0 Gardados para despois

"Hai máis autores que nunca, pero deixouse de publicar banda deseñada en galego"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Este venres comeza en Lugo o I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia, unha iniciativa pioneira sobre este xénero do cómic, organizada polo Concello, o portal www.historiadegalicia.gal e Demo Editorial e coordinado por Manel Cráneo, responsable deste último selo. O propio Cráneo ten unha extensa experiencia persoal como autor neste ámbito, por exemplo Os lobos de Moeche (2009) ou A Torre dos Mouros (2012) ou as ilustracións de Vento e Chuvia. Mitoloxía antiga de Galicia (2013).

No evento, no que participarán Víctor Boullón, Tokio, Miguel Fernández, Tomás Guerrero, Pepe Carreiro e o propio Cráneo, haberá tres charlas, comezando pola que este venres ofrecerá Manel Cráneo sobre "Proceso técnico e creativo da banda deseñada histórica". Ademais, os sábado 14 e 21 de abril levaranse a cabo dous obradoiros prácticos. Todas as actividades terán lugar no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). Finalmente, durante a celebración do Arde Lvcvs, en xuño, os seis ilustradores percorrerán as rúas da cidade recollendo en viñetas o ambiente da festa. Falamos con Cráneo sobre o Encontro, o proceso creativo dunha BD de ambientación histórica e sobre a situación do xénero en Galicia.

Cal é o momento actual da banda deseñada histórica en Galicia?

Unha cousa é falar en xeral da banda deseñada, que nunca tan ben estivo, sobre todo a nivel autoral; diferente sería meternos en datos de como funciona o mercado da banda deseñada en galego. Na banda deseñada de ambientación histórica, en concreto, lévase publicando moito dende hai anos, é un tema que interesa. Seguramente porque temos unha cultura moi rica e unha historia moi potente, xa que por aquí pasaron todos os pobos, debido á situación xeográfica estratéxica de Galicia.

Temos moito que contar, e por iso penso que a BD de ambientación histórica non está todo o aproveitada que podería estar. Sempre poño o exemplo de Francia ou, sobre todo, dos Estados Unidos, que ten unha historia moi curta, pero que explotan moitísimo. Tendo en conta a riqueza histórica que temos e o gran número de autores e autoras de calidade que temos, creo que é un xénero que se podía tocar moito máis. E é unha pena, porque tamén hai unha gran demanda por parte dos lectores e lectoras. Un dos obxectivos que teñen estas xornadas é crear unha plataforma que permita que comece a haber un pouco máis de interese sobre este xénero.

"Tendo en conta a riqueza histórica que temos e o gran número de autores e autoras de calidade que temos, creo que é un xénero que se podía tocar moito máis"

É un xénero moi interesante, e unha gran ferramenta para achegar o coñecemento de historia a toda a poboación, non si? Sobre todo á mocidade, aínda que a banda deseñada non ten idade...

Si, por suposto, non ten idade. Por exemplo, nunha das charlas que imos ter neste encontro Pepe Carreiro vai falar dos Barbanzóns, que é unha especie de Astérix e Obélix, pero á galega e ambientada na comarca do Barbanza; de feito, o epicentro da historia é o Castro de Baroña. É unha serie dirixida ao público infantil e xuvenil, pero esta é só unha das opcións. Eu este venres vou falar precisamente de varios proxectos de banda deseñada que buscan o entretemento pero que ao mesmo tempo son divulgativos, coma o que fixen de Os lobos de Moeche, ambientado nas guerras irmandiñas, un libro que serviu como elemento de divulgación no Castelo de Moeche cando foi musealizado.
Ao final, a historia no cómic é un pano de fondo, que pode ter diferentes obxectivos, diferentes públicos e diferentes formas de enfocar o que se conta. Podes ter máis ou menos ficción, pode ser máis ou menos realista no debuxo, pero a historia funciona sempre moi ben no cómic, porque a historia é aventura, intriga... e a xente quere iso e, ademais, saber máis sobre esa época.

Como é o teu proceso creativo cando estás facendo un álbum de xénero histórico? Como te documentas, como cotexas todos os elementos, dende a verosimilitude da trama ata os pequenos detalles, para que se axuste ao tempo no que a historia ten lugar?

Hai moitas formas de facelo: podes traballar ti só ou podes elaborar a historia en equipo, eu teño traballado das dúas maneiras. Cando fixen A Torre dos Mouros contaba cun equipo arqueolóxico que fixera unha escavación en Carnota, onde atoparan unha fortificación feita pola xente de alí, de Lira, para defenderse durante a época das invasións normandas nos séculos IX e X. Para facer o cómic tes que ir aos sitios, documentarte, tirar fotografías, mirar as planimetrías da escavación, entrevistas os arqueólogos... Tes que investigar moito para tentar que o que contas sexa o máis realista posible e se contas con asesoramento, pois moito mellor. E despois vén a parte creativa e artística, onde tes que poñer un pouquiño de imaxinación e tentar reflectir cousas sobre as que moitas veces non vas ter datos. A min interésame moito a parte humana, digamos, como eran, como pensaban, como podían resolver nesa época un problema determinado. E tes que poñerte na súa pel, pensar como o farían eles.

