0 Gardados para despois

Bakin Blues Band: “Non somos negros nin pretendemos parecelo. Só queremos estar xuntos e contaxiar alianzas”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Xogar, sendo branquiños e galegos, a ser escravos negros na Costa da Morte sería unha impostura. Pero non o é procurar xeitos de crear comunidade a través da música. De compartir momentos de alegría e goce no medio do caos e, ás veces, de expresar a mala hostia ante a opresión imposta polos que queren desposuírnos dos nosos dereitos. Bakin Blues Band sábeno e, ao mesmo tempo que impulsaron o festival Fisterra Blues Experience -celebración da interculturalidade mar por medio co centro en Fisterra, o punto xeográfico de Galicia máis próximo ao berce do blues- celebran os seus dez anos de traxectoria co disco Ten long years. Falamos con Javier Turnes. 

Tedes moito que ver co nacemento do Fisterra Blues Experience…

Si. Nós tocamos moito por aquí. O goberno local de Fisterra propúxonos facer algo pero, e realidade, tamén era un vello soño meu. Tamén quixemos saír un pouco do habitual e dotar o festival dunha narrativa. Por iso pensamos na idea da posición de Fisterra no Atlántico, no punto máis cercano á terra na que naceu o blues do outro lado do oceáno. O blues xorde da música negra, dos cantos dos escravos, que tamén tiveron que saír de África atravesando o Atlántico. O blues é, así, unha música multicultural, ou intercultural, que se vai espallando por todo o mundo e que está moi ligada ao Atlántico.

“O blues é, así, unha música multicultural, ou intercultural, que se vai espallando por todo o mundo e que está moi ligada ao Atlántico”

Este ano tedes máis apoios, en canto a orzamento, non si?

Si, nós a primeira vez presentamos un proxecto sinxelo, pero como eles querían algo máis grande, pedímoslle xa axuda a Nordesía. E si, ademais do Concello, colabora a Deputación da Coruña e patrocina Mahou.

Por que hai que ir ao Fisterra Blues Experience?

Porque é para toda a familia, porque é unha celebración adaptada a tódolos públicos. Porque non é só un estilo de blues: é tamén soul, ou rhythm and blues, ou boogie woogie… Porque somos o único festival que ten concertos nun barco. Porque hai unha ampla e variada programación, con obradoiros para nenos, de baile, cunha mesa redonda sobre a recepción do blues a este lado do Atlántico e porque Fisterra é un lugar singular, cunha paisaxe única e cunha carga simbólica moi importante. Chamámoslle Experience porque o que se propón é unha experiencia que só se pode construir a través dos sentidos: a vista -pola paisaxe, o territorio-, o ouvido -pola música- e o gusto -pola gastronomía-...

Comezastes en Cee e Curcubión, facendo jams. Non digo que teña que ser unha música urbana que se “desprazou” ao rural pero, hai algunha razón especial pola que o inicio fose alí?

Pois simplemente que eu son profesor e déronme destino aquí. Despois había outra xente que estaba facendo cousas, que estaba ensaiando… e fómonos xuntando. Agora xa son medio de aquí tamén… Hai dez anos tampouco había nesta zona moitos concertos e as jam funcionaban ben. Viña xente que colaboraba… Foi nun pouco a novidade e tamén a oportunidade para o encontro, supoño. Tocabamos en Cee, Corcubión, Fisterra…

“Hai dez anos tampouco había nesta zona moitos concertos e as jam funcionaban ben”

E nalgún momento decidides montar unha banda.

Si, eramos xente que tocabamos estilos cercanos ao blues, que compartiamos cousas, que estiveramos noutras bandas, pero nunca nos dera de montar unha banda de blues. Foi un pouco no proceso de tocar, de aprender a tradición do blues… E ademais cadrou que nese momento, o 2008, non había moito blues en Compostela. A xente que facia blues nos 90 fora marchando… Tiña todo o sentido facer unha banda.

A primeira residencia é no Vagamundos, os domingos pola tarde. Como era?

