0 Gardados para despois

O Castelao máis inédito e outras pezas históricas da Filmoteca de Galicia, agora tamén en internet

Redacción | @prazapublica

A chegada de Castelao a Arxentina en 1940, intervencións do político e escritor rianxeiro en Bos Aires e ata actos póstumos de homenaxe tras a súa morte. Son algunhas das escenas que desde este xoves se poden ver en liña na nova web da Filmoteca de Galicia do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). Un filme histórico de 1972 restaurado polo CGAI en 1995 e obra do reporteiro gráfico Eligio González, galego emigrado ao país austral e que regalou ao Centro Gallego.

Este filme documental (Imaxes de Castelao en Buenos Aires) de "fondo valor patrimonial" é só un aos que se pode acceder na nova web do CGAI, cun novo deseño e a posibilidade de ver en liña parte do arquivo fílmico do Centro, que busca "universalizar o acceso ao patrimonio cinematográfico galego que atesoura a institución". O novo servizo inaugúrase cunha selección de oito traballos recuperados e restaurados pola Filmoteca e que irá engadindo fitas nos vindeiros meses a través da dixitalización do arquivo durante este ano. 

A nova web do CGAI permite acceder a filmes recuperados e restaurados do seu arquivo e abre esta posibilidade con oito traballos

As primeiras pezas son, na súa meirande parte, dun importante carácter patrimonial e etnográfico e céntranse na paisaxe e nas tradicións galegas, tal e como destaca a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Así, varias delas son produto de diferentes asociacións da diáspora galega en América Latina e servían para comunicarlles novidades da súa terra aos emigrados. Ese é o caso de Galicia y Buenos Aires (José Gil, 1931), que é resultado das relacións do autor coas sociedades de emigrantes e, neste caso, un encargo da agrupación bonaerense Hijos de Fornelos. Supón un rexistro da vida diaria desta localidade pontevedresa.

Ocorre algo parecido con Un viaje por Galicia (Manuel Arís, 1958), que supón, xunto o anterior filme, "unha sorte de cartas filmadas que nos permiten coñecer a Galicia deses anos". Neste caso, este emigrado a Montevideo filmou a película entre 1953 e 1958 nas súas continuas viaxes a Galicia. É un percorrido polas catro provincias, de fondo valor patrimonial, "moi apreciado polos emigrados de ultramar, que podían ver o que acontecía no seu fogar e como estaba a mudar grazas ás filmacións en 16mm de Arís". Proba do seu éxito, destaca o CGAI, foi a explotación durante dezaoito semanas seguidas no Gran Cine Mitre de Bos Aires.

'Galicia y Buenos Aires' e 'Un viaje por Galicia'  son "unha sorte de cartas filmadas que nos permiten coñecer a Galicia deses anos"

Ademais, outro dos importantes cineastas amadores que traballou neste eido foi Eligio González, o chamado “fotógrafo da colectividade”, do que o CGAI rescata Porriño en Buenos Aires (1942) e a devandita Imaxes de Castelao en Buenos Aires (1972). Na primeira, o autor fai un traballo para a Sociedad Hijos de Porriño, destinado a mostrar a nova vida porteña destes galegos emigrados

Alén destes filmes, completan esta primeira escolma varios documentais dos anos vinte como Imaxes de Vigo e arredores (anónimo, 1926), Tintorería España (anónimo, 1927), Pontevedra, cuna de Colón (Enrique Barreiro, 1927) e Talleres Alonarti. Sociedad La Artística Ltda. (José Gil, 1928).

No caso da fita dedicada á cidade olívica, son vistas de Vigo, Baiona e a ría filmadas por un afeccionado danés chegado á urbe nun cruceiro e as imaxes forman parte dunha película máis ampla que recolle un percorrido turístico por Europa. 

Tintorería España, pola súa banda, é un documental promocional das instalacións da tintorería propiedade do industrial Octavio Pérez Gantes en Santiago de Compostela e diversas vistas da cidade. Pontevedra, cuna de Colón, pola súa banda, é un documental de 1927 que desenvolve a tese da orixe pontevedresa de Cristóbal Colón. Realizado por Enrique Barreiro, unha das figuras máis importantes do cine galego nos anos vinte e trinta xunto co seu irmán Ramón.

Ademias, Talleres Alonarti. Sociedad La Artística Ltda.é unha obra de José Gil froito dun encargo para os Talleres Alonarti en Vigo, no que queda recollido todo o proceso industrial de traballo con metais para a fabricación de envases. Documento valioso da época, o filme ábrese cunhas panorámicas da cidade olívica polos distintos barrios, para situar a empresa, que nos permiten ver como era a localidade nesa altura.

Respecto da nova web do CGAI, o deseño e desenvolvemento correu a cargo da cooperativa NUMAX e, ademais do acceso ao arquivo, outra das principais novidades é un blog de novas que permite contextualizar mellor as actividades que se desenvolven no centro e recibir un boletín se se desexa. Esta última é só unha das funcionalidades que permitirá o rexistro de usuarios, que tamén poderán inscribirse en cursos e seminarios de forma automatizada a través deste sistema ou crear o seu propio calendario de sesións.

Esta nova web chega seis anos despois de que Agadic puxese en marcha Canle TV, substituto da desaparecida filmoteca en rede Flocos TV. A nova plataforma  arrancara  con máis de 80 producións de directores como Ángel Santos, Oliver Laxe, Chema Gagino, Roque Camaselle, Antón Reixa ou Alberte Pagán. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.