0 Gardados para despois

Carlos Lorenzo: "Segue sendo necesario facer ver que a poesía está na barra do bar, nunha pintada na rúa ou en Youtube"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


"Desde os primeiros pasos houbo un criterio fundamental: espertarlle a curiosidade pola nosa poesía a quen nunca tivo interese por ela. Con cada persoa coa que falaba para involucrala no proxecto, sempre lle facía ver que a miña intención era crear un produto audiovisual de calidade que contase o que leva pasando na literatura galega nos últimos 25 anos, incidindo, evidentemente, na poesía. Para iso eu tiña claro que non funcionaría entrar en análises literarias nin en comentarios académicos". Así explica Carlos Lorenzo, o director do documental Vértice de versos, o seu proxecto para este filme, que acaba de presentar o seu teaser. Falamos con el.  

Xa traballaras no audiovisual -en guión, produción e dobraxe-, e ademais fixeches un documental con Bocixa sobre os 20 anos do Premio de Poesía do concello de Carral. De que maneira un proxecto levou a outro?

Este proxecto nace a raíz dun traballo que estaba a facer para a Escola de Imaxe e Son da Coruña e pola relación que manteño co eido da poesía galega. Como responsable do Premio de Poesía Concello de Carral desde o seu nacemento hai 21 anos, fun establecendo unha estreita relación con poetas de Galicia. Vin nacer a traxectoria de moitos deles. Con outros a relación foise fornecendo desde o meu papel de xestor cultural.

"A ambición era facer unha produción de calidade que falase do que nunca se tiña falado nun audiovisual galego, que é sobre a nutrida xeración de poetas coa que conta Galicia"

Daquel proxecto inicial e unha vez que comezamos a produción do documental para conmemorar os 20 anos do certame de Carral, collín os folgos suficientes para emprender este documental coa ambición de facer unha produción de calidade que falase do que nunca se tiña falado nun audiovisual galego, que é sobre a nutrida xeración de poetas coa que conta Galicia.

O documental trata de contar o acontecido desde os 90 na poesía galega. Non é un proxecto nada doado. Con que criterios (cronolóxico, temático, formal...) formulastes o relato dos feitos?

Desde os primeiros pasos houbo un criterio fundamental: espertarlle a curiosidade pola nosa poesía a quen nunca tivo interese por ela. Con cada persoa coa que falaba para involucrala no proxecto, sempre lle facía ver que a miña intención era crear un produto audiovisual de calidade que contase o que leva pasando na literatura galega nos últimos 25 anos, incidindo, evidentemente, na poesía. Para iso eu tiña claro que non funcionaría entrar en análises literarias nin en comentarios académicos.

"Desde os primeiros pasos houbo un criterio fundamental: espertarlle a curiosidade pola nosa poesía a quen nunca tivo interese por ela"

Como comentei en varias ocasións durante a rodaxe ou no traballo de edición, estabamos a sacarlle a túnica ao vello poeta; estabamos a facer un documental sobre poetas, e non tanto sobre poesía. Con isto quería deixar claro que os espectadores tiñan que descubrir as persoas que fan poesía, rachando cos tópicos e comprobando que é unha actividade creativa tan natural coma calquera outra e que se está a transformar co tempo igual que outras expresións literarias ou artísticas.

"Estabamos a sacarlle a túnica ao vello poeta; estabamos a facer un documental sobre poetas, e non tanto sobre poesía"

Mais eu sabía que para contar este fenómeno con expectativas de éxito, había algúns feitos na nosa poesía recente que me axudarían a darlle ese brillo atractivo ao documental. Por exemplo, o acontecido nos anos 90, cunha extensa nómina de poetas novos, que comezaron a innovar no modo de ofrecerlle poesía ao público. Dedicamos un tempo a escoitar a Modesto Fraga e a María Lado falándonos do Batallón Literario da Costa da Morte, todo un fenómeno en Galicia que rachou con vellos tópicos.