En realidade comezamos no Apolo -o das galerías Viacambre-, logo foi no Vagamundos e logo xa no Dado Dadá, que foi cando empezamos a ser máis coñecidos. Foron tres anos moi bos: xuntábase moita xente no Dado, faciamos concerto e jam, colaboraba outra xente… Fomos así meténdonos máis na tradición do blues e, claro, non somos negros nin pretendemos parecelo, pero o importante é que o pasabamos moi ben, que estabamos creando comunidade…

E como se inscribe o que fai a Bakin na tradición musical da que falas?

Todos eramos xa músicos. Estiveramos noutras bandas, sobre todo de rock, que non deixa de ser fillo do blues. Comezamos polo blues de Chicago, o blues eléctrico dos anos 50-60, que xorde cando os negros do sur de Estados Unidos marchan traballar ao norte e engádense instrumentos eléctricos ao blues. Despois fomos máis para atrás na historia do blues: os sons máis acústicos do Delta do Mississippi, o blues de preguerra, que era máis máis rural. E logo fomos máis adiante: o blues máis achegado ao funk. Mais alá dos 70 xa non fomos. Penso que no noso segundo disco -o primeiro era de versións- pode apreciarse ben isto: hai algo de blues acústico, swing, shuffle, rumba, funk…

“Todos eramos xa músicos. Estiveramos noutras bandas, sobre todo de rock, que non deixa de ser fillo do blues”

Di a vosa bio que queriades, desde o principio, abranguer desde o country ao rhythm and blues. Desde unha visión ampla…

Si, non somos nada puristas. Para nós foi un proceso natural, de ir aprendendo. Temos un estilo que abrangue, si, todos os paus do blues, con moitas influencias. Tamén é porque facemos moito directo, no que funciona ben o swing, o funk… Gústanos o que facía Freddie King, que era así máis cañeiro.

“Temos un estilo que abrangue, si, todos os paus do blues, con moitas influencias”

Que pasara co blues en Santiago? No artigo que escribiu sobre vós Alfonso Espiño, contaba que xa se fixeran cousas desde os 60, e que nos 90 estaban Marcos Coll, Adrián Costa… Xente que foi marchando a Estados Unidos, por exemplo.

Primeiro marcharon a Madrid, que alí hai un circuíto potente. Despois moitos foron para Berlín. Houbo unha explosión, si, nos 90, que comezaron eles. Pero despois eles foron marchando e en Santiago comezou a estar máis presente o jazz -tamén pola creación da escola de jazz- ou o folk. Cando nós comezamos, no 2008, a situación era esa. E queremos pensar -aínda que llo terías que preguntar a elas, claro- que a Bakin tamén animou a outras bandas a empezar.

“Queremos pensar -aínda que llo terías que preguntar a elas, claro- que a Bakin tamén animou a outras bandas a empezar”

Falabamos antes do Dado e non chegamos ao Fraggle Rock, onde tivestes residencia durante 7 anos.

O Dado enchíase, había moito público e moito músico que viña tocar con nós. Saiamos de alí ás catro ou cinco da mañá. Eramos cuarteto e apareceu Ale, o pianista, ademais. Foi unha época moi bonita, de recuperación da tradición da jam, con todas as posibilidades que permite... Despois comezamos, si, no Fraggle, cun formato máis de concerto e colaboracións máis puntuais de xente que estaba por aquí…

“O Dado enchíase, había moito público e moito músico que viña tocar con nós. Saiamos de alí ás catro ou cinco da mañá”

Algo tedes que ver tamén coa fundación da Sociedade de Blues de Santiago…

Si, ante a proliferación e a complicidade da escena do blues, que ían medrando, pensamos en facer a Sociedade para darlle visibilidade e presenza. Tiñamos relación coa Sociedade de Blues de Madrid e pensamos distintos proxectos, como un circuíto itinerante en Galicia. Pero despois moitas veces non dás feito o que che gustaría…

Podemos dicir con orgullo que fomos atravesados por un puñado de momentos convincentes no medio desta desorde. Experiencias que poden parecer ínfimas, insignificantes…, baseadas nunha linguaxe de afectos, de amizade. É algo que escribiches ti. Por que?

