0 Gardados para despois

Emma Pedreira, Carlos Negro e Héctor Cajaraville, premios Xerais 2018

Redacción | @prazapublica

Na mañá deste sábado déronse a coñecer os gañadores e gañadoras da edición 2018 dos Premios Xerais, que se entregarán no mes de outubro, coincidindo coa publicación das tres obras. Besta do seu sangue de Emma Pedreira obtivo o Premio Xerais de Novela; Aplicación instantánea, de Carlos Negro levou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil; e Kusuma de Héctor Cajaraville fíxose co Premio Merlín de Literatura Infantil. Os tres premios están dotados con 10.000 euros cada un deles.

Os galardóns entregaranse no mes de outubro, coincidindo coa publicación das tres obras

A editorial decidiu mudar este ano o formato da entrega dos galardóns, rachando coa tradición xa instalada da celebración que nestas datas tiña lugar na Illa de San Simón, onde se daban a coñecer os gañadores e gañadoras. Desta volta, o acto de entrega dos galardóns adíase ata outubro para facelos coincidir coa publicación das propias obras, aproveitando así a cobertura mediática e a publicidade xerada pola cerimonia, na que ademais os e as asistentes poderán facerse xa cos libros que este ano mereceron a escolla dos distintos xurados.

Besta do seu sangue​

No seu ditame, o xurado da XXXVª edición do Premio Xerais de Novela sinalou que Besta do seu sangue supón "unha proposta de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros". Así mesmo, salientou "o uso dunha linguaxe poética e a transparencia que repousa na transmisión dunha atmosfera de desacougo e angustia ao abordar, con orixinalidade, unha historia inspirada na figura de Blanco Romasanta, co fondo dunha revisión xenérica de figuras da mitoloxía galega".

Emma Pedreira destaca que neste momento sente "medo e responsabilidade". "Medo polo que a visibilización deste premio implica para min e para as escritoras nesta lingua", destaca

"Entendo o medo das valentes e a responsabilidade das fortes. Sinto iso neste mesmo momento: medo e responsabilidade", destaca Emma Pedreira (A Coruña, 1978). "Medo polo que a visibilización deste premio implica para min e para as escritoras nesta lingua, pola de preguntas e múltiples sentidos polos que vou ir pasando. Responsabilidade porque esta novela, Besta do seu sangue,  pequena pero profunda e escura como un pozo, defende unha tese que non é nova pero si molesta e que trata de debuxar coa ficción os lugares que deixa a realidade que se perdeu entre as liñas e os silencios", explica. Pedreira engade que "darlle voz a unha personaxe cruel e tratar de comprender o seu momento, sen desculparlle a conduta e os feitos, sen tratar de producir compaixón, só un achegamento, é unha responsabilidade. Todo, en fin, queda reducido a medos e máis medos que se compensan cunha rotunda emoción estourante".

 

Aplicación instantánea

No seu ditame, o xurado da Xª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil sinalou que "ante presenza das pantallas e da tecnoloxía, a sociedade actual precisa máis ca nunca a poesía. Por iso o xurado valora desta obra, entre outros aspectos: a orixinalidade, a calidade literaria, a forza da linguaxe e a súa riqueza, a posta en valor da figura feminina e o seu empoderamento, así como da cultura e lingua galegas". Subliña tamén a presenza da "crítica social e a visión por veces descarnada da realidade, a procura consciente da complicidade dunha lectora activa na construción dun discurso potente, apelativo e de intervención que non deixa a ninguén indiferente". 

Para Carlos Negro, o premio "confirma que existe un espazo lector para a poesía xuvenil en lingua galega"

Para Carlos Negro (Lalín, 1970), o premio "confirma que existe un espazo lector para a poesía xuvenil en lingua galega, e que ese reto literario, a pesar dos seus riscos, constitúe unha aposta por unha poesía mutante e transformadora, que nace dos espazos de socialización da mocidade, convertendo as redes sociais e as aplicacións móbiles nun campo de xogo da linguaxe literaria".

 

Kusu​ma

O xurado da XXXIIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil sinalou que Kusuma é "unha fermosa fábula ecoloxista protagonizada por unha faisán asiática obrigada a fuxir da agresividade do mundo industrializado". A fábula critica tamén o rexeitamento das poboacións inmigrantes, reivindica o respecto ás diferenzas e a valoración do traballo en grupo: "Se non nos axudamos entre nós, non somos nada". Neste sentido, é "unha historia de superación, de amizade e de aventuras cunha dupla mensaxe: que os prexuízos son o modo máis inxusto e equivocado de enfrontarnos ao descoñecido e que a coraxe e a afouteza sempre reciben a súa recompensa", destacaron.

"A literatura infantil e xuvenil galega vive un período de esplendor como nunca vivira, con autores (e autoras, sobre todo) que gañan premios en todas as partes", subliña Cajaraville

"A literatura infantil e xuvenil galega vive un período de esplendor como nunca vivira, con autores (e autoras, sobre todo) que gañan premios en todas as partes e que ven a súa obra traducida aos idiomas da nosa contorna, e non só. E iso quere dicir que entre as máis de 30 obras presentadas a este certame seguramente había unha morea de marabillas", destacou Héctor Cajaraville (Compostela, 1974), que engadiu que "por iso, poder formar parte, aínda que sexa de xeito tanxencial ou secundario, dun momento de eclosión coma este, xerado por unha literatura como a galega, tan pequena en dimensión pero tan grande en calidade, prodúceme unha sensación de gratificación e recompensa que non agardaba cando, non hai tanto tempo, decidín embarcarme nesta viaxe fascinante da escrita”.

 

Os xurados

O xurado do Premio Xerais de Novela estivo formado por: Santiago Lopo (escritor, gañador da edición anterior), David González Domínguez (editor do blog “Palabras de Gatsby”), Vitoria Ogando Valcárcel (catedrática xubilada), Claudia Morán (xornalista), Patricia Porto (libreira da libraría Lila de Lilith de Santiago) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás, que actuou como secretario, en representación de Xerais, con voz e sen voto.

Mentres, o xurado do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil estivo integrado por Isabel Armesto Rodríguez (comercial-promotora de libros), Diana Fernández Gómez (editora do blog “Bolboretas no bandullo”), Mª Paz Fernández Pereiro (profesora, asesoría Bibliotecas Escolares), Alba González Fernández (estudante de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo), María Manuela Ordóñez Fernández (estudante de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo) e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da UVigo e crítica Isabel Mociño González, que actuou como secretaria, en representación da editorial.

Finalmente, o xurado do Premio Merlín de Literatura Infantil estivo formado por Uxía Martínez Recamán (comercial-promotora de libros), Alba Piñeiro Estévez (profesora e crítica), María Sánchez Lires (ilustradora), Maribel Tato Sánchez (libreira da libraría Cartabón de Vigo), Antonio Yáñez Casal (escritor) e o crítico e escritor Miguel Vázquez Freire, que actuou como secretario, en representación de Xerais.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.