Héctor Cajaraville: "Non creo que os discursos máis insolidarios sexan os que se impoñen: a sociedade civil é máis proclive ao afecto que á aversión"

Héctor Cajaraville © Oscar Sebio

O xornalista e escritor Héctor Cajaraville vén de gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil con Kusuma, unha fábula ecoloxista protagonizada por unha faisán que ten que deixar a súa terra ante a destrución causada polos humanos. Mais Kusuma atópase, no seu novo fogar alén mar, co racismo, co rexeitamento dos inmigrantes polo feito de vir "de fóra". Kusuma é, coma a protagonista doutro dos libros de Cajaraville, Denébola a Roxa, unha femia que non está disposta a permitir que lle digan o que debe facer coa súa vida, malia telo todo en contra. Hai outros fíos -como a amizade entre persoas moi diferentes, a memoria histórica como fondo ou o desexo de saber e a non aceptación do silencio- que unen as novelas que escribiu este autor desde que gañara o Premio Xerais con De remate: Quen dá a quenda?, A caixiña dos rancores, Denébola a Roxa, Once Portas, O segredo da casa de Formoso e Nova Nursia. Falamos con el de todos estes libros, ademais de sobre Kusuma, aínda inédita.

Kusuma é unha faisán, nai de familia, que se ve obrigada a deixar a súa casa porque os humanos están a destruír o seu hábitat debido ao avance da industria do aceite de palma. En todo o libro preséntase os humanos como seres destrutivos, depredadores que arrasan con todo. Quixeches facer unha fábula ecoloxista? Como xorde a personaxe de Kusuma?

O punto de partida era facer unha fábula, por dúas razóns: primeiro, porque penso que aos lectores e lectoras máis novos ese tipo de proposta en que os animais son protagonistas segue resultándolles suxestiva, por máis que as referencias lectoras da infancia xa non son as mesmas ca hai uns anos. Pero penso que a fábula continúa a ser un formato atractivo, imperecedoiro, e non só para o lectorado infantil.

"Penso que a fábula continúa a ser un formato atractivo, imperecedoiro, e non só para o lectorado infantil"

E segundo, porque recorrer a este xénero permitíame falar de cuestións como a destrución dos recursos naturais, as migracións, a desigualdade, os prexuízos, mesmo a morte... dunha maneira moito máis libre. En Kusuma abórdanse todos estes temas, e non é difícil establecer a correlación entre o que se conta neste libro e a realidade; pero facelo a xeito de fábula permitiume certas licenzas e facilitoume os recursos para tratar con certa distancia aspectos que noutro tipo de relato ficarían explícitos, dramáticos ou tráxicos de máis.

Mais non só os humanos son os destrutivos. Kusuma emigra de Asia a Galicia, e no seu novo fogar atópase co rexeitamento á poboación inmigrante: os animais chegados “de fóra” son expulsados do centro da fraga, xulgados só por vir “de fóra”: que se traen enfermidades e costumes salvaxes, que se van reproducirse até o infinito… No libro podemos recoñecer a xenofobia –inoculada– tan de actualidade estes días, polo tema do Aquarius. En que sentido é este libro denuncia dese xeito de racismo que é o rexeitamento á inmigración? –E da maneira na que os discursos máis fascistas se impoñen socialmente, apagando as voces discordantes–.

A mensaxe que encerra Kusuma é que os prexuízos son sempre inxustos e poucas veces resultan válidos como estratexia para tratar de comprender o mundo. Se triunfan, e ás veces é así, é porque nos facilitan o traballo de reflexionar sobre unha realidade tan cambiante como a que nos toca vivir nestes tempos de mudanza permanente. É moito máis “cómodo” mentalmente desconfiar do descoñecido, meter todo o que nos resulta alleo no mesmo saco, estear a nosa visión do mundo no receo e na sospeita.