É algo moi importante na nosa banda, si, e ademais o propio nome que lle puxemos ten que ver con iso. Queremos facer cousas e estar satisfeitos co que facemos, xuntarnos para tocar e pasalo ben, para vivir bos momentos. A banda non busca unha significación extraestética, de espectacularización. Só queremos estar xuntos e pasalo ben, crear comunidade, baseada na proximidade, nos vínculos afectivos, na amizade. Pola Bakin pasou moita xente, e hoxe significa xuntarse cos amigos, coas familias, cos fillos e poñerse a tocar, viaxar… A banda ten unha dimensión familiar, afectiva, que é a base de todo.

“A banda non busca unha significación extraestética, de espectacularización. Só queremos estar xuntos e pasalo ben”

Así que non tedes pensado ir triunfar a Berlín.

Non o creo (Ri). Realmente tampouco é que tiveramos nunca unha especie de carreira planificada. Non nos preocupamos polo marqueting, non pensamos desde unha perspectiva estratéxica, cunha mentalidade empresarial. Di Vituco Neira que se cadra aquí non temos o recoñecemento que poderiamos ter, e é verdade que no circuíto de Madrid a xente coñece e valora a Bakin… Mais a estas alturas nós non estamos tampouco preocupados por iso. A celebración dos 10 anos foi un capricho e si que tivo repercusión, a nivel de medios de comunicación por exemplo. Si notamos que nos coñecían e que había un cariño pola banda. No concerto no Principal notábase ben. Tamén funcionou o traballo de promo que fixo Rocío Castro, que é moi boa…

O primeiro disco é Jumpin’in a Deep Blue Sea. O segundo é It’s always party time at home. O título debe ter relación co que explicabas antes. Como ides cambiando dun ao outro?

O primeiro disco é unha autoedición de clásicos do xénero, feita cunha tirada pequena. O segundo xa é algo máis pensado, con cancións nosas, editado por unha discográfica de blues potente, gravada en analóxico e cun bo deseño.. O último disco, co que celebramos os dez anos, recolle material de directo que tiñamos gravado. Como non foi gravado con intención de editalo ten algunhas carencias de son, claro. Inclúe unha incorporación tardía, que foi a sección de ventos.

Di Espiño que a Bakin pretende transmitir valores de fraternidade e humildade fronte a un mundo cada vez máis deshumanizado. Non sei se hai unha pretensión consciente de transmitir valores, pero algo hai de presenza diso.

Eu, como filósofo, podo dicirche que si, que defendo iso. Por iso as letras do segundo disco teñen unha certa carga política. Somos conscientes, como che dicía antes, de que non somos coma os escravos negros. Temos unhas condicións materiais de existencia que eles non tiñan, pero o blues si é para nós unha maneira de darlle expresión á mala hostia, xunto á comuñón e a alegría. O máis importante é iso, sentirnos cómodos cando estamos xuntos. Ademais, en realidade iso é o que é o blues: xente que se xuntaba para tocar, para bailar… como en calquera tipo de música popular.

“O blues si é para nós unha maneira de darlle expresión á mala hostia, xunto á comuñón e a alegría”

As letras do terceiro disco non son, na súa maioría, vosas, pero a min paréceme que a escolla si ten que ver co que acabas de comentar. As letras teñen como dúas vertentes: os afectos e os momentos de encontro. Aquilo que falabamos: o pequeno, o insignificante…

É bonito que digas iso pero en realidade a escolla fíxose cun criterio máis ben técnico. Os temas mellor tocados, mellor gravados, máis apreciados polo público… Hai xente que nos segue e que sabe os temas. E para chegar a iso tamén se precisa tempo…

Houbo varios cambios no grupo. Comezastes ti, Prieto, Tato e Fran Facal. Hoxe sodes máis.

