0 Gardados para despois

'Divinas Palabras Revolution': un 'reality' valleinclanesco para dar "testemuño irascible da miseria moral"

Redacción | @prazapublica

"A consecuencia da morte de Xoana, a súa irmá e a súa cuñada disputan a custodia do fillo orfo, que se resolve por un sistema de quendas. Pero ningunha das dúas pensa no benestar do neno, senón nos beneficios que poden acadar elas, guiadas unicamente polo egoísmo e sen importarlles as consecuencias das súas accións". É o punto de partida de Divinas Palabras Revolution, a nova produción do Centro Dramático Galego que, baixo a dirección de Xesús Ron, torna os personaxes de Valle-Inclán en concursantes dun reality show contemporáneo no que a "traxicomedia de aldea", como subtitulou Valle a súa obra, convértese en "traxicomedia da aldea global".

Marigaila, Pedro, Simoniña, Marica, Tatoola, Migueliño, Candás, Laureano e Sétimo Miau son nove personaxes pechadas nun programa de telerrealidade. Alí "reviven, inconscientes, o cru e duro retablo da avaricia, luxuria e morte que Valle-Inclán construíu" na obra orixinal. Nesta versión, asinada por Manuel Cortés e o propio Ron, o espazo audiovisual (Quadra Producións e Cuco Pino) é unha "peza indispensable". Non é outra cousa que unha "casa-plató vixiada polas cámaras as 24 horas".

A montaxe, da que o CDG catro funcións semanais no Salón Teatro de Santiago antes de iniciar xira polo país, ten unha ambientación actual que "non afecta ao espírito crítico e inconformista co que o autor arousán concibiu a obra hai cen anos", sinalan dende a compañía pública. É, tamén, "un retrato descarnado dun pobo inconsciente da súa ferocidade, un testemuño irascible da miseria moral da sociedade" que, no entanto, non é simplemente unha tradución ao galego. Non o é, resaltan os autores, porque "asume a imposibilidade de atopar esa aldea valleinclanesca na actualidade como reflexo doutras moitas imposibilidades", tales como a de "conservar o sagrado, a natureza virxe, a pureza e o misterio como símbolos de Galicia".

A obra represéntase en catro funcións por semana no Salón Teatro de Santiago antes de iniciar xira polo resto do país, ao termo da cal tamén viaxará a Madrid

Ata finais de mes Divinas Palabras Revolution represéntase na sede compostelá do CDG de xoves a sábado ás oito e media da tarde e os domingos -día do espectador-, ás seis da tarde. Tras o pase de cada xoves, indica o Centro Dramático, o público "ten a oportunidade de intercambiar impresións co equipo nos Encontros co público". A estas funcións engádense, ademais, as matinais para grupos de escolares a partir dos 15 anos. Ademais, salienta a Axencia Galega das Industrias Culturais, as funcións dos domingos 15, 22 e 29 contan cun servizo de conciliación familiar no que a rapazada de 5 a 12 anos pode acudir a obradoiros artísticos na Fundación Granell mentres as súas familias asisten á obra.

Os personaxes da obra, na 'casa plató' na que se desenvolve / CDG

Unha vez rematada a estancia no Salón Teatro esta montaxe xirará por varias localidades galegas: 4 de maio en Carballo, 11 e 12 de maio en Ourense, 1 de xuño no Barco, 8 e 9 de xuño na Coruña, 14 de xuño en Pontevedra, 16 de xuño en Rianxo, 21 e 22 de xuño en Vigo e 29 de xuño en Cangas. A continuación a montaxe galega viaxará ao Teatro Español de Madrid, onde será represntada en galego con subtítulos en castelán 85 anos despois da estrea da obra orixinal, no mesmo espazo con escenografía de Castelao e coa actriz Margarita Xirgu, moi ligada á Xeración do 27.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.