"É moito máis “cómodo” mentalmente desconfiar do descoñecido, meter todo o que nos resulta alleo no mesmo saco, estear a nosa visión do mundo no receo e na sospeita"

Pese a todo, incluso contra o desazo cara ao que a actualidade nos arrastra cada día, non estou de acordo con que os discursos máis totalitarios ou insolidarios sexan os que se impoñen: a maioría das persoas, a sociedade civil, é máis sensible e máis proclive ao afecto que á aversión, mesmo por riba dos que gobernan ou toman as decisións; talvez o que falta é capacidade de mobilizarse e de actuar, o que fai que ás veces esoutro tipo de mensaxes de odio e de rexeitamento ao estraño, ao diferente, ao de fóra -ao descoñecido, en definitiva- atopen espazos para asentarse e mesmo algún altofalante que lles dea difusión. Pero hai lugar para a esperanza.

Non deixa de ser unha sociedade heteroxénea na que, ademais, os expulsados, os marxinados, teñen máis capacidade de autoorganización que as, digamos, clases dominantes. Mais teñen que demostralo despois de seren prexulgados. E de feito chegan a escoller quedar nas marxes, non convivir cos que antes os discriminaran. Supoño que é un xeito de reivindicar a solidariedade e a axuda mutua, pero tamén de remarcar as fendas sociais que trae a discriminación.

Kusuma é unha metáfora do mundo, ou así o concibín durante o proceso de escrita. Os marxinados, as desterradas, non teñen máis remedio que establecer canles de axuda entre eles para sobrevivir, mentres que os que están dentro do “sistema” poden permitirse unha certa “individualidade do benestar”, que ao mesmo tempo os desarma como colectivo. Porén, nese vínculo que xorde case por necesidade entre os outsiders é onde vai radicar a súa fortaleza, a súa capacidade para plantarlles cara ás ameazas contra as que os acomodados non ousan ou non poden enfrontarse. E si, unha das ideas que está presente no libro é esa que ti apuntas: non sempre formar parte do “sistema”, sentirse integrado e aceptado, é a opción máis gorentosa. Unha marxinalidade orgullosa e consciente tamén pode ser unha alternativa.

"Non sempre formar parte do “sistema”, sentirse integrado e aceptado, é a opción máis gorentosa"

Penso que Kusuma ten algo en común coa protagonista de Denébola a roxa: unha nena que non permite que decidan nin falen por ela, que procura a maneira, nunha sociedade na que o ten todo en contra, de escoller o seu propio camiño. En que se parecen estas dúas personaxes? É a historia de Denébola un xeito de mostrar como, nunha sociedade estamental e patriarcal, si foi posible para as mulleres afastarse do camiño marcado?

É certo que, malia as enormes distancias entrambas as propostas, existe esa conexión: Kusuma e Denébola son dous personaxes, dúas personaxes, que non se conforman co destino que outros lles marcaron e deciden trazar o seu propio camiño na vida. En Kusuma optei pola fábula como proposta narrativa, por ese distanciamento que me permitía para abordar todo o que se conta; e no caso de Denébola a roxa a distancia foi temporal: a historia desenvólvese no ano 1600.

"As mulleres teñen que seguir facendo máis e mellor para chegar ao mesmo lugar que aos homes se lles supón polo feito de selo"

Pero de novo a translación á nosa realidade de aquí e de agora é moi fácil de realizar, entre outras razóns porque en moitos sentidos as cousas non mudaron demasiado desde entón: as mulleres teñen que seguir facendo máis e mellor para chegar ao mesmo lugar que aos homes se lles supón polo feito de selo. Pero en ambos os casos -Kusuma e Denébola- subxace unha mensaxe de esperanza: por moitos que sexan os obstáculos, as dificultades de partida, os atrancos que nos poñen os demais, a ansia de superación sempre ten recompensa.

En A caixiña dos rancores, o destino da protagonista, Chiruca, tamén estaba predeterminado pola súa condición de muller –e pobre–. E son un mozo e unha moza de 18 anos –mostra, supoño, de que a sociedade xa non acepta certas cousas– os que tentan coñecer o que pasara realmente coa súa filla. No fondo deste libro están os roubos de bebés, mais penso que tamén o cambio social –a moza non pensa coma Chiruca–. Cal era, nese sentido, o obxectivo do libro?

