"Nós feiramos de segunda a sexta": A Mesa e AGAL chaman a recuperar os nomes tradicionais dos días

Campaña polos días da semana tradicionais © A Mesa / AGAL

A Mesa pola Normalización Lingüística e a Associaçom Galega da Língua (AGAL), xunto coa Fundación Vía Galego, desenvolverán durante este 2018 unha campaña para promover os días da semana tradicionais: domingo, segunda feira, terza feira, cuarta feira, quinta feira, sexta feira e sábado.

A Mesa e AGAL lanza unha campaña para promover os días da semana tradicionais: domingo, segunda feira, terza feira, cuarta feira, quinta feira, sexta feira e sábado

No vindeiro mes de febreiro, o día 19 cunha rolda de prensa e o 25 cun acto de apoio en Padrón, darase inicio á campaña "Nós feiramos de segunda a sexta", que contará coa intervención de coñecidos persoeiros galegos. A iniciativa, segundo explican os seus impulsores, está "especialmente dirixida ás crianzas, por unha banda, e a medios informativos dixitais, por outra". Entre os diarios que colaboran con ela está Praza.gal. 

Así, a campaña conta por un lado co apoio audiovisual da banda de música infantil Mamá Cabra, que compuxo a canción Na segunda feira co obxectivo de "facilitar ás crianzas a aprendizaxe dos días da semana entre outros tesouros de que andan á procura". En canto ao material gráfico, editaranse chapas, manteis de mesa infantís e un calendario que xa está a ser distribuído polos organismos promotores da campaña.

A iniciativa está "especialmente dirixida ás crianzas, por unha banda, e a medios informativos dixitais, por outra"

Ademais, A Mesa e AGAL pedirán a medios de comunicación e outras plataformas dixitais para "usaren estas formas de modo total ou parcial". A partir do día 19, será distribuído un bánner que informa do día do mes e da semana en que estamos. Premendo nel, encamíñase para unha páxina web onde se ofrecerá información lingüística e histórica sobre os días da semana na mesma normativa ortográfica que normalmente usa o sitio web en que o bánner sexa inserido. A información contida nesta páxina web contará, ademais, cunha unidade didáctica para ser explorada no ensino primario.

Os días da semana tradicionais

Segundo se explica na campaña, "algunhas denominacións dos días da semana tradicionais resistiron como maioritarias até ben entrado o século XX, mais foron caendo no esquecemento cando na escola se comezaron a promover outras formas que, aínda que tamén fosen xenuínas nunha zona máis pequena do noso territorio oriental, en xeral eran produto da adaptación fonética dos días casteláns: luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo".

"Algunhas denominacións dos días da semana tradicionais resistiron como maioritarias até ben entrado o século XX"

"Aproveitando o feito de aínda estaren vivas as formas tradicionais da maior parte do territorio (aínda que só en persoas moi vellas), e de estaren admitidas pola norma oficial do galego, os colectivos promotores afirman querer darlles un impulso e evitar a súa desaparición", aseguran. 

Segundo A Mesa e a AGAL, para as persoas preocupadas polo galego “é fundamental que saiban que temos forza para recuperar as nosas palabras aínda que sexa no límite da desmemoria". "No caso concreto dos días da semana, a súa revitalización sería moi motivadora, porque afecta unha serie de palabras usadas diariamente por calquera persoa”, insisten. 

Ademais, explican que "hai máis motivos", como por exemplo, que esta forma é "un sistema lexical moi emblemático dos países lusófonos, espertando o noso orgullo pola pertenza a este tronco lingüístico e pola capacidade comunicativa do galego no mundo". Tamén é "moi relevante na nosa historia lingüística e política, pois o seu nacemento está intimamente vinculado ao Reino da Galiza (Galliciense Regnum) dos séculos V e VI" ou que é un sistema "único do galego-portugués entre todas as linguas do mundo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.