Ou cal foi o motivo para que nacese unha editorial como Letras de Cal. Estes, entre moitos outros, foron feitos singulares que nos fan ver que aqueles novos e novas poetas non só quedaron na escrita duns versos, senón que tiveron a ansia de levar os seus poemas por innumerables e singulares lugares de toda Galicia. Remato esta pregunta comentando que Vértice de Versos desenvólvese a través de diversos temas sen seguir unha liña cronolóxica definida.

"Aqueles novos e novas poetas non só quedaron na escrita duns versos, senón que tiveron a ansia de levar os seus poemas por innumerables e singulares lugares de toda Galicia"

Entre eses temas están o do protagonismo actual da muller na poesía, os novos modos de expresión poética, facemos un rápido repaso pola historia da nosa poesía, cal está sendo a situación actual da nosa poesía, que pode pasar no futuro… E ocupa unha boa parte da metraxe da película escoitar a catro dos poetas falando dos seus inicios, os seus procesos creativos, as súas influencias, os seus premios… Emprégoos como exemplos do que está acontecendo en Galicia na creación poética. Estes autores e autoras son Emma Pedreira, Baldo Ramos, Gonzalo Hermo e Yolanda Castaño.

En relación con iso, fala Ismael Ramos no teaser de influencias mutuas entre os novos poetas e os non tan novos, e Gonzalo Hermo menciona o proceso de "reciclaxe do canon" e, ao mesmo, o rescate de autores do pasado que aos novos poetas lles resultan contemporáneos. De que xeito trata o documental ese tema, é dicir, a influencia mutua entre poetas de distintas "xeracións"?

Eses comentarios que escoitamos de Ismael e de Gonzalo é a resposta á miña pregunta de se eles senten a influencia de xeracións anteriores, tendo en conta que eles son os que agora están consolidando unha carreira literaria. Eu facíalles esa pregunta porque tiña a impresión de que esta xeración estaba sendo moito máis rebelde que as anteriores á hora de beber dos seus predecesores na vangarda literaria. Mais o erro parece ser meu.

"Eu tiña a impresión de que esta xeración estaba sendo moito máis rebelde que as anteriores á hora de beber dos seus predecesores na vangarda literaria. Mais o erro parece ser meu"

Como escoitaches no teaser, falan de que son perfectamente coñecedores do feito polas xeracións anteriores. Son referencias, mais non teñen por que ser os puntos de partida. Moitos dos que interveñen salientan a circunstancia de que están a convivir cinco xeracións de poetas, sendo a maior Luz Pozo e os mais novos os da xeración de Gonzalo ou Ismael. Esta confluencia parece que está a favorecer que a escrita poética se vexa influenciada entre xeracións nos dous sentidos.

"Moitos dos que interveñen salientan a circunstancia de que están a convivir cinco xeracións de poetas, sendo a maior Luz Pozo e os mais novos os da xeración de Gonzalo ou Ismael"
 

O documental está armado a través de entrevistas a representantes da crítica, da edición -por exemplo, Fernán Vello e Antía Otero e Dores Tembrás de Apiario-, e da escrita. Cales foron os criterios de escolla dos entrevistados? (Entendo que quizais se daría prioridade a editoras pequenas, aos escritores máis novos...)

No documental, no que non existe unha voz en off que guíe o relato, interveñen 19 persoas. Agás Teresa Seara e Armando Requeixo, todos son poetas. Ademais dos xa citados ata agora, dicir que aparecen Alicia Fernández, Dores Tembrás, Antía Otero, Cesáreo Sánchez Iglesias, Eduardo Estévez, Luís González Tosar, Miguel Anxo Fernán Vello, Rosalía Fernñandez Rial e Oriana Méndez. Quixen que as voces novas contasen a súa visión do que estaba a acontecer e como o estaban a vivir; a outros para que nos falasen dos grupos e dos colectivos dos 90; aos presidentes das principais asociación de escritores para que nos desen a súa visión de conxunto; ás fundadoras de Chan da Pólvora e Apiario para detectar se os seus proxectos son resultado deste momento favorable para a nosa poesía; os especialistas no seu estudio achégannos detalles da nosa historia literaria así como unha visión do conxunto…

"No documental, no que non existe unha voz en off que guíe o relato, interveñen 19 persoas. Agás Teresa Seara e Armando Requeixo, todos son poetas"

A selección dos catro “protagonistas” -o certo é que non me gusta denominalos así, mais creo que é como mellor se entende- fíxena considerando a súa traxectoria e no que podían achegar ao documental. Yolanda é sen dúbida a máis recoñecible entre o público e quen máis representa na actualidade a poesía galega no exterior. O seu papel como dinamizadora tamén me parecía interesante coñecelo. Baldo Ramos é un dos máis recoñecidos e premiados. Ademais a súa faceta de artista plástico, no que sempre está a poesía, pode resultar moi atractiva para o espectador.

