Antón Blanco: "Busquei maneiras de reconectarme coa palabra performativa: isto é o que hai, así se dixo e isto é sacro"

Imaxe da intervención de Antón Blanco en Poetas di(n)versos © Alberto Pombo

As obras No seu despregar (Apiario) e 13. Antoloxía da poesía galega próxima (Chan da Pólvora) axudaron a poñer sobre o mapa literario o nome de varios "novos" poetas galegos. Un deles era o de Antón Blanco, que non moito despois publicou, en Chan da Pólvora, o seu primeiro libro, A oseira, tras o que veu Tres estudos para un poema da cidade, (Galaxia). A oseira explora, cunha perspectiva visual, case fotográfica, a paisaxe despois da destrución. A descomposición dos corpos nun espazo desdebuxado. En Tres estudos asistimos á delimitación da cidade, desde a súa orixe até que se devora a si mesma, desfigurada nos seus propios conflitos.

Polo medio, érguense estruturas. Edificios. Relacións de poder. Pódense facer moitas lecturas de ambos libros. Mais a crítica Chus Nogueira non se enganaba, seguramente, ao situar en 13. Antoloxía da poesía galega próxima, a creación de Antón Blanco xunto á de Gonzalo Hermo ou Orianda Méndez, entrocando con Chus Pato, Méndez Ferrín, Xabier Cordal ou Manuel Outeiriño. Unha poesía de "raíz política", mais afastada do chamado socialrealismo. E non se trata de poñerlle pais, ou nais, a ninguén. Senón de observar os fíos que unen os diferentes discursos. Antón Blanco trata de enfiar o seu a través dunha mudanza de perspectiva. Tomando distancia para ver desde lonxe. E buscando algún xeito de reencontro coa palabra performática. Cos grandes discursos, fronte á posmodernidade. Falamos con el. 

Acabas de estar con Najwan Darwish en Poetas di(n)versos, o ciclo de encontros poéticos dirixido por Yolanda Castaño. Como foi a experiencia?

Pois foi ben interesante. Fun un pouco a cegas porque eu só fora ao encontro no que estivo Gamoneda e non sabía moi ben como ía funcionar. Pero estivo ben: máis alá do recital, estiven á tarde con Najwan e nesa interacción puiden descubrir ideas novas que, claro, non estamos afeitos a escoitar no contexto galego ou español. Foi moi interesante.

O teu primeiro libro, A oseira, chámase así pero a oseira só aparece contra o final. Antes son máis ben corpos que se van descompoñendo…

Si, de feito, cando ía publicar o libro, tiven certo debate sobre o título co editor, Antón Lopo, de Chan da Pólvora, porque el dicíame o que me dis ti. É verdade que no libro está máis o proceso, a desaparición da carne até os ósos. Pero tamén hai un ritual, por enriba do cadáver. Por iso é A oseira.

Xa o explicaches nas entrevistas e aparece nos primeiros poemas, pero o que fai o libro é como un percorrido pola paisaxe despois dunha guerra. Os mortos, o caos… Hai algunha referencia que fai pensar na guerra civil española, no Sáhara… Pero podería ser calquera guerra, non si?

Non me interesaba moito concretar nada nese sentido nin tiña na cabeza unha guerra particular. De feito, se fose hoxe, non faría mención a ningún topónimo. Non quería levar a ningunha paisaxe concreta. É máis ben o esquema de: acaba algo e aí quedan os corpos. O título A oseira tamén ten relación cun cadro de Picasso, que quedou en segundo plano respecto ao Guernica, que leva este mesmo título.

Polo que dis, non ten por que ser necesariamente unha guerra. Senón calquera paisaxe despois da devastación, as ruínas da deflagración…

Si, non ten por que ser unha guerra. Tamén é unha guerra contra a sociedade a situación na que estamos. Pode ser o que queda tras calquera tipo de conflito, de barbarie…

Por que están tan presentes a cávea e o cráter?

O cráter é unha deformación da terra. Na guerra hai cráteres no chan. E o cráter é coma unha montaña en negativo, -que aparece tamén no segundo libro-. A cávea é unha posición de observación, un lugar desde o que ter unha visión distanciada do que está a pasar.