En A caixiña dos rancores, alén da trama máis ou menos intrigante sobre o caso de roubo de bebés do que Chiruca foi vítima no pasado, a verdadeira forza da proposta, penso eu, é a historia da amizade que se establece entre a personaxe principal, unha muller de case oitenta anos, e a parella de mozos cos que comparte o protagonismo da novela. Unha amizade conta todo prognóstico, porque de entrada parece que a relación á que se ven obrigados, produto dun accidente de tráfico, non vai levar a ningures.

"Quería mostrar que, por debaixo das diferenzas aparentes -Chiruca, a muller maior, e Paula, a moza, están a anos luz de distancia-, a todos nos indignan ou nos conmoven as mesmas cousas"

Pero axiña aparecen as conexións, os intereses en común, o enriquecemento mutuo que lles supón coñecer persoas tan distintas a elas mesmas. Esa era a idea: mostrar que, por debaixo das diferenzas aparentes -Chiruca, a muller maior, e Paula, a moza, están a anos luz de distancia no seu modo de entender o mundo-, a todos nos emocionan, nos interesan, nos indignan ou nos conmoven as mesmas cousas, incluso a unha anciá e a dous adolescentes. De vez en cando teño encontros nos institutos con lectores e lectoras desta novela; e cando me din que Chiruca, unha vella de oitenta anos, lles resulta un personaxe fascinante, co que se identifican... Que alegría, obxectivo conseguido!

A caixiña dos rancores conecta con O segredo da casa de Formoso polo tema do silencio –e a represión– no tempo da ditadura. No segundo, un adolescente descobre as orixes –escuras– da casa familiar. Como en A caixiña dos rancores, é a nova xeración, a dos netos, a que quere saber, a que non acepta o silencio. Cres que, dalgunha maneira, isto está a pasar, en relación coa memoria histórica?

Por desgraza non, porque para os mozos e mozas a memoria histórica é algo que senten tan distante como o Imperio romano ou a Revolución francesa. Tanto nun caso coma noutro, a incorporación dunha subtrama relacionada coa memoria histórica non deixa de ser un recurso literario. Oxalá houbese unha sensibilidade distinta nas novas xeracións con respecto a estas cuestións, pero non percibo que sexa así, máis ben o que penso é que o labor de silenciamento daquilo que sucedeu non hai tanto -80 anos non son nada, aínda hai xente viva que o sufriu- funcionou á perfección.

"Penso que o labor de silenciamento daquilo que sucedeu non hai tanto -80 anos non son nada, aínda hai xente viva que o sufriu- funcionou á perfección"

É certo que a proposta da trama non é esa, en ningún dos dous casos: A caixiña dos rancores é unha historia de amizade, e O segredo da casa de Formoso é unha historia de amor, ou polo menos esa era a intención. Pero parecíame que a proposta había que completala con algo máis, e en ambos os casos recorrín a temas vinculados directa ou indirectamente co golpe de estado de 1936, a guerra civil e a ditadura posterior. Fíxeno adrede, porque as dúas son novelas xuvenís e, polo que eu detecto, a presenza de todo o relacionado con esta época histórica no currículo educativo é mínima, nula.

"Na miña etapa escolar non vin absolutamente nada sobre a guerra civil e as súas consecuencias, nin no colexio nin no instituto, e teño a sensación de que segue a ser así"

Na miña etapa escolar non vin absolutamente nada sobre a guerra civil e as súas consecuencias, nin no colexio nin no instituto, e teño a sensación de que segue a ser así, pese a ser o acontecemento máis decisivo da nosa historia recente, e malia seguirmos pagando as consecuencias do que pasou daquela. Por iso busco o modo de incorporalo ás miñas novelas, por compensar ese silencio arredor de algo tan transcendental na conformación da sociedade en que vivimos. E tamén porque literariamente, a pesar de que xa se “explotou” desde moitos ángulos, continúa tendo unha forza enorme e un vigor extraordinario, e segue dando xogo a moitos niveis.