En Galicia hai cómics ambientados no período castrexo e romano, nas loitas irmandiñas, biopics de Castelao, de Ferro Caaveiro... unha gran variedade de temas, aínda que seguramente quedan moitos outros sen tocar. En castelán, por exemplo, hai unha gran produción de novelas gráficas sobre a Guerra Civil. Que grande temas quedan sen tratar en Galicia? A Guerra? A emigración?

Hai algunhas épocas máis tratadas que outras. Por exemplo a época castrexa ou a medieval, sobre todo o medievo, ao contar con moitos personaxes. Pero si, hai moitos temas que faltan por tocar, moi potentes, personaxes que se cadra están moi esquecidos e que sería interesante tratar. Falabas ti da Guerra Civil e a verdade é que en Galicia non se fixo moito. Ou dos guerrilleiros na postguerra, e a ninguén se lle deu por facer por exemplo unha biografía de Foucellas en banda deseñada ou doutros guerrilleiros. En Demo si que editamos a historia do derradeiro bandoleiro que foi axustizado en España, Mamed Casanova. A clave é sempre o interese dos propios autores por achegarse aos acontecementos históricos. Moitas veces os autores e autoras rompen a cabeza para inventarse unha historia e a realidade é que xa hai por aí unha morea de historias por contar. Por que non recorrer a elas?

Como van ser os obradoiros que están programados no Encontro? Que se vai poder aprender?

As charlas teóricas, comezando pola que vou dar este venres, están dirixidas a todos os públicos, pero os obradoiros son eminentemente prácticos e dirixidos sobre todo á mocidade e a nenos e nenas, un deles está pensado mesmo para rapaces moi pequenos, a partir de oito anos. Nesa actividade imos aprender a debuxar os personaxes típicos romanos: o decurión, o centurión, o arúspice, a muller patricia..., e tamén os castrexos: o druída, o guerreiro, o xefe do clan... O taller para rapaces de 17 anos en adiante xa está pensado para mozos máis maiores, con outro nivel.

"Moitas veces os autores e autoras rompen a cabeza para inventarse unha historia e a realidade é que xa hai por aí unha morea de historias por contar. Por que non recorrer a elas?"

E estaredes tamén no Arde Lvcvs. Faivos ilusión a posibilidade de debuxar en directo?

Si, o sábado do Arde Lvcvs estaremos aí seis autores diferentes (Víctor Boullón, Tokio, Miguel Fernández, Tomás Guerrero, Pepe Carreiro e eu mesmo), situados en distintos puntos da cidade e co material que obteñamos ese día tentaremos facer algo despois. Publicarase na web historiadegalicia.gal pero ogallá poida ter máis percorrido. Creo que vai estar moi ben, porque o de debuxar en directo é sempre unha actividade moi atractiva.

Esta semana publicamos en Praza un texto de Eduardo Maroño no que se preguntaba se estabamos ante "unha xeración perdida para o comic en galego". Que pensas sobre o que alí escribe?

As cuestións que introduce Eduardo nese texto son todas moi interesantes. Pero eu engadiría outra, que me preocupa moito máis, e así llo dixen a el directamente onte. El destaca que hai grandes autores (el fala de tres, pero poderíase citar a máis) que na época de Polaqia publicaban en galego e que despois pegaron o chimpo a Estados Unidos ou Francia e a súa obra xa non se pode ler en galego. Pero a min, máis aló de que estes grandes nomes se poidan ler en galego, preocúpame sobre todo que pasou nos últimos 20 anos en Galicia cos novos autores e autoras. Hai máis que nunca, nunca saíran tantos como agora, ducias cada ano, e ningún ou case ningún edita ou autoedítase en galego.

En Demo Editorial debemos ser os únicos que publicamos exclusivamente banda deseñada en galego, porque hai outras que tamén editan libro ilustrado e, despois, as xeralistas publican algunha cousa de forma testemuñal. Hai moita calidade, con gran diversidade de estilos, pero deixouse de publicar en lingua galega. Sempre me pregunto por que estes autores se autoeditan en castelán cando só venden en Galicia. E, ademais, falas con eles e resulta que son galegofalantes. En cambio, hai 15 anos Polaqia e BD Banda estando escritas en galego levaron o premio ao mellor fanzine no Salón de Barcelona.

"Todo isto está xerando un certo despiste, porque podemos chegar a pensar que temos moita banda deseñada galega por ter sinaturas galegas cando non a temos"

Daquela, como valoras a situación, globalmente, da banda deseñada galega?

Unha cousa é banda deseñada galega, que é a que está editada por unha editorial galega, por autores e autoras galegas e en lingua galega. E outra cousa son os autores e autoras galegas de banda deseñada. Hoxe en día hai moitos autores galegos que fan banda deseñada, pero iso non é banda deseñada galega, porque están traballando para outros mercados, están facendo comic mainstream norteamericano ou outras cousas. E se lles preguntas a David Rubín ou a Emma Ríos diranche que efectivamente é así. Todo isto está xerando un certo despiste, porque podemos chegar a pensar que temos moita banda deseñada galega por ter sinaturas galegas cando non a temos, non hai tanta, case non temos banda deseñada en galego.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.