"A cávea é unha posición de observación, un lugar desde o que ter unha visión distanciada do que está a pasar"

Esa idea tamén está en Tres estudos para un poema da cidade, o teu segundo libro.

Si, porque é o que buscaba. Ter esa perspectiva. Como mirar desde as gradas dun campo de fútbol..

A crítica salientou que esa perspectiva era visual, como levar unha cámara de cine a un campo de batalla. Dixo Gonzalo Hermo que, se queremos tirar conclusións éticas, é cousa nosa, que ti non as dás no texto. Estás de acordo?

Porque ese é o xogo que propoño: cambiar a perspectiva, mover a perspectiva, que é algo que pode facerse no cine e non só na cine. Tamén na arquitectura. O xogo é pasar de mirar dunha maneira a mirar doutra. Eu non teño autoridade para emitir xuízos sobre cousas tan grandes.

"Eu non teño autoridade para emitir xuízos sobre cousas tan grandes"

Por que a luz e a cor? Outros dous elementos moi presentes. Terán que ver coa perspectiva...

Claro. Porque sen luz non habería perspectiva. A luz permite ver, ao amencer, despois da noite, o que aconteceu o día anterior. E a cor faise presente cando aparece a luz, é un reflexo da luz.

Algo que teñen en común os dous libros é a idea dun espazo grande, cambiante, sen lindes claros… Por que?

Penso que iso está máis no segundo libro. No primeiro é máis a idea de que hai un espazo por aprehender. Despois aparece a xeografía, que supón codificación do espazo. No primeiro libro isto está tratado dun xeito máis intuitivo. No segundo libro, é alguén que se sitúa nun lugar e ten que codificalo, poñerlle un nome, crear un mapa del dicindo “isto está aquí, isto está alí”. Porque a perspectiva é elevada, o que ves é un espazo estenso, e tes que fixar a mirada nalgún lugar.

"No segundo libro, é alguén que se sitúa nun lugar e ten que codificalo, poñerlle un nome, crear un mapa"

O corpo tamén está nos dous libros, aínda que de forma diferente. Cal é a conexión?

Eu teño un gusto especial pola obra de Artaud e pola de Bacon. Interésame a idea do corpo que ten a súa intelixencia propia, que se comunica por si mesmo, que sae de si mesmo. Artaud levou esa idea ao teatro, Bacon á pintura, e eu quería traballar con iso, a ver se podía levar iso á poesía.

"Interésame a idea do corpo que ten a súa intelixencia propia, que se comunica por si mesmo"

Estaba pensando que un poemario é máis longo que o outro, pero non estou segura...

No segundo son poemas máis longos, por iso pode parecerche que hai unha diferenza…

Tres estudos forma parte dunha triloxía…

Si. Deime conta de que tanto A oseira coma Tres estudos para un poema da cidade formaban parte dun conxunto. Agora estou traballando no libro que lle dará o peche a esta triloxía.

Decatácheste entón a posteriori?

A medio camiño, en realidade. Porque o segundo veu moi inmediato. Despois foi como volver destapar, volver coller A oseira, tendo en conta tamén a perspectiva sobre este primeiro libro que me daba a xente que o lera. Pensei que había que darlle un peche ao conxunto…

Cando lin Tres estudos pensei na literatura clásica -grega e romana- e na Biblia. Despois vin que a crítica facía referencias máis concretas: Ab urbe condita de Tito Livio, a Crónica Troiana, a literatura épica medieval… Que che interesa dese tipo de literatura da antigüidade e do medievo?

Intereseime por estas literaturas coma un xeito de coller aire, de coller osíxeno. Son literaturas que xa non están tan presentes na literatura actual, que nos poden levar a outra idea de literatura porque, claro, na Idade Media non se entendía o mesmo por literatura ca hoxe. A literatura épica da Idade Media, ou a relixiosa, o que buscan é que a palabra teña unha forza performativa grande, que é algo difícil de atopar na actualidade, e que tamén está na Odisea ou na Biblia, que ti citabas. Isto tamén ten que ver coa lingua de títulos de cadros ou coa lingua que está dentro dos propios cadros. Tamén por iso escribín títulos longos no segundo libro, que explican o que vai pasar… Busquei maneiras de reconectarme coa palabra performativa: isto é o que hai, así se dixo e isto é sacro.