A mesma curiosidade –noutro tempo histórico– move o protagonista de Once portas, tamén un mozo esperto con dotes para a investigación –e afeccionado á Historia–. A novela xoga un pouco coas dúbidas –moi razoables– sobre os restos do Apóstolo, mais parece que o seu obxectivo é outro: se cadra, a homenaxe á propia cidade –Santiago– e á súa historia. Cal era o obxectivo desta novela?

Once portas é, como ben apuntas, unha homenaxe á cidade de Santiago, á miña cidade. Malia eu nacer e vivir practicamente toda a miña vida en Compostela, ata hai uns anos o meu descoñecemento sobre a historia deste lugar era enorme, máis alá do que todos e todas podemos saber, sexamos ou non de aquí. Así que decidín compensar esa ignorancia lendo algunha cousa sobre a historia da cidade, e aí batín cun misterio que é moi real: a existencia dunha porta da antiga muralla da cidade, en concreto un poxigo -un acceso máis estreito, só para as persoas, non para os carros ou as mercadorías- chamado do Souto, do que se cita a súa existencia nalgúns tratados pero nunca a localización exacta nin a súa función.

"A verdade é que a historia “oficial” de Santiago é tan literaria e tan sedutora, sempre de a cabalo entre o real e o lendario, que crear unha ficción sobre unha base tan suxestiva foi moi doado"

A partir de aí comecei a escribir o que naceu como un relato e que acabou sendo unha novela curta, porque a medida que ía lendo cousas sobre a historia da cidade atopaba novos elementos que me daban xogo e que buscaba a maneira de incorporalos ao relato. A verdade é que a historia “oficial” de Santiago é tan literaria e tan sedutora, sempre de a cabalo entre o real e o lendario, que crear unha ficción sobre unha base tan suxestiva foi moi doado.

Quen dá a quenda? está protagonizado por unha simpática meiga que axuda a persoas, animais e cousas que teñen problemas do máis orixinal. Un militar que só é quen de falar en verso, unha nube que non ten forma, unha laranxeira coas follas laranxas e o froito verde… Son todos seres, dalgunha maneira, “raros”, diferentes, que non encaixan. Como xorde o personaxe da meiga e que representa?

Divina, a protagonista de Quen dá a quenda?, é unha meiga, pero unha meiga boa, que habelas hainas, aínda que literariamente foron máis aproveitadas as bruxas malvadas. Cando decidín escribir un libro infantil, no meu intento por probar un pouco de todas as posibilidades que ofrece a literatura, tiña claro que a personaxe principal había ser unha meiga. Primeiro, porque entronca moito co noso imaxinario colectivo, coas nosas tradicións, cos contos que se contaron aquí toda a vida.

"Por diferentes que sexamos -ou que pensemos que somos-, todos acabamos atopando o noso lugar"

E segundo, porque ter como protagonista unha meiga é un agasallo para quen escribe: a partir de aí, todo é posible. Por iso neste libro os personaxes son humanos, pero tamén hai animais que van cos seus problemas ao consultorio da meiga, e incluso obxectos e elementos da natureza, como a nube que ti dicías, unha fervenza... Onde quería chegar con tanta variedade de personaxes e de situacións? A mensaxe neste caso vai nunha dobre dirección: por unha banda, por diferentes que sexamos -ou que pensemos que somos-, todos acabamos atopando o noso lugar; e por outra banda, aqueles que sementaron o ben ao seu redor acaban recibíndoo de volta dalgún xeito...

A Historia está moi presente nos teus libros, e un exemplo é Nova Nursia, a novela sobre a vida de frei Rosendo Salvado. Baseácheste moito nas Memorias históricas sobre Australia e particularmente sobre a misión beneditina de Nova Nursia e os usos e costumes dos australianos, publicadas non hai tanto? Que outras fontes foron fundamentais?

