0 Gardados para despois

Diana Varela: "Se por algo paga a pena vivir é porque existe a liberdade e porque temos, ademais, o dereito de exercela"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


A videopoesía está a abrirse un camiño cada vez máis sólido na literatura galega. Unha das últimas achegas neste sentido é Non, Amor de Diana Varela Puña., un proxecto editado en formato convencional en papel e en DVD. A autora dérase a coñecer cos seus poemarios anteriores, Fíos e Animal Abismo, coas súas pezas de teatro e cunha novela, Fin de Festa, reeditada recentemente por Laiovento. En Non, Amor explora o impacto da asunción da morte como único destino inexorable das persoas. Reivindica a liberdade, o amor e a patria, entendida como orixe, tribo, clan. Clama contra a violencia e a intolerancia. E cuestiona, como en Animal Abismo algúns binomios hexemónicos, como o que opón humanos e animais.

Publicaches primeiro os videopoemas e despois o libro en formato papel. Por que?

Interésanme moito o teatro e o cine. Este é, ademais, un libro que me levou varios anos facer. Estivo metido nun caixón ata que decidín retomalo. A raíz de facer recitais e, pola experiencia previa que tivera con A morte e a súa voz ausente -unha peza teatral miña sobre Cesare Pavese da que fixemos varias representacións e que gravamos en vídeo-, xurdiu a idea dos videopoemas.

Falei cun amigo que traballa no cine, Cristian Rola, e así foi… Empezamos a coller algúns dos textos e a traballalos doutra maneira. De todas maneiras, a nosa proposta non consiste nunha poeta poñéndose a recitar versos, coma nun recital. As pezas son como pequenas curtas, nas que a imaxe e a música son tan importantes coma a palabra, aínda que sexa poesía. En youtube poden verse algúns dos poemas, pero non todos, porque tamén temos unha edición en DVD.

“Neste breve conxunto de poemas imaxinei como verían o mundo varios personaxes a piques de integrarse na quietude definitiva”, di o limiar do Non, Amor. Todo o libro está marcado pola presenza da morte, quizais da perda de seres queridos, e do xeito no que fuximos da morte, sen estar nunca preparados para a súa chegada.

É unha reflexión, si, arredor da morte. Non só pola perda de seres queridos. É, esencialmente, o que pasa cando asumes que a morte sucede, que tamén che vai suceder a ti. É a maneira de afrontalo. Que pode ser iso que chaman delirio, loucura... vivir cos ollos pechados, non querer velo. O libro é unha reflexión sobre este limbo no que vivimos pois, desde que nacemos, estamos camiñando cara ao precipicio. É ese pánico de saber que vamos morrer. Mais tanto ten se estamos preparados ou non, porque vai acontecer igual. É esa angustia de saber que vas morrer, que é o noso único destino claro.

"O libro é unha reflexión sobre este limbo no que vivimos pois, desde que nacemos, estamos camiñando cara ao precipicio"

O poemario é moi diferente dos anteriores na forma. Poemas e versos máis longos, e máis narrativo. Por algunha razón especial?

Eu pretendín que fose diferente. Non, Amor ten moito que ver coa música, con cancións que eu escoitaba ou tiña na cabeza mentres escribía. Os versos saíanme segundo a melodía da canción. Así foi o proceso: deixeime levar polo río da música. E iso permitiume expresar experiencias dolorosas dun xeito para min máis levadeiro. Non é que eu planease que ían ser poemas longos. Saíu así pola música, polo tema e polo que meu estado me pedía.

Está moi presente, xa desde o primeiro poema, a idea de casa, orixe, raíz. A voz poética defínese como “aborixe galega”. Remite á idea de familia, tribo…

É iso, si. A tribo, o clan. Son as raíces o que nos permite dar sentido á vida, á presenza de cadaquén no mundo. E iso, para min, son as patrias. Creo máis niso que nas bandeiras ou fronteiras. As raíces, a cultura familiar -nun sentido non só literal-. Os pequenos clans, tribos, son o que entendo polo concepto de patria.

"Son as raíces o que nos permite dar sentido á vida, á presenza de cadaquén no mundo. E iso, para min, son as patrias"

Mais non é unha idea de tribo como concepto. Neste libro, e noutros, sae a túa propia familia, membros dela como os avós, a madriña… Na segunda edición de Fin de festa hai na capa unha foto dun familiar…

Si, claro, porque cada un fala desde a súa propia experiencia. Eu nacín en Corme e a miña familia é de alí. E si hai, na miña vida, unha presenza moi poderosa dos avós. Miña avoa era unha muller de forte carácter, intelixente… e todo iso condiciona, claro. Eu non sería quen son sen eles. Eles van en min sempre. O home do chapeu da portada de Fin de festa é meu padriño, que foi mariñeiro toda a vida. Esta foto ía ir xa na primeira edición, pero ao final foi outra. Finalmente vai na segunda edición. A figura dos mariñeiros, eses homes valentes, tamén ten unha forte presenza na miña vida.