"A selección dos catro 'protagonistas' fíxena considerando a súa traxectoria"

Emma Pedreira acumula case todos os premios posibles dos que hai en Galicia, que se converteron nunha longa lista de libros editados. Ademais, o recente premio ao mellor poema do mundo parecíame argumento dabondo para escollela. Pola súa banda Gonzalo Hermo é un bo exemplo para coñecer á xeración máis nova. O premio nacional Miguel Hernández é un mérito digno de quen será unha gran figura da nosa poesía. As persoas escollidas non o están en calidade dos mellores, senón en calidade de representativos. Poderían ser moitas outras, mais con todas as que interveñen penso que acertei para ofrecer unha ben enfocada panorámica da nosa poesía.

"As persoas escollidas non o están en calidade dos mellores, senón en calidade de representativos. Poderían ser moitas outras"

Tamén se poden imaxes: programas de recitais, revistas, libros... Que papel xoga no documental este material máis "de arquivo"?

Estes recursos axudan a confirmar o que están a contar os entrevistados, ben porque fan referencia a eses actos ou publicacións, ou ben porque amosan un material froito do traballo realizado por eles. Vemos carteis, follas voandeiras, autoedicións ou artigos en revistas para amosar o intenso traballo de creación, edición e divulgación da nosa poesía. Empregamos en varias ocasións imaxes obtidas de webs e buscadores da internet, porque así queremos facer ver o doado que é atopar información dos nosos escritores e as súas obras.

Falando da poesía desde os 90, non podía falar a reflexión sobre os intentos de sacar a poesía do pedestal e levala, por exemplo, aos bares. Saen, por exemplo, María Lado e Lucía Aldao. Que reflexión realiza o documental sobre esta cuestión? En realidade, o discurso sobre a necesidade de achegar a poesía á xente é anterior aos 90...

Como xa comentei en preguntas anteriores, ese discurso da poesía fóra do pedestal é un dos obxectivos desta produción. Ademais do narrado sobre os recitais en bares e festas por parte do Batallón, tamén quixen amosar que a poesía non só se cingue ao texto, senón que existe outros tipos de expresión ou construción poética coma os blogs, as redes sociais, a poesía escénica ou a vídeopoesía. Este aspecto creo que é un dos temas que máis interese pode espertar na xente moza que olle o documental.

"Segue sendo necesario facer ver que a poesía está na barra do bar, nunha pintada na rúa ou en Youtube"

Os novos tempos e as novas ferramentas tecnolóxicas facilitan que se poida experimentar con outra forma de facer poesía. Pode ser un novo punto de entrada, tanto para crear como para gozar da poesía. Parte deste discurso pode parecer que pertence a un tempo anterior e que agora está caduco. Penso que o que acontece é que segue tendo vixencia e segue sendo necesario, mais non resulta tan sorprendente como hai 20 anos, cando a referencia única da poesía era o libro e o recital formal. Segue sendo necesario facer ver que a poesía está na barra do bar, nunha pintada na rúa ou en Youtube.

En relación con iso, que reflexión xeral tira o documental sobre a evolución da poesía entre os 90 e os 2000? E entre os 2000 e o 2010, por exemplo? É dicir, as últimas "fornadas" de poetas...

O certo é que o documental non entra a analizar con profundidade esa evolución. Non fai unha comparativa. Si que se extrae a conclusión da maior presenza feminina, dunha maior formación literaria das novas xeracións, da súa inquedanza por chegar ao público cos seus poemas sen ficar agardando tan só pola publicación do libro, e polo desacougo que existe ante a incertidume de se o número de lectores irá parello ao maior número de creacións poéticas. Si é posible visibilizar no documental que os 90 foi un tempo de convulsión e de moitos cambios que deixaron preparado o camiño para novas xeracións.