"A literatura épica da Idade Media, ou a relixiosa, o que buscan é que a palabra teña unha forza performativa grande"

Noutra entrevista, no Diario Cultural, falabas de volver aos grandes discursos. Eu entendérao coma unha crítica á posmodernidade.

É que tamén o é. A tradición literaria máis inmediata na literatura galega é moi posmoderna. É un discurso do micro, do pequeno, do fragmentario. E eu non vou dicir que non deba ser así, pero eu quixen tomar outro camiño porque me parece necesario. Fáltanos a referencia dos grandes discursos: está todo moi fragmentado.

"A tradición literaria máis inmediata na literatura galega é moi posmoderna. Eu quixen tomar outro camiño"

Falabas antes da lingua dos títulos de cadros. Penso que tivestes unha presentación na que Xiana Arias levou un poema feito a partir ‘Tres estudos para figuras na base dunha crucifixión’ de Bacon e do teu libro. ‘Tres estudos’ estrutúrase en tres partes. Por que é tan importante a idea do tríptico neste libro?

Na pintura, un tríptico ten tres partes relacionadas, pero a totalidade é unha cousas e as partes son outra. Non ten porque haber unha relación liñal, narrativa, na que o relato continúe na seguinte parte. No meu libro si hai un relato, pero é un relato que non é total, senón temporal. Son tres perspectivas da cidade.

A linguaxe atópase entre o poético, o épico, o ensaístico… Con pegadas da antropoloxía. Por que?

Na poesía non traballamos coa imaxe, temos que establecela desde o punto de vista lingüístico. A antropoloxía está relacionada coa idea que comentei antes de distancia. A antropoloxía buscaba un status científico e para iso afastábase do ser humano para explicar o ser humano, aínda que poida parecer contraditorio. É un xeito de tomar distancia, de mirar desde outro lugar. Como mirar desde a montaña: subir, ver e volver baixar. Na épica tamén hai distancia, aínda que a motivación sexa outra. Iso lévame á idea de distancia histórica, do canto que mira desde outro lugar…

"A antropoloxía está relacionada coa idea que comentei antes de distancia"

Pero aos antropólogos, cando chegou a descolonización, acusáronos, con razón, de terse posto do lado dos colonizadores desde a súa suposta distancia.

Claro, eu decátome de que a ideoloxía está presente, non o nego. Sei que, por moita distancia que queira tomar, sempre temos cousas asumidas. Pero a nivel estético interésame explorar esa distancia, ver as posibilidades que ten.

A cidade nace, medra, cos seus conflitos, e acaba devorándose a si mesma. É como a historia de calquera “civilización”: as migracións, o comezo da agricultura e a gandería, a creación do Estado, a xestión dos mortos -ou dos excrementos-... a complexidade cada vez maior, ata que estoupa. Podería ser unha metáfora da nosa “civilización” actual. A guerra contra as persoas: as violencias, a desigualdade...

Eu non diría metáfora, porque tampouco está pensado coma unha alegoría. É máis ben como contar algo desde unha perspectiva real. Dígoche a verdade: escribín este libro desde o Xiabre, desde o que podes ver Vilagarcía no seu conxunto: ves o movemento, pero non as persoas. E tamén podo dicir que é unha corrección da perspectiva que adoptei en A oseira, que acabei decatándome de que era un pouco romántica: a idea da ruína…

"Escribín este libro desde o Xiabre, desde o que podes ver Vilagarcía no seu conxunto"

Non é unha metáfora, aínda que se pode interpretar como ti dis. É máis ben unha exploración, un contar o que vexo, na que a ruína é simplemente parte do proceso. Nas cidades hai ruínas. Acaban de sacar unha lista vermella do patrimonio e en Vilagarcía estamos fatal. Nas cidades hai capas, construcións que se levantan sobre ruínas…

Algo importante no poemario é a formación de estruturas de poder: a familia e o Estado. Comezan a ter poder os que saben escribir e contar, por exemplo. De que xeito o poemario apunta a iso, ás relacións de poder?

