0 Gardados para despois

A Academia gaba o intenso "compromiso" co galego de María Victoria Moreno en tempos difíciles

Redacción | @prazapublica

A Real Academia Galega (RAG) gabou neste Día das Letras a súa homenaxeada, María Victoria Moreno, na cidade onde se asentou esta estremeña que "protagonizou unha auténtica proeza nun tempo e un espazo que esixía clara determinación". Así o dixo Xesús Alonso Montero, académico numerario, que destacou o "insólito compromiso cívico e literario" co galego e con Galicia dunha escritora e levar a cabo “un apostolado lingüístico que non tiña precedentes en Galicia” e polo que foi represaliada coa retirada do pasaporte. 

Alonso Montero destacou que Victoria Moreno "protagonizou unha auténtica proeza nun tempo e un espazo que esixía clara determinación"

Estas foron algunhas das frases que lle foron dedicadas a Moreno no acto central polo Día das Letras Galegas en Pontevedra. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, destacou dela a creación de obras “útiles no espallamento e descuberta dese mundo [o da fala] á xente nova”. “Ese é o desafío que temos hoxe [para a lingua], o das novas xeracións, e nel temos que traballar todos xuntos”, advertiu.

Para a académica Marilar Aleixandre, María Victoria Moreno "viuse obrigada a escoller entre pasar o ferro e escribir", unha situación que comparou coa situación do galego. "Malia estes atrancos, foi quen de elaborar unha obra narrativa e ensaística de gran calidade, e contribuír coa súa escrita e co seu compromiso á causa da lingua galega e á consolidación da literatura infantil e xuvenil", insistiu quen confía en que "cada vez sexan menos as mulleres que deban enfrontarse a eses dilemas" aos que se enfrontou a autora. 

Marilar Aleixandre aclara que a homenaxeada "contribuíu coa súa escrita e co seu compromiso á causa da lingua galega"

Ademais, a tamén académica Fina Casalderrey definiu a Moreno como "un vento da terra que, polo seu compromiso no vivir, adquire a nacionalidade galega en tempos nos que o vento non é precisamente brisa". Para ela, a palabra clave para definir a escritora homenaxeada sería "compromiso", en especial o que tivo coa lingua e co ensino, "sempre da man". “Este compromiso coa cultura e coa normalización da lingua abondaría para que, entre os elixidos das nosas Letras, figure, gravado a lume, o nome desta catedrática, mestra vocacional, cuxo maxisterio sementou tantas adhesións”, abondou.

"María Victoria Moreno é un vento da terra que, polo seu compromiso no vivir, adquire a nacionalidade galega en tempos nos que o vento non é precisamente brisa"

Xa por último, Alonso Montero destacou eses cursos de galego que impartía en distintas localidades e que "desconcertaron a policía política" e que “alporizaron moita xente ben pensante”. O atrevemento custoulle a retirada do pasaporte, pero coñecida é a súa resposta: “Ela seguiu a impartir cursos de lingua galega e disertando, en tribunas toleradas, sobre a obra de Rosalía, as páxinas de Cabanillas e os poemas galegos de García Lorca”. Un meritorio "apostolado lingüístico" que só foi unha das facetas destacadas dunha muller que tiña outro nome, o do "compromiso". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Feijóo reivindica "un modelo de recuperación lingüística que non importa ideas alleas"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou neste Día das Letras "un modelo de recuperación lingüística que non importa ideas tan respectables como alleas, senón que se inspira na nosa forma de ser". No acto que o Goberno organizou no IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra, o último destino como docente de María Victoria Moreno, o xefe do Executivo considerou "un logro do país no seu conxunto" poder "recuperar o galego inspirándose nos galegos e pensando nos galegos".

Feijóo presume da "cordialidade lingüística" que, ao seu parecer, se vive en Galicia

Feijóo, no seu discurso, asegurou que a historia de amor que protagonizou Moreno coa lingua foi "posible por ser o noso un idioma incluínte no que se pode vivir en liberdade", unha última palabra esta na que insistiu en numerosas ocasións. "A lingua que tanto amou florece nesta Galicia unida e sen fracturas, libre e cordial", insistiu o presidente da Xunta, que presumiu da "cordialidade lingüística" que, ao seu parecer, se vive no país. "Non é unha eiva senón unha fortaleza", dixo. 

"Hai que vir guapos alegres e vimos guapos e alegres para festexar o Día das Letras Galegas", asegurou tamén na súa intervención, citando á propia homenaxeada, despois de que o presidente da RAC, Victor F. Freixanes, lembrase que Moreno dicía que "a clase hai que ir guapa e alegre", pois, ou se transmite "alegría, paixón, beleza", ou non se poderá "construír un futuro".

A filla de María Victoria Moreno, Begoña, lembrou que a súa nai "amaba o galego e quería ante todo ser lembrada como mestra", e desde ese posto reclamaba "recursos para a educación" pública, porque "todos os nenos teñen dereito á educación e a ser ensinados en galego".