Por suposto, as memorias do propio frei Rosendo foron unha base esencial para o labor de documentación, porque ademais de estar escritas polo propio protagonista son unha lectura moi amena e están ateigadas de información utilísima. Por certo, que foron publicadas en galego hai pouco tempo, pero a versión italiana (a orixinal), e tamén a francesa ou a castelá, teñen xa máis dun século. Ademais, recorrín a outras biografías e traballos de investigación, como os do profesor Albino Prada, e a todo o que publicou o Consello da Cultura Galega arredor do ano 2014, bicentenario do nacemento de Rosendo Salvado.

"A miña referencia principal foi un texto fantástico, elaborado por Antonio Linage Conde e titulado Rosendo Salvado. La aventura a lo divino de un gallego en Australia"

Pero a miña referencia principal foi un texto fantástico, pola súa claridade e didactismo, elaborado por Antonio Linage Conde e titulado Rosendo Salvado. La aventura a lo divino de un gallego en Australia, do que ao principio só atopaba unha pésima versión en inglés editada pola Xunta de Galicia. Posteriormente conseguín o orixinal en castelán, publicado na revista Estudios Mindonienses, e foi grazas a que o propio autor, un notario xubilado case nonaxenario, ma fixo chegar tras poñerme en contacto con el.

Así que Nova Nursia non deixa de ser un labor colectivo, no que teño moito que agradecerlles a todos os que antes ca min se interesaron pola figura de frei Rosendo e deixaron escrito algo sobre el, incluído o propio Salvado. Todo me foi de utilidade, desde as exposicións con motivo do bicentenario ás fotografías nas que Santos Salvado, o irmán de Rosendo, deixou constancia do traballo en Nova Nursia, pasando polos traballos documentais, como o inefable De Rosendo a Rosendo, no que o roqueiro Rosendo Mercado viaxa a Australia para tocar ante a tumba do seu homónimo -non é unha ficción literaria, o documental existe-.

Contas ao final do libro que o obxectivo é reivindicar a figura de frei Rosendo Salvado, nalgúns aspectos máis recoñecido en Australia que aquí. Comentas que mesmo é deostado, botándolle a culpa da actual proliferación do eucalipto. Por que consideras que non é o suficientemente recoñecido?

Hai dous anos, cando estaba recompilando información para Nova Nursia, fun a un club de lectura para falar doutro libro meu, De remate. Preguntáronme con que andaba nese momento e faleilles da idea de escribir unha biografía novelada sobre Rosendo Salvado. «O cabrón ese dos eucaliptos!», exclamou un dos asistentes. Nese momento confirmei a necesidade de escribir a historia de Salvado. Porque non era unha excepción: algunha outra vez escoitara iso mesmo, talvez con expresións menos contundentes, pero sempre co retrouso ese de “o dos eucaliptos”. Para empezar, nin sequera é verdade que Rosendo Salvado fose o introdutor do eucalipto: cando el chega a Australia, en 1846, xa había eucaliptos plantados en Galicia.

"A anécdota dos eucaliptos agochou o seu verdadeiro legado: converterse no primeiro occidental que loitou polos dereitos dos aborixes australianos, que conseguiu que se lles concedese o status de seres humanos"

Pero, aínda que así fose... A súa intención, cando enviou as sementes, era dar a coñecer unha árbore que o impresionou cando chegou aos antípodas, polo seu porte maxestoso e as súas propiedades medicinais. Que culpa se lle pode atribuír do que logo outros fixeron estendendo o seu cultivo e inzando o territorio desta especie? E aínda por riba, esa anécdota agochou o seu verdadeiro legado: converterse no primeiro occidental que loitou polos dereitos dos aborixes australianos, que conseguiu que se lles concedese o status de seres humanos, algo que ata ese momento os colonos británicos lles negaban na súa lexislación, e mesmo que se lles recoñecese a propiedade sobre o territorio que levaban miles de anos ocupando. Por certo, non teño dúbida de que ese descoñecemento acerca do verdadeiro labor de frei Rosendo se debe tamén, en gran medida, á súa condición de relixioso: as follas de eucalipto e as saias do cura ocultaron, por igual, a figura formidable de Salvado.

