0 Gardados para despois

Xa está en marcha o Olloboi 2018, a canteira do audiovisual galego

Redacción | @prazapublica

Xa comezou a conta atrás do Olloboi 2018, o festival para producións audiovisuais de ámbito escolar -desde educación primaria a universitaria- que se organiza en Boiro. Os traballos para esta oitava edición do certame poderán enviarse ata o vindeiro 30 de abril. Os seus organizadores e organizadoras esperan manter a tendencia de crecemento que a cita ven experimentando nos últimos anos. Se en 2014 e 2015 superárase xa a cifra de 100 curtametraxes a concurso, no 2016 foron 234 pezas, procedentes de 59 centros de ensino de toda Galicia.

Os premios entregaranse o vindeiro 11 de maio dentro dos actos do Encontro Olloboi. Hai un total de nove categorías: Olloboi Peque (para traballos elaborados con ou para alumnado de ata 12 anos), Olloboi Plus18 (para pezas elaboradas por alumnado de centros de ensino superior -escolas universitarias, ciclos de formación profesional superior, etc.-), Olloboi Zamburrioi (premio especial concedido pola Asociación Olloboi) e seis categorías máis de tipo xeral, nas que poden competir todas as curtametraxes presentadas: Olloboi Interpretación, Olloboi Montaxe, Olloboi Fotografía, Olloboi DJ (á mellor sonorización e/ou interpretación musical), Olloboi Guión e Olloboi Arte e estética (construción de escenarios, vestiario e maquillaxe).

O Encontro Olloboi 2018, que se celebrará o 11 de maio, contará con varias actividades. Pola mañá desenvolverase a Muchachada Matiné, un roteiro socioaudiovisual por Boiro coorganizado coa A.C. Unión de Muchachas. A inscrición na actividade está aberta a alumnado de toda Galicia, é de balde, e inclúe axuda profesional para realizar unha peza audiovisual na propia mañá. Pola tarde realizarase un CineForum para presentar unha produción audiovisual galega. A continuación entregaranse os premios.

Os premios entregaranse en Boiro o vindeiro 11 de maio dentro dos actos do Encontro Olloboi. Hai un total de nove categorías

Os organizadores desta iniciativa, que conformaron unha asociación sociocultural sen ánimo de lucro, destacan que "conscientes de que no panorama da cultura galega non hai un recoñecemento explícito das iniciativas audiovisuais escolares, decidimos traballar para premiar a orixinalidade, arte e compromiso de moitos futuros profesionais". Un dos obxectivos principais de Olloboi é o formativo, axundando os futuros e futuras creadoras do audiovisual a aprender máis sobre as técnicas e os procesos necesarios para a realización de curtametraxes e outras pezas. Na web pódesen atopar recursos para elaborar filmes, como actividades e charlas con profesionais en Aprendo con Olloboi. Por exemplo, este Olloconsello sobre interpretación presentado por Miguel de Lira.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.