"Eu non sería quen son sen eles, os avós. Eles van en min sempre"

E o amor? Está neste novo libro desde o título. Xa en Fíos o teu primeiro poemario, había unha parte que era Fíos de amor, sobre o amor e o desamor… O tema está tratado de distintas maneiras nos teus libros. En Non, Amor parece haber unha oposición amor/morte. Que non deixa de ser un tópico literario...

É xusto como dis. Cada libro corresponde a unha etapa vital. Escribín Fíos con 20 anos. A miña visión do amor non era a mesma que a de agora, que vou para os corenta. En Non, Amor xogo coa ambigüidade desde o propio título. O que quería salientar é que desde o amor tamén podes dicir que non, sen deixar de utilizar a palabra amor. Tamén quixen quitarlle transcendencia á idea de amor romántico que nos transmiten, que eu non creo que exista. En calquera caso, xogo coa ambigüidade tamén porque non pode haber verdades absolutas desde o momento en que nacemos para morrer.

"O que quería salientar é que desde o amor tamén podes dicir que non"

Hai tamén unha forte pegada, no poemario, do medo, a angustia… Supoño que en relación coa morte.

Si, o pánico, a angustia, a ansiedade. Ás veces sentimos un pánico irracional. Non sabemos por que temos medo. Eu penso que ten relación con que sabemos que vamos morrer. O poema Manual de auxilio fala diso, de como afrontalo.

Falabamos antes da idea de patria como lugar de pertenza. Nun dos teus poemas está o verso “un paso adiante, e outro atrás” de Díaz Castro. O poemario fai referencias a Galicia e as súas problemáticas sociais. A emigración, por exemplo. Non é só a familia ou a tribo.

Si, e mesmo nos videopoemas con referencias a Palestina saen tamén referencias a Galicia. Porque son cuestións universais. Eu falo de clan, de min como aborixe, porque nalgún momento sentinme coma unha aborixe. Quero dicir: cando xiran a cabeza porque estás a falar en galego, cando apuntan unha palabra que dixeches… Por forza, convertémonos en aborixes. Pero si, as referencias son expresas. E son angueiras, reflexións, dores universais. Só que temos que falar, claro, desde o que coñecemos, desde o que se chama a verdade dos feitos, desde a realidade que vivimos. Nese sentido é no que entendo a patria como algo que non responde a unha cuestión de fronteiras.

"Por forza, convertémonos en aborixes"

Ao mesmo tempo, un dos poemas sitúase no Courel e de repente en Estados Unidos e ambos espazos fúndense. Como se funden, noutro, Galicia e París. Ou Galicia e Palestina. Ten que ver co que acabas de dicir?

Si. Esa combinación de lugares, de momentos, corresponde a esa universalidade da que falamos. Estando por Manhattan, poallaba e eu pensaba na poalla do Courel. E estando en París vin uns corvos que me lembraron as gaivotas de Corme. O que trato de transmitir é esa universalidade de sentimentos, esa patria que sentimos todos, sexamos galegos, palestinos.. E a fermosura da diversidade cultural.

"Estando por Manhattan, poallaba e eu pensaba na poalla do Courel"

En relación con iso, o libro -e tamén os anteriores- fala bastante de violencia. Palestina, a violencia da guerra -Congo- ou a violencia contra os animais ou contra as persoas diferentes.

Isto tamén está conectado co anterior. Non creo nos fanatismos nin en que o ser humano sexa o mellor dos animais. A maldade existe. A violencia existe. Hai persoas que non parecen malas todos os días, pero que non dubidan en exercer a maldade en certas circunstancias. A maldade e a violencia existen e hai persoas que son malas.

"Non creo nos fanatismos nin en que o ser humano sexa o mellor dos animais. A maldade existe"

Ademais de fundirse os lugares, xúntanse tamén os tempos. Hai bastantes referencias á mitoloxía grega, xa desde Fíos. É un tempo mitolóxico que tamén é o presente.

É verdade. Eu non era consciente pero, si, díxomo un amigo e creo que ten razón. Gústame moito a mitoloxía, a literatura clásica. Leo poesía e teatro desa época e fixen unha viaxe moi interesante por Grecia… Non é algo consciente pero si, iso deixa unha pegada nos meus libros.

E por que saen tantas aves? Un poema relaciona a Rosalía coas aves. Gaivotas, andoriñas…

Pois… agora que dis, tamén é certo. Non sabería explicar moi ben por que. O certo é que non me gustan moito. Eu teño vertixe e cando vexo unha gaivota voar moi alto prodúceme unha sensación case de mareo… En París vin uns corvos enormes. E tamén me producían case ganas de botar a correr.