O personaxe non deixa de representar a mentalidade colonial –eles van alí evanxelizar e “civilizar” os “salvaxes”–, pero sempre ten unha sensibilidade que non era tan habitual na súa época: considera que son persoas –a Igrexa dicía que non tiñan alma– e que poden “integrarse” na “civilización”. A propia evolución do personaxe respecto a iso vese máis nos últimos capítulos: comeza a preguntarse se non sería mellor deixar os “salvaxes” en paz, entende que son culturalmente diferentes pero non inferiores… Como atopar aquí o se cadra difícil equilibrio entre crear un personaxe crible e non acabar xustificando -ao presentalo en certa medida coma un heroe- a “evanxelización” dos “salvaxes”? Se cadra se poderían ter integrado, ao respecto, outras voces que nos permitisen ver a “evanxelización” da perspectiva dos “salvaxes”...

A idea da novela non era presentar un frei Rosendo estático, firme nas súas conviccións, senón alguén que vai mudando os seus obxectivos e a concepción do seu labor consonte as circunstancias o obrigan. Cando chega a Australia axiña descobre que o labor misioneiro non ten sentido, porque a prioridade é outra: evitar o exterminio da poboación nativa. E para loitar contra ese destino que para outros -mesmo para algúns dos seus compañeiros relixiosos- é inevitable, entende que a única saída posible é intentar a súa integración na sociedade colonial.

"Cara ao final da novela o propio Salvado pregúntase se non foi máis ca un dos moitos brazos executores do colonialismo"

Cara ao final da novela o propio Salvado pon en dúbida a utilidade do seu traballo de tantos anos, de toda unha vida, e mesmo se pregunta se non foi máis ca un dos moitos brazos executores do colonialismo, outra forma de sometemento máis sutil ou máis amable, pero sometemento á fin. Evidentemente, hai que contextualizar o personaxe na súa época, pero o que deixou escrito, e sobre todo o que fixo, demostran que a súa mentalidade ía moito máis alá da puramente evanxelizadora. Tampouco tratei de crear un personaxe sen fisuras, un heroe, senón alguén cunha determinación e cunha fe -non no sentido relixioso, senón no da convicción- excepcionais, pero que ao final acaba dubidando mesmo do sentido de todo canto fixo.

Ao mesmo tempo, Salvado si amosa preocupacións que poderiamos considerar “adiantadas” para a época: o sometemento das mulleres aos homes, por exemplo. Ao tempo que salientas a súa sensibilidade cultural -o seu estudo da música, das manifestacións culturais dos “salvaxes”, das linguas que falan…-. É o que é para ti un humanista?

Un humanista de libro, se se me permite a brincadeira. A Salvado interésalle todo o relativo ás comunidades aborixes coas que ten contacto: a lingua, a música, as crenzas, as relacións sociais, as manifestacións festivas... E non desde unha posición de superioridade, senón de proximidade e desexo de comprender, de igual a igual. Nas súas memorias recolle todo tipo de información sobre os pobos da contorna en que instala a misión de Nova Nursia: é o primeiro que elabora un mapa daquel territorio, recompila o léxico dos idiomas que empregan os aborixes e establece relacións entre elas -décadas antes da existencia da lingüística comparativa-, afonda na complexa espiritualidade destas comunidades, trata de comprender o seu xeito de dirimir as desavinzas...

"Cando se decata de que a mellor estratexia é respectar as tradicións e os costumes dos nativos, non dubida en enfrontarse aos seus compañeiros na misión"

Mesmo realiza estudos antropométricos e dos ciclos de mobilidade destas poboacións, todas elas nómades. Cando se decata de que a mellor estratexia é a da “non interferencia”, a de respectar as tradicións e os costumes dos nativos, non dubida en enfrontarse aos seus compañeiros na misión para non impoñerlles aos aborixes a weltanschauung eurocéntrica que o cristianismo “exportou” antes e despois del. Creo que antes empregaches a palabra “adiantado”, e penso que Rosendo Salvado foi, realmente, un adiantado ao seu tempo en moitos sentidos. Tamén produto do seu tempo e da súa formación, pero ter a súa mentalidade hai douscentos anos ten moito valor, demostra moito valor. Tanto que decidín escribir sobre a súa vida cando podía escoller ducias, centos de personaxes, tamén de aquí, tanto ou máis interesantes ca el, e cuxa historia aínda está por escribir.