En relación coa propiedade, desde o punto de vista marxista. Quen chegou antes, asignouse a propiedade pola forza e sobre iso construíu unha estrutura social. Por iso me interesaba tamén a idea dos edificios, na que afondo na terceira parte do libro, como máquinas de poder. Un edificio pode ser unha ferramenta se tes poder sobre el, pero se estás alleado pode ser unha lousa coa que teñas que cargar.

"Un edificio pode ser unha ferramenta se tes poder sobre el, pero se estás alleado pode ser unha lousa coa que teñas que cargar"

Agora entendo un post teu en facebook no que pos: Engels-Lenin-Ferrín. Aínda que eu non che vexo tanta pegada ferriniana. Os teus poemarios fanme pensar máis en Chus Pato, por exemplo.

Estou acabando a carreira e estou a facer un traballo sobre a novela de Ferrín Antón e os inocentes, na que se fala da patria mariñeira dos galegos, e que na que se di que o estado violenta a organización social tradicional, que é a familia, para a que daba igual o territorio, porque a familia movíase. Ferrín lévao aí. A pegada de Engels tamén está, claro. A violencia que é o territorio, as relacións de poder que implica. Despois, non sei se teño influencia de Ferrín. Se cadra si pode estar presente Heriberto Bens no que escribo. E en canto a Chus Pato, pois si, claro que estará presente na miña poesía, por suposto.

"Non sei se teño influencia de Ferrín. Se cadra si pode estar presente Heriberto Bens no que escribo"

Hai unhas “personaxes” moi importantes: os exploradores e a visionaria, coa que acaba e comeza o libro. Podes explicalos?

Si hai personaxes con certas funcións. Os exploradores son xente que, iso, que explora a contorna da cidade e que ven o que se pode aproveitar e o que non, os que delimitan a cidade. A exploración da visionaria é doutro tipo, non espacial. É algo máis intuitivo, do máis alá: non quero dicir que é unha mística pero… nun acto no que estiven hai pouco, en Combarro, con Miriam Ferradáns, dixen que a visionaria era a medium de Cuarto milenio, Paloma Navarrete. (Ri). Despois están os escribas, que anotan o que ela di, e os exexetas, que o interpretan. Así crean o discurso da cidade, é dicir, a superestrutura.

Ademais de ser poeta, es músico. Compartes o proxecto Canine con Afonso Traficante. Estivestes na primeira “entrega” de Chanzo, o proxecto de acción poética impulsado por Chan da Pólvora e coordinado por ti mesmo e por Alexandre Fernández. Que é Canine?

Pois un proxecto, non vou dicir experimental porque se di de moitos proxectos que o son, pero no que si estamos despreocupados do público, de datas… Só queremos explorar o que nos gusta. Nin ensaiamos case. Compoñemos máis ben.

Tamén es o batería de Atrás Tigre. Que é ben diferente de Canine.

Eu cheguei cando o grupo xa estaba formado. Agora estamos compoñendo cancións novas. E a verdade é que moi ben. É unha marabilla compartir esa experiencia.

Por que dicías no 17 de maio que non había que obxectualizar, reificar a lingua? Referíaste a un discurso de fondo que idealiza o rural como a esencia...

Eu penso que debemos reivindicar a lingua, que o panorama é moi negativo e que temos que loitar por ela, claro, pero se, nos discursos, a cousificamos, a tratamos coma un obxecto, aínda estamos xerando máis ansiedade e conseguimos un efecto contrario do desexado. Reificar o idioma é quitarlle as posibilidades de restituírse como canle de comunicación e de expresión social das maiorías.

"Se cousificamos a lingua, aínda estamos xerando máis ansiedade"

Tamén falabas, na redes sociais, dun Estado que se está a tornar fascista. Algo de fascismo hai reflectido en Tres estudos. A exclusión…

Pode habelo, claro, porque hai unha distribución do poder moi fascista. E iso ten moito que ver coa arquitectura como máquina de poder…

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.