Para que te fagas unha idea, baterías chegaron a pasar 16. Non é nada fácil atopar un batería de blues… Pero si, houbo moitos cambios. Os que nos mantemos máis nestes dez anos somos Tato e eu. A formación máis estable somos Tato, (Vázquez), Ale (Casquero), Luca (Ferrández) e eu. E Fran Sanz.  

Se cadra tivestes unha evolución desde o blues de Chicago ás músicas máis populares e bailables. Algo comentamos antes.

É verdade. E iso tamén foi un proceso natural relacionado coa pola experiencia de tocar, dos concertos. Porque funcionan moi ben as músicas populares. Nos nosos concertos a xente baila e gústanos que o fagan. No Principal estaban contidos ata que eu dixen que se podía bailar… E o blues é iso: é festa, encontro, celebración. A tradición máis antiga é esa. O que pasa é que moitas veces o blues identifícase só coa guitarra e o punteo. Pero en realidade iso é algo que introducen algúns músicos brancos trala recepción en Europa, e que se converte en estereotipo.

“O blues é iso: é festa, encontro, celebración. A tradición máis antiga é esa, pero despois os brancos meten as guitarras e iso convértese no estereotipo”

En relación con iso. Unha pregunta suxerida -que non é miña-. Pensastes algunha vez en meter máis percusión e menos guitarra para parecervos máis aos africanos que inventaron isto?

(Ri). Pois, como che dicía antes, sabemos que somos brancos e tentar tomar o lugar dos negros sería unha impostura. Pero teño que dicir que no espectáculo Ten long years a primeira canción é un canto de benvida da colleita, cun ritmo africano total…

Tocades moito. O cal vos permitirá aprender moito tamén dos vosos erros…

Si, claro, tocar tanto permíteche aprender moitas cousas. Hoxe temos un repertorio dunhas 250 cancións, polo que podemos tamén ir facendo escollas en función do estado de ánimo do público.

“Hoxe temos un repertorio dunhas 250 cancións, polo que podemos tamén ir facendo escollas en función do estado de ánimo do público”

Compartistes escenario con Greg Izor, Edu Bighands, Barbara Lynn, Xulián Freire, Bonney Fields… Falabas antes do circuíto de Madrid: a Coquette...

Si, foi un impulso importante para a banda tamén. Alí coñecimos a moitos outros músicos e de aí saíron colaboracións… De feito, en xullo imos xirar con Trudy Lynn.

"En xullo imos xirar con Trudy Lynn"

A discusión sobre que blues pode ser “galego” se cadra está un pouco pasada e a min non me interesa, pero si pode haber unha conexión entre os cantos e bailes dos escravos negros e os cantos tradicionais de traballo galegos, por exemplo. Que tiñan que ver coa necesidade dunha vida lúdica en comunidade e cunha situación de opresión…

Si, e xa Alan Lomax fai un traballo de recolla que ten moito que ver con iso que dis, cos ritos do traballo. De feito, os acentos e compases poden encaixar moi ben. Nós acabamos de coincidir na Radio Nordés de Cee coas Tanxugueiras e si, os ritmos e acentos coinciden, como na regueifa: os ritmos dun tipo de canto popular moi antigo, moi baseado na reiteración. É fácil que haxa un diálogo aí; os ritmos, as percusións... En canto ao do blues galego, é unha pregunta que respondín tantas veces...

"Nós acabamos de coincidir na Radio Nordés de Cee coas Tanxugueiras e si, os ritmos e acentos coinciden"

Eu non che preguntaba por iso…

Xa. Para min é evidente que se nós, que somos galegos, facemos blues, o que facemos é blues de aquí. O cal non implica que non valoremos o que se fai en galego. No Experience do ano que vén haberá algunha novidade nese sentido. Encontros con músicos galegos doutros estilos, que funcionan de marabilla.

En Estados Unidos algo tamén estivestes…

Si. E alí chámalles a atención que uns tipos coma nós fagamos blues. Acolléronnos moi ben.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.