"Si é posible visibilizar no documental que os 90 foi un tempo de convulsión e de moitos cambios que deixaron preparado o camiño para novas xeracións"

Outro dos temas parecen ser os problemas: por exemplo, atopar canles para sacar adiante a oferta, como di Dores Tembrás. Cales son as dificultades, neste sentido, que máis remarca o documental? Aínda que o ton non parece ir moito no sentido da denuncia e os aspectos negativos, senón da análise da poesía galega como a poesía de calquera outro país.

Dis ben de que non buscamos moito a parte negativa, aínda que algúns intervintes dixeron frases moi contundentes sobre as dificultades. Seguen sendo as vellas: dificultade para publicar, para visibilizarse, para vivir da poesía… Yolanda Castaño si fai unha reflexión ao respecto. Ese comentario deixámolo na secuencia final, no que escoitamos moitas intervencións a xeito conclusivo. E creo que o comentario de Yolanda ten un gran valor polo que ela percibe no exterior sobre a nosa poesía. Pero si que é certo que non incidín moito nos aspectos negativos porque realmente acaba sendo o mesmo discurso de hai 20 anos. Nese obxectivo meu de que Vértice de Versos fora unha chamada de atención sobre a calidade dos poetas de Galicia, optei por manter ao espectador fóra da complexidade da maquinaria do noso sistema literario.

"Si que é certo que non incidín moito nos aspectos negativos porque realmente acaba sendo o mesmo discurso de hai 20 anos"

Supoño que un dos perigos podería ser incidir nos tópicos. Por exemplo, a frontal oposición entre o suposto "culturalismo" dos 80 e a "renovación" dos 90. Ou mesmo os tópicos sobre a "poesía de mulleres" dos 90, con todos os seus items dominantes: o erotismo, o corpo... Como traballastes este aspecto?

Si hai tópicos que se citan. E fanse coa naturalidade de quen é sabedor de que moitos deses temas son moi recorrentes nas conversas de quen ten relación co eido literario ou de lectores máis fieis, pero non acaban sendo cuestións que coñeza o gran público, porque o gran público non le poesía. Ademais existe a intención de que Vértice de Versos sirva para que no exterior se coñeza un pouco máis o que aquí se está a facer. De feito, faremos versións subtituladas ao castelán e ao inglés para que o documental se poida proxectar fóra das nosas fronteiras. Para ese público os “tópicos” que a nós xa nos aburren, serán para eles novidosos.

"Existe a intención de que Vértice de Versos sirva para que no exterior se coñeza un pouco máis o que aquí se está a facer"

Aproveito para incidir tamén no carácter didáctico que cremos que ten o documental. A visión que damos sobre estas xeracións de poetas, incluíndo ademais unha contextualización histórica, resultará unha ferramenta de gran utilidade para o ensino medio e superior. A web do documental incluirá as 19 entrevistas realizadas para o documental, para poder escoitar todo o comentado por cada entrevistado ou entrevistada. Ademais, da man de Teresa Seara, estamos a preparar recursos didácticos, dispoñibles tamén na web, para poder traballar estas xeracións nos centros de ensino, xa que detectamos que non existen recursos semellantes que poidan resultar atractivos para a mocidade.

Salienta Yolanda Castaño que a poesía galega vive un momento de grande creatividade... Iso é, tamén, algo que se leva dicindo desde hai bastante tempo. Mais como evitar, tamén aquí, un ton que poida ser demasiado celebrativo? Porque se cadra, sendo necesario tirar de enriba os complexos, tamén o é situar a poesía galega nun contexto global no que é unha máis. Porque, de non facerse isto, tamén se poden xerar unha sorte de falsas expectativa...

