña, polo tanto, que esta localidade vaia acoller do 15 ao 17 de decembro a primeira edición do Festival Internacional de Cinema Infantil Cinema Crianza.

"Cremos que un festival de cine coma este debe servir como elemento transmisor da diversidade do cinema infantil axudando a fomentar a curiosidade das nosas nenas e nenos"

Organizado pola cooperativa Urdime co apoio do Concello de Ames e da Deputación da Coruña, o certame celebrarase nas Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro. Contará con 31 sesións nas que se poderán ver 70 curtametraxes a concurso, filmes, documentais, música e unha sesión para preadolescentes. O programa completo do festival deuse a coñecer durante o Culturgal; alí destacouse que o fío condutor deste primeiro Cinema Crianza son as viaxes, polo que o programa está concibido como un tren que percorrerá “terras de lume e de xeo, cruzará os mares e tamén o ceo, pois o noso tren é quen de atravesar calquera terreo”. As curtametraxes estarán agrupadas en sesións, atendendo á temática dos filmes, así como á idade recomendada dos mesmos. Haberá dúas categorías: Axóuxeres (curtametraxes dunha duración máxima de 10 minutos orientadas a un público de entre 0 e 3 anos) e Buxainas (curtametraxes dunha duración máxima de 25 minutos orientadas a un público maior de 3 anos). Así mesmo, proxectaranse fóra de concurso longametraxes orientadas a público infantil en calquera das franxas de idade (0-3, 3-7, 7-12), con data de produción non anterior ao ano 2015.

A escolla de títulos escolla de títulos correu da man do cineasta Marcos Nine, director artístico desta primeira edición do festival. Na selección tivéronse en conta "os valores estéticos e educativos das pezas" pero tamén se buscou propiciar "a diversidade técnica, temática e de procedencia da programación global". "Ademais da súa dimensión lúdica, sabemos que o cine actúa como un recurso utilísimo para a educación, a aprendizaxe e a creatividade", salientan os e as responsables de Urdime. "Cremos que un festival de cine coma este debe servir como elemento transmisor da diversidade do cinema infantil axudando a fomentar a curiosidade das nosas nenas e nenos. Entendemos que hoxe en día resulta imprescindible, no proceso de alfabetización audiovisual das nosas cativas e cativos, poder acceder a obras o máis diversas posibles para que o seu grao de coñecemento deste arte non quede reducido ós produtos de consumo nunha edade tan sensible como é a infancia", engaden.

 

A programación

As pezas foron seleccionadas polo seu potencial para fomentar nos nenos e mozas o espírito crítico sobre temas sociais ou culturais e de cultivar o seu criterio audiovisual

Boa parte das sesións conteñen curtametraxes a concurso. Durante os meses de agosto a outubro, o Cinema Crianza abriu un concurso internacional que acadou un grande éxito. Dos milleiros de pezas recibidas dende os cinco continentes, seleccionáronse as devanditas 70 curtametraxes. Todas elas foron seleccionadas polo seu potencial para fomentar nos nenos e mozas o espírito crítico sobre temas sociais ou culturais e de cultivar o seu criterio audiovisual, ofrecendo primeiras experiencias diversas e de calidade. En Axóuxeres atopamos sesións como “Pequenas criaturiñas”, trinta minutos de grandes historias, contadas mediante música e cores. E en Buxainas, por exemplo, progámase a sección “Brotes verdes” na que, ademais de pasar unha tarde divertida, as crianzas aprenderán sobre os riscos da contaminación

Unha das sesións máis especiais do Cinema Crianza é Metamorfoses, unha parada para maiores de 12 anos ou para adultos que queiran achegarse a confitos que se rexistran cando se aproxima a adolescencia. Ademais de curtas, tamén se poderá asistir á proxección de cinco longametraxes: A casa da luz, Dwa Swiaty (Dous mundos), Auf Augenhöhe (A nivel dos ollos), Ce n’est qu’un debut (Só é o comezo) e Minúsculos: o val das formigas perdidas.

Haberá unha atención especial á produción cinematográfica feita en Galicia e tamén sesións de vídeos musicais de artistas recoñecidos da música infantil galega

Coa finalidade de amosar produción cinematográfica feita en Galicia, ademais das curtas galegas a concurso e a longametraxe dirixida por Carlos Amil A casa da luz, o Cinema Crianza tamén contará con dúas sesións elaboradas con curtas da produtora OQO filmes e unha escolma feita con pezas do programa educativo Cinema en curso seleccionadas pola súa directora. Ademais, o festival contará tamén con dúas sesións nas que a música terá un papel fundamental, pois estará composta por unha selección de vídeos musicais de artistas recoñecidos da música infantil galega entre os que atopamos nomes tan coñecidos por tódolos cativos como Paco Nogueiras, María Fumaça ou Magín Blanco, a quen se lle adicará unha sesión específica.

Programa do festival © Festival Cinema Crianza
Cartel do festival © Festival Cinema Crianza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.