A Mostra de Cangas chama a dar “un paso máis”, alén dos estudos da situación, na loita pola igualdade de xénero na cultura

Pola esquerda, Fefa Noia, Antía Costas, Berta Ojea e Tamara Canosa, nas xornadas Mulleres en Acción © Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

O Centro Dramático Galego (CDG) leva ata agora contratados, nas súas producións, 633 actores e 403 actrices. 87 directores e nove directoras. 143 dramaturgos e 31 dramaturgas. 623 deseñadores e 260 deseñadoras. Son datos que achegou a propia directora do CDG, Fefa Noia, durante a súa participación nas XVIII Xornadas Mulleres en Acción, celebradas no seo da XXXV Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

Comentáronse máis cifras, igual de preocupantes, no resto de intervencións deste encontro, coma as difundidas non hai moito por AISGE e a Unión de Actores y Actrices: os personaxes femininos representan o 37,8%, fronte aos masculinos, no cinema realizado en España entre 2014 e 2016. Mais, ademais de lembrar os números da desigualdade, as XVIII Xornadas Mulleres en Acción serviron, máis que nada, para convidar a “pasar a acción”, a ir alén dos estudos xa feitos.

A industria cultural é "a que menos traballo xera para as mulleres”, e iso “é un dato moi español”, subliñou Berta Ojea

“A industria cultural é a que menos traballo xera para as mulleres”, e iso “é un dato moi español”, subliñou a secretaria de Igualdade da Unión de Actores y Actrices, Berta Ojea, polo que, para superar as brechas salarial e laboral, poderíase comezar, -propuxo-, por “aplicar a lei” existente, a Lei de Igualdade efectiva de homes e mulleres, aprobada no 2007. Así, -indicou-, o financiamento público dos produtos culturais debería estar condicionado ao cumprimento do principio da paridade: 50% e 50%.

Cómpre, segundo Ojea, unha lei de igualdade salarial e protocolos eficaces contra o acoso sexual no traballo

Ademais, -indicou Ojea-, cómpre unha lei de igualdade salarial ou uns protocolos eficaces contra o acoso sexual no traballo. E todas as organizacións da cultura deberían ter, -opinou-, “unha secretaría de igualdade”, e non só unha comisión, pois as secretarías teñen potestades decisorias e non só consultivas. Da mesma maneira, tanto na discusión dos convenios profesionais coma no novo Estatuto do Artista, por exemplo, debería haber “unha mirada de xénero”, igual que en todas as leis: de Traballo, Seguridade Social, Facenda, etc, que terían que estar “atravesadas por iso, pola igualdade” como criterio.

Mais non se trata só, -segundo se falou neste encontro-, de igualar o número de mulleres e homes, -e sobre todo en postos como dirección, guión e produción-, senón de mudar os contidos. Ao respecto, a vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Mabel Rivera, denunciou unha vez máis que, a partir dos 40 anos, xa non só é que pareza que as actrices van camiño da desaparición por falta de oportunidades de traballo, senón que, unha vez superados os 60, semella que só podes interpretar certos tipos como “a avoa”, a “sobriña-neta” ou a señora con alzheimer. “É que non temos outras cousas que contar?”, preguntou. No caso dos varóns, -engadiu-, non ocorre o mesmo, xa que se considera que “gañan prestixio” e “credibilidade” coa idade.

Mabel Rivera denunciou que, superados os 60, semella que só podes interpretar certos tipos como “a avoa”, a “sobriña-neta” ou a señora con alzheimer

Nun sentido confluente, mais desde a perspectiva das profesionais máis novas, a actriz Antía Costas remarcou esa mesma tendencia a estereotipar os papeis femininos. “Eu son a pilingui, ou a enfermeira cachonda, ou a moza de, e ultimamente a moza de homes de 50 anos, e teño 30”, asegurou. Avogou, por isto, por unha maior “unión” das profesionais e por que sexan as propias mulleres as que escriban, dirixan a produzan.

Antía Costas avogou por unha maior "unión" das profesionais

Berta Ojea constatou que, á luz dos datos ofrecidos por distintos estudos, a partir dos 40-45 anos as mulleres van desaparecendo dos papeis protagonistas, e que mesmo os papeis para mulleres maiores son interpretados por actrices de menos de 35 anos. Ademais, as historias “están sexualizadas”, de xeito que a muller protagonista tende a ser “o obxecto de desexo do home protagonista”, e as mulleres de máis de 40 anos “a nai”, “a tía”, a “coidadora”, pero non unha muller cunha carreira profesional desenvolvida. De igual maneira, -indicou-, que as mulleres cobren menos polo mesmo ou mesmo un traballo máis relevante para a historia, alén da inxustiza que representa, ten un significado “simbólico”: se as mulleres “valen menos”, tamén se as pode acosar, maltratar ou mesmo matar.