É certo que hai que ter os pés na terra e ter precaución coas proclamas triunfalistas. Pero tamén é certo que Galicia é terra de poetas, comezando pola matriarca, Rosalía de Castro. Tendo nós un sistema literario propio, hai que ver cal é a forza que nel ten a poesía en comparación con outros países ou idiomas. Cada vez vanse facendo máis traducións a outras linguas, existe cada vez unha maior atención ao que aquí se crea, e Galicia recibe tamén cada vez a máis escritoras e escritores estranxeiros que aquí comproban o vigor da nosa poesía. Quizais outros estean mellor, pero aquí tamén hai moi bo nivel e, por que non contalo?.

"Quizais outros estean mellor, pero aquí tamén hai moi bo nivel e, por que non contalo?"

O documental leva música orixinal de Xoán Curiel, ten a Bocixa na cámara e supoño que na montaxe... Contas cun bo equipo. Podes falarnos del?

Desde a miña faceta como produtor e director teño que dicir que fun moi afortunado en conseguir confeccionar un equipo como o de Vértice de Versos. Conseguir que na miña primeira produción se suban ao carro profesionais de grande nivel foi unha sorte da que moitos non poden gozar. Por unha banda Xoán Curiel foi dos primeiros cos que falei e axiña me dixo que contara con el. Usamos algunha canción que xa tiña na súa discografía, mais pedinlle se podía facer un tema orixinal con algún poema recente. Buscamos entre os dous e un día sorprendeume cunha maqueta marabillosa coa letra dun poema de Modesto Fraga. Foi fantástico e emocionante escoitalo. Ademais encargouse doutras melodías que van soando no documental.

"Xoán Curiel sorprendeume un día cunha maqueta marabillosa coa letra dun poema de Modesto Fraga. Foi fantástico e emocionante escoitalo"

Para darlle un punto atractivo, planifiquei a incursión de ilustracións orixinais. Pensei en María Lires, quen se entregou en corpo en alma ao proxecto para facer uns debuxos que aparecen en certos momentos do documental, e que sei que lles van a gustar aos espectadores. Xa na parte máis técnica, para a rodaxe contei na imaxe e realización con Xosé Antón Bocixa, co que xa compartira proxecto co documental do premio de poesía Concello de Carral. É outro gran profesional que se implica no proxecto sen escatimar esforzo e entrega. Para o son está Alfonso Camarero, que participou nalgunhas sesións de rodaxe, nas gravacións que fixemos no estudio e que está coa posprodución de son. Xa contaba con experiencia en outros proxectos audiovisuais e o seu estudio GourmetSound na Coruña converteuse nalgunha xornada de traballo nun lugar máxico e acolledor.

"Para darlle un punto atractivo, planifiquei a incursión de ilustracións orixinais"

A montaxe correu a cargo de Manuel Macou. A súa achega ao proxecto é moi salientable porque foi capaz de empatizar de tal maneira comigo que puido entender perfectamente as miñas intencións de cómo contar os temas previstos. O ritmo que lle imprimiu ao documental e lograr que 19 persoas falando non resulte aburrido, é un mérito propio dun magnífico editor. O equipo complétanno Fran X. Rodríguez, un creador audiovisual excepcional que traballa nos grafismos e co material que realizou María Lires, logrando que os discursos se vexan enriquecidos no visual; e Enrique Moro na etalonaxe, un dos mellores profesionais galegos nesta especialidade. Somos un equipo pequeno porque é unha produción pequena, mais síntome afortunado de estes profesionais porque sei que son do mellor co que podía contar para este proxecto.

Algo máis que queiras salientar?

Se ben Vértice de Versos é unha longametraxe de 65 minutos, está prevista unha versión de 45 minutos que sexa de proveito para o ensino. Moitos profesores de lingua e literatura galega comentáronme xa na etapa de preprodución, do valor que podía ter un audiovisual color que podía ter un audiovisual coma este para achegar o coñecemento e o interese do alumnado á poesía galega recente. Así, decidín empregar certos recursos que puidesen axudar a crear proximidade entre o documental e o espectador, tanto adulto como estudante. Creo que o conseguimos. Enfatizar que non é un documental xuvenil nin educativo, mais que si pode espertar o interese deste tipo de público.

Teaser de 'Vértice de versos'

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.