PortAmérica abre o 5 de xullo unha nova xeira dos #RíasBaixasFests

Presentación do festival PortAmérica, en Pontevedra © Deputación de Pontevedra

Achégase a sétima edición do PortAmérica. O primeiro dos #RíasBaixasFests presentou este martes en Pontevedra a completa programación dun evento que regresa á carballeira de Caldas de Reis por segundo ano consecutivo e que contará con 32 grupos e artistas en cartel, así como máis de 25 chefs no seu ShowRocking gastronómico. 

O PortAmérica contará con 32 grupos e artistas e con máis de 25 chefs no seu ShowRocking gastronómico

Do 5 ao 7 de xullo e no marco do CulturaQuente, o PortAmérica xuntará recoñecidos nomes do panorama musical español e internacional, como Imelda May, Vetusta Morla, Izal, La Pegatina, La Habitación Roja, Pussy Riot, El Columpio Asesino ou Xoel López, e afondará un ano máis na súa condición de ponte cultural entre Europa e América.

Ademais, a gastronomía volverá ser unha das grandes protagonistas a través do espazo ShowRocking Guía Repsol, polo que o festival obtivo o Premio Fest á mellor zona de restauración en 2017 e 2015. Liderado por Pepe Solla, neste espazo traballarán máis de 25 cociñeiros e cociñeiras chegados de diferentes puntos da península ibérica e América Latina que suman máis de 30 Soles Repsol.

Imelda May, Vetusta Morla, Izal, La Pegatina, La Habitación Roja, Pussy Riot ou Xoel López son algúns dos artistas deste ano

Tamén haberá espazo para o Mercado de Talentos, que amosará traballos de novos creadores e deseñadores, para a zona especial de acampada ou para o ciclo de debates arredor do medio ambiente e da gastronomía. Todos eles, eixos identificadores de PortAmérica que se manteñen nesta edición de 2018. 

Á presentación deste martes acudiron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey; o director e o subdirector do festival e de Esmerarte, a empresa galega que o promove, Joaquín Martínez e Carlos Rodríguez; o director de Agadic, Jacobo Sutil; as representantes de Repsol e de Estrella Galicia, Ana Ritter e Víctor Mantiñán; e o chef Pepe Solla. 

PortAmérica será o primeiro dos #RíasBaixasFests en celebrarse este verán. Carmela Silva destacou que forma parte dun "tipo de turismo de experiencia con excelencia e emoción”. E insistiu en que o festival será "un espazo cuxo único obxectivo é que sexamos felices”, sendo “festa, convivencia, sociabilidade e alegría”. Na mesma liña, o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, asegurou que “o día máis feliz do ano sempre é a presentación do festival”, que asegurou que “contribúe a singularizar a nosa vila”. 

Jacobo Sutil, pola súa banda, asegura que festivais coma este son “verdadeiros motores de dinamización económica e social, non só para a industria musical galega, senón tamén para o turismo e para o desenvolvemento local”.

O festival reafirma a súa iniciativa 'unha entrada, unha árbore': casa asistente poderá participar nunha reforestación con especies autóctonas

Os distintos tipos de abonos e entradas para o PortAmérica están dispoñibles a través dos webs www.portamerica.es e www.ticketea.com, onde tamén se poden consultar as liñas de autobuses gratuítas desde diferentes localidades galegas. Este ano reafírmase, ademais, o compromiso deste evento coa iniciativa Unha entrada, unha árbore, adquirido nas xornadas sobre medio ambiente da pasada edición. Así, pola compra do seu billete, os asistentes poderán participar nunhas xornadas de reforestación con especies autóctonas que serán organizadas polo festival.

De feito, dentro deste obxectivo de concienciación, Zinqin e Esmerarte veñen de publicar o documental O valor das persoas, que fai fincapé na importancia da educación en materia de prevención e conciencia ambiental, porque "o que te emociona, queda". O vídeo amosa tres historias, tres iniciativas "que melloran a nosa contorna e as persoas que están detrás delas".

A Carballeira de Caldas de Reis volverá acoller o festival © Portamérica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.