Nun mesmo sentido, a vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual, Tamara Canosa, sinalou que non é unha cuestión só cuantitativa, senón cualitativa, pois as mulleres deben ter a posibilidade de interpretar papeis prestixiados socialmente. E foi clara ao afirmar que “non pode haber responsables políticos sen unha mínima formación de xénero” nin debería  haber diñeiro público para “películas” ou “obras de teatro” machistas, como non se dan axudas a producións que defendan o “supremacismo branco”. Liberar a creación de prexuízos machistas impostos por unha educación patriarcal non é, ademais, -sostivo-, restar liberdade artística, senón reforzala.

Para Berta Ojea, o Estado debe garantir os “dereitos da cidadanía” e ninguén é máis libre “por poñer un home de 50 anos de parella dunha moza de 20”. Tamara Canosa insistiu, en relación con iso, en que as mulleres non somos “un colectivo” minoritario, senón suxeito universal de dereitos igual que os homes, polo que non debemos conformarnos con políticas de discriminación positiva coma as dirixidas ás minorías. Ao respecto, unha lei coma a do 50% non é, dixo, “discriminación positiva”, senón “acción positiva” para corrixir a desigualdade.

Tamara Canosa insistiu en que as mulleres non somos “un colectivo” minoritario, senón suxeito universal de dereitos igual que os home

Fefa Noia introduciu outra dimensión deste mesmo debate, que é o maior “nivel de esixencia global” que se lles pide ás mulleres no traballo, e non só en canto a resultados. Ela mesma, como directora do CDG, opinou, é sometida á máis “presión” da que sufriron compañeiros que ocuparon o mesmo cargo. Tendo en conta, ademais, que en toda a súa historia, o CDG tivo só catro directoras: Ánxeles Cuña, Dorotea Bárcena, Branca Cendán e a propia Fefa Noia. A xerente da Asociación de Produtoras Independentes, Uxía Caride, concordou con ela ao sinalar que “parece que unha muller non ten dereito a equivocarse, a ter unha segunda oportunidade”.

Ao que a directora da Mostra de Cangas, María Armesto, engadiu, desde o público, que ademais o CDG foi dirixido por homes que “botaron o público do teatro”, escollendo montaxes “deleznables, longas e aburridas”. Lembrou, tamén, que cando a ex-ministra de Cultura Ángeles Sinde comezou a falar de cotas “botáronselle enriba”, con artigos en El País, que hoxe serían impensables, sobre supostos impedimentos á liberdade artística e sobre mulleres que ocuparían postos sen merecelo. Berta Ojea amosouse optimista, en relación con isto, respecto dalgúns pasos dados polo novo goberno estatal: os cambios anunciados no INAEM, o proxecto de recuperar o Ministerio de Igualdad ou nomeamentos como o da directora do Instituto de la Mujer, Silvia Buabent. 

Xa o principio do debate, Uxía Caride declarárase “optimista” respecto do futuro, xa que, alén dos necesarios cambios a nivel de políticas públicas, xulgou que “a sociedade está a comezar a organizarse”. En diferentes momentos do encontro citouse, en relación con iso, o movemento Me Too ou o éxito sen precedentes da manifestación feminista do pasado 8 de marzo. Mabel Rivera defendeu, nese contexto, a urxencia de “dar un paso máis”, aproveitando ese movemento “acumulativo”. Mais, malia o acordo de base, houbo certa controversia sobre a quen corresponde impulsar e escalada cara ese chanzo máis elevado.

A propia Mabel Rivera lembrou, -en referencia ao caso de acoso denunciado pola actriz Iria Piñeiro, mais sen citalo-, o delicado que podía ser tratar temas coma estes dentro das propias organizacións do sector. Non é difícil gañar sona de “conflitiva”, afirmou, e, -exemplificou-, “hai compañeiros que che din que non teñen a culpa de ter máis caché”, sen máis análise, polo que a perspectiva de xénero debe medrar tamén dentro da base do propio sector do audiovisual e das artes escénicas.

