0 Gardados para despois

O Golpe de Estado de 1936 converteu todos os cidadáns en potenciais espías

Redacción | @prazapublica

O especial A Vixilancia e a represión en Galicia tras o golpe de Estado de 1936 continúa afondando no estudo que o grupo de investigación da USC Nomes e Voces realiza sobre a represión franquista, neste caso anlizando a maneira en que esa represión durante a guerra civil e nos anos seguintes converteu os cidadáns "en potenciais espías e en potenciais delincuentes". 

O profesor Emilio Grandío salienta que "a captura e recollida de información tivo un papel determinante na construción do réxime franquista. Toda a sociedade tiña que estar baixo sospeita", Grandío afirma que "o obxectivo dos sublevados era dar a sensación de que o Estado era unha especie de ‘gran hermano’ vixiante. Non se admitía o debate, nin a discrepancia, nin a controversia". Segundo o proxecto de investigación, Galicia, onde os sublevados fascistas tomaron o control nuns poucos días, converteuse no laboratorio onde probar o desenvolvemento dunha nova realidade institucional que se creaba practicamente da nada. Dende ese intre o conxunto da sociedade colocouse baixo sospeita e abríronse os procesos de investigación, delación e depuración.

Toda sociedade atopábase suxeita a vixilancia. Neste contexto é evidente que a rutina das delacións e o apoio de boa parte da sociedade civil a estas medidas e actitudes é fundamental. A sensación de normalidade era, tan só, aparente. Unha situación anormal que se converte de xeito forzado en cotián. Como escribe Javier Rodríguez González, profesor da Universidade de León, e Investigador Principal do proxecto, xunto con Grandío, "a implicación activa da gran parte da sociedade civil, a que se sentía vencedora, no perverso plan de amedrentamento, terror e marxinación social da ditadura franquista colocou os vencidos nunha situación de permanente sometemento moral, chantaxe emocional, desprezo e humillación". Como destaca a investigación, "os cidadáns perden os seus dereitos e serán clasificados en afectos, desafectos e indiferentes. Estes últimos tamén contribuían á continuidade do sistema".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.