A historia está contada, fundamentalmente, a través das cartas que frei Rosendo lle envía, durante toda a vida, a un amigo da infancia. Nelas vai falando dos seus avances, dúbidas, contradicións… Por que ese xeito de contar a historia?

Aínda que tratei de ser respectuoso coa biografía de frei Rosendo, Nova Nursia é unha novela, e dos seus recursos e mecanismos de construción botei man para artellar un relato atractivo para o público lector. Os lugares, persoas e sucesos que compoñen a narración son todos eles reais, porque a propia biografía de frei Rosendo é suficientemente atractiva como para que non sexa necesario engadir moito máis. Pero sobre esa base eu incorporei elementos de ficción, porque se non estaría facendo o que outros xa fixeran: contar a súa vida e máis nada.

"Eu incorporei elementos de ficción, porque se non estaría facendo o que outros xa fixeran: contar a súa vida e máis nada"

En Nova Nursia hai personaxes, situacións, anécdotas, encontros, reflexións... que responden á miña engádega como autor de ficción, pero sempre desde unha perspectiva respectuosa e verosímil. E dentro desa achega máis literaria, o feito de que manteña correspondencia cun amigo da infancia permitíame atender un dobre obxectivo: non perder o contacto coa súa terra de orixe e, sobre todo, integrar as súas reflexións de xeito natural. Ademais, a figura de Domingos, o amigo, é o contrapunto ao propio Salvado: un personaxe festivo, ata certo punto mundano, que desfruta dos pequenos praceres da vida, e que mantén a frei Rosendo apegado á terra, en todos os sentidos.

O libro tamén fala, en realidade, de loitas de poder dentro da Igrexa, das que Salvado participa, e do racismo co que moitos relixiosos se achegaban aos indíxenas, dando por suposto que o seu exterminio era un proceso natural e inevitable. Nese sentido, si hai unha achega crítica ao papel da Igrexa nas “misións” en Australia. En que sentido?

Neste libro non pretendín facer ningún panexírico, nin sobre a Igrexa en xeral nin sequera sobre a figura de frei Rosendo, ao que trato de presentar coas súas luces e as súas sombras. De feito, creo que a Igrexa non sae demasiado ben parada, máis interesada en cuestións terreais e en estender o seu espazo de poder que na defensa dos desherdados, neste caso os aborixes. Os maiores inimigos ao labor de frei Rosendo vainos encontrar “na casa”, entre eles moitos convencidos de que o mellor que lles pode pasar ao nativos australianos é seren eliminados o máis axiña posible, para evitar un sufrimento maior, toda vez que a condena ao exterminio parece inevitable. A miña premisa era presentar a Igrexa como eu a concibo: unha institución tan grande e con tantas arestas que dentro dela poden convivir os suxeitos máis ruíns e mesquiños ao lado de figuras tan luminosas e formidables como o propio Salvado.

"Os maiores inimigos ao labor de frei Rosendo vainos encontrar “na casa”, entre eles moitos convencidos de que o mellor que lles pode pasar ao nativos australianos é seren eliminados"

Algo máis que queiras salientar?

Unicamente que, conforme ía respondendo as preguntas, fun consciente de cantos puntos de conexión existen entre as novelas que levo escritas nestes tres anos de dedicación ao labor literario. Sempre presumo de que, cando empezo un novo proxecto, trato de facer algo radicalmente diferente a todo o que fixera ata ese momento, e nunca ata agora me decatara de cantos elementos en común se entrecruzan nas páxinas destes oito libros que xa se publicaron ou se publicarán axiña. Ás veces é a un mesmo a quen lle custa máis ter esa visión de conxunto, e fai falta que alguén con esa capacidade llo faga ver desde fóra. Así que para min esta entrevista foi unha auténtica descuberta de min mesmo e do meu traballo como escritor, e por iso o meu máis sentido agradecemento.

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.