Referiuse, ao respecto, á “normalización” de comportamentos como facer comentarios sobre o aspecto físico das compañeiras. Ao que María Armesto engadiu que a ningunha muller de vestiario se lle ocorre tocarlle a un home a bragueta para recolocarlla, mentres que hai persoas que consideran aceptable tocar escotes a mulleres con escusas e sen permiso. Ao fío do “medo a reaccionar” que, segundo Rivera, pode darse moitas veces neste tipo de casos, Canosa asegurou que ademais funcionan “mecanismos mentais” de negación, do tipo isto non está a pasar ou mellor calar, porque do contrario podes non volver ser contratada.

María Armesto engadiu que a ningunha muller de vestiario se lle ocorre tocarlle a un home a bragueta para recolocarlla

Berta Ojea citou, pola súa banda, os mecanismos de autoculpabilización ou o medo a “crear problemas”, ademais de sinalar os discursos que piden respecto á presunción de inocencia do acusado pero xulgan a vítima. Sinalou que xestos como o dos abanos vermellos, -a carón de mobilizacións de grande impacto como o Me Too ou da denuncia dunha violación en Cannes-, son positivos, mais que hai que entender a loita feminista como “colectiva” e “global”, atendendo á relevancia das redes e sabendo que é un movemento “moi grande” que vai seguir a avanzar.

Tamara Canosa amosouse de acordo na utilidade de elementos performativos coma os que están a aparecer ultimamente nos actos públicos do sector, pero quixo remarcar que “non só é responsabilidade nosa”, das mulleres. Xa que se cadra, por exemplo, certos sketches machistas de grande difusión poden facer en poucos minutos un “dano” que reverta a situación cara atrás, por moito que as mulleres pelexen. “Non é só o feminismo”, asegurou. Porque os homes, e sobre todo os que ocupan espazos de poder, teñen tanta responsabilidade “ou máis”. Así, dixo, “as mulleres debemos ser moi activas”, pero homes tamén deben “implicarse”. Ao que Berta Ojea respondeu que “ninguén renuncia ao seu poder”, aos seus privilexios, de xeito voluntario. E Mabel Rivera aclarou que, moitas veces, “eles nin consideran que estean a vivir unha situación de privilexio”.

Berta Ojea dixo que “ninguén renuncia ao seu poder”, aos seus privilexios, de xeito voluntario

Interpelado desde a mesa, interveu tamén o concelleiro de Igualdade de Cangas, Tomás Hermelo, que explicou que na contratación e licitación realizada por parte do concello é posible introducir cláusulas en favor da paridade á hora de establecer a puntuación dos proxectos, pero cos límites establecidos pola lei estatal e autonómica, porque primar un ou outro sexo podería considerarse discriminatorio. Berta Ojea retrucou que, nas súas conversas con responsables das políticas públicas, case nunca saía a Lei de Igualdade, á que as administracións si poden acollerse. Existindo ademais equipos de avogados especializados no asesoramento nesta cuestión. Citou tamén a posibilidade de ir, en caso de ser necesario, á aplicación de sancións.

Desde o público, Iria Iglesias lanzou tamén unha pregunta sobre o posible posicionamento dos discursos feministas no sector en favor dun feminismo liberal, formal, de presión ás institucións, esquecendo a rúa, e de mulleres brancas, dando por suposto que cuestións como o racismo están superadas. Tamén pediu aclaracións sobre a necesidade de considerar as mulleres ou non “un colectivo”, tendo en conta que non somos, precisamente, un colectivo homoxéneo.

María Armesto respondeu que non somos “un colectivo” no sentido de que as mulleres representamos a metade da humanidade, mais que todas somos mulleres, e que o bo do movemento feminista é aglutinar, a través da sororidade, toda a diversidade, ademais de opinar que a loita na rúa non está reñida coas esixencias fronte ao Estado. Tamara Canosa repetiu que as mulleres somos suxeito de dereito universal, que integra múltiples capas: negras, mulleres maiores, mulleres trans, intersexuais…, mais que non debe conformarse con políticas “de ramas, porque somos tronco” da árbore. A actriz Casilda Alfaro, que fixera de moderadora da mesa, resumiuna falando da necesidade de ir máis alá, pasando á acción, alén dos estudos e do coñecemento da situación, que xa está asentado. Estaba previsto, por outra banda, que participasen tamén na mesa Susana Dans e Belén Pichel, que finalmente non puideron asistir.

Pola dereita, Mabel Rivera e Uxía Caride, na mesma mesa das xornadas Mulleres en Acción Dominio Público Praza Pública
© Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.