Outro dos temas máis presentes é a liberdade. A liberdade que temos, mesmo, para escoller ser miserables, como conta Fíos.

Porque se por algo paga a pena vivir é porque existe a liberdade e porque temos, ademais, o dereito de exercela. Que sexa posible ser libres é o que xustifica o noso paso polo mundo.

"Que sexa posible ser libres é o que xustifica o noso paso polo mundo"

Fin de festa (Laiovento) é unha novela sobre “náufragos da vida”, símbolo da decadencia social. Solitarios, bebedores, vagabundos, persoas enganchadas ás drogas… Xente que tenta vivir de xeito digno, malia todo. Algo hai tamén diso en ‘Non, Amor’.

Si, hai conexión porque subxace algo no que penso bastante, que son as distintas “maneiras de vivir”, como diría Rosendo. A cuestión é que tomar unha mala decisión, como lle pasa a unha das personaxes de Fin de festa que é unha rapaza brillante que acaba desfeita polas drogas, pode estragar a túa vida... O libro fala tamén de violencia e intolerancia co diferente: xente que non vive como se supón que ten que vivir e por iso é tratada con condescendencia… A Maruja Mallo apedreárona en Galicia por ir en bicicleta. E as persoas podemos ser moi malas, moi crueis e envexosas.

"A Maruja Mallo apedreárona por ir en bicicleta. E as persoas podemos ser moi malas, moi crueis e envexosas"

En relación con iso, saen nos tres poemarios mulleres que viviron contra as convencións sociais. Coma no poema A Outra.

É o prezo que unha muller ten que pagar pola súa liberdade. Ademais, hai moito cinismo e hipocrisía. Que as actrices leven un abanico na gala dos Goya está ben, os xestos son importantes, pero máis alá diso o importante é o que fagan na súa vida diaria. O mundo só cambia se empezamos pola nosa propia casa. E habería que ver como viven esas mesmas señoras. Se levan unha vida convencional e é o que queren, é unha incoherencia que participen nunha exhibición como a vista nos Goya.

"O mundo só cambia se empezamos pola nosa propia casa"

Por que saen tanto os nenos nos tres poemarios? O neno que vai ser vello, en Non, Amor, os nenos vítimas de violencia, en Animal Abismo...

Os nenos, aínda que despois se volvan malos e feos, nalgún momento foron nenos inocentes. E a nenez xa xustifica o noso paso polo mundo. Non se me esquece o que dixo a nai de José Enrique Abuín: eu non parín un monstro. Rompeume o corazón. Mellor non puido expresalo. É esa terrible realidade: aquel bebé precioso que criaches converteuse nun ser abxecto, desprezable e terrible. Pero foi un neno inocente. Penso que os nenos levan en si o mellor da humanidade.

"Penso que os nenos levan en si o mellor da humanidade"

Dicías antes que os humanos non son os mellores dos seres. En Animal Abismo había como un deshumanizarse para volver á natureza, á orixe, segundo dixeches noutra entrevista. Esa reflexión está tamén en Non, Amor, pero doutra maneira…

É o que falamos antes. Os libros van marcados pola nosa propia evolución como persoas, polas nosas lecturas, polos nosos acontecementos vitais e pensamentos. Para min, a reflexión filosófica está moi ligada ao que escribo. Trato de reflexionar sobre as cousas que me preocupan e de expresalas a través da poesía, a narrativa, o teatro…

"Trato de reflexionar sobre as cousas que me preocupan e de expresalas a través da poesía, a narrativa e o teatro"

Tes publicadas dúas obras de teatro: As trovas de Midas, dispoñible en dixital, coa túa voz, e en papel, e Midas, Leo e o Paraugas. Teatro orientado a público infantil… Ademais dunha peza de teatro social en Banqueiros, de Laiovento.

O teatro para nenos é o que teño publicado, pero en realidade teño máis pezas escritas que non son para público infantil, nas que estou a traballar para sacalas. O texto de Banqueiros é en realidade unha adaptación dunha obra máis ampla, que mudei para o tamaño e para o tipo de proxecto, de teatro social, que é Banqueiros. Teño, así, máis teatro escrito, que ten que ver con todo o que falamos nesta entrevista: as temáticas…

Tamén publicaches en Medulia, en autoedición, coma Non, Amor, o poemario Ouvre la Lucarne, en galego e francés. Que proxecto é ese?

Un libro que naceu de viaxes por Francia nas que fixen recitais. Despois recollín nun libro os poemas recitados.

Diana Varela Puñal - Os amantes de Monbósc

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.