Xosé Benito Reza: “Aquí puxéronse remendos, pero non se buscaron remedios eficaces para o rural”

Xosé Benito Reza CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

Xosé Benito Reza sentiu a necesidade de escribir Terradentro, a súa primeira novela, tras a dor que lle produciu a transformación sufrida pola casa na que nacera. Coa morte dos vellos, pechábase un lugar que formara parte da súa vida. E ese espazo era tamén símbolo dun universo que finaba, o rural, nun país no que pouco, ou nada, se fixera para conseguir que sobrevivise adaptado aos novos tempos. Terradentro, un libro de crime e misterio, é tamén un relato da vida cotiá nunha sociedade, a dos anos 50, que permanecía viva, malia a represión e a miseria. E na que falar coa porta arrimada tamén era un xeito de continuar. 

Dicía nunha entrevista que fixera este libro como homenaxe ás persoas maiores que lembraba de neno, que tanto padeceran…

Pasa unha cousa: este é o meu primeiro libro de ficción. Vivo na Praza Maior de Celanova, perto da casa onde nacín. Cando marchei para Santiago, porque fun director xeral de Conservación da Natureza co goberno bipartito, no 2005, a casa de meus pais estaba como estivera sempre: meu pai, miña nai e miña tía Gumersinda, unha señora moi entrañable da que falo tamén na novela. Era unha muller cunha sensibilidade moi especial que, con non ter unha ampla cultura, porque era dunha familia humilde de Vilanova dos Infantes, foi a persoa que me deu a ler os primeiros poemas que coñecín de Curros, de Rosalía –á que admiraba moito-, de Celso Emilio…

"Cando volvín a Celanova, no 2009, a casa estaba pechada. Era un baleiro absoluto, unha tristeza tremenda"

Estivera emigrada en Venezuela, coñecera a Celso Emilio alí e fixéranse amigos, polo que tiña libros del dedicados para ela… Pois, cando volvín a Celanova, no 2009, a casa estaba pechada. Era un baleiro absoluto, unha tristeza tremenda, porque nese pouco tempo morreran miña nai –que ademais morreu dunha forma violenta e tráxica- meu pai e miña tía. Entón eu sentín necesidade de repensar aquel mundo. Sempre me gustou moito a novela negra e policiaca e, ademais, meu pai era avogado na vila. Era unha persoa moi ben considerada que sabía moitos dos segredos da vila pola súa profesión pero, claro, nunca contaba nada, aínda que xa dicía el que ás veces, máis que o avogado, parecía o cura, porque lle consultaban cousas que non eran só de avogado…

E de aí sae o personaxe do avogado, supoño…

O avogado da novela non é meu pai pero parécese a el. Decidín situar, ademais, a novela, nos anos 50, e eu nacín no 56. Os tres contos que a conforman van para atrás no tempo: o 56, o 50 e o 49. Como che dicía, eu antes publicara outros libros, pero nunca escribira ficción. E dicíame Ferrín, que é amigo meu, que se me metía a escribir, tiña que facelo ben, tiña que poñer toda a miña sapiencia… E iso tentei. O primeiro conto é sobre un indiano adiñeirado e a historia está situada nas aforas da vila. Aquí hai unha trama detectivesca, que parte da crítica definiu como “"thriller rural”, supoño que porque é un xénero que se adoita ambientar na cidade. Aquí hai unha trama, un misterio…

"Eu antes publicara outros libros, pero nunca escribira ficción"

O segundo conto está situado na pura montaña, na raia, na serra de Leboreiro, onde están os dolmens, túmulos e mámoas polos que teño andado tanto de pequeno. É unha zona da que escribín moito, ademais, noutros libros. Ademais, o meu proxecto vital foi o parque do Xurés… O terceiro conto é na vila, no ambiente da posguerra. Naquelas rúas nas que todo o mundo estaba calado pero no que as casas estaban cheas de luz. Un mundo de recollemento a aparencia que eu coñecín, sobre todo, na fonda da miña avoa, que era republicana. Un lugar onde a xente se xuntaba para falar do presente e do incerto futuro…  O primeiro conto desenvólvese, ademais, no outono, o segundo na invernía, cando nace a primavera, e o terceiro no verán, co calor infernal de Ourense.

E o misterio, o crime…

Si, o misterio, o crime que altera a vida dunha pacífica comunidade galega no tempo da represión, son os que lle dan orixe á novela. Tamén unha historia de tesouros: sempre me interesou a nosa cultura, a nosa historia, a nosa arqueoloxía… Sempre me interesei por coñecer a nosa historia, que nos foi ocultada. Por iso tamén a presenza na novela das mámoas, que eu coñecera de rapaz nos meus paseos pola contorna. Era un bo lugar para situar unha historia sobre un tesouro, que está no segundo conto.

"Sempre me interesei por coñecer a nosa historia, que nos foi ocultada"

No terceiro o que hai é unha falcatruada: píntanlle o can ao alcalde no tempo da posguerra, naquel mundo pechado no que a xente se xuntaba no bodegón, coa porta arrimada, para falar do divino e do humano… Era o tempo no que conviviron os falanxistas cos vellos galeguistas, no que Celso Emilio estivo na cadea, experiencia da que nace Longa noite de pedra. No mesmo lugar onde houbera, na República, mitins das Xuventudes Galeguistas. Estiveran Castelao, Risco, Bóveda…

"Era irremediable que eu me topase comigo mesmo: coa desaparición daquel mundo da miña infancia"

Pois é unha novela feita con todos eses elementos, na que hai historias detectivescas, policiacas, tensión, acción… Ao final hai tamén un capítulo biográfico, que engarza co principio do libro. Era irremediable que eu me topase comigo mesmo: coa desaparición daquel mundo da miña infancia, no que eu coñecera aquelas figuras sobrias, enloitadas, graves, que tanto sufriran…O libro acaba comigo en compañía da miña muller e o meu fillo… E despois que, claro, a xente de Celanova recoñece na novela os ambientes dos que falo…

Supoño que si. E se cadra os personaxes…

Si, a xente tenta identificar os personaxes, pero en realidade non é así. Os personaxes son de ficción. Algún pode parecerse a alguén, pero non é ninguén en concreto. Outros poden ter anacos de varias persoas reais… Pero non é que eu metese na novela os personaxes da vila nese sentido. O avogado parécese a meu pai, pero meu pai non reaccionaría así ante feitos coma os que conto…

É a sociedade dos 50, como xa explicou. Un mundo moi estratificado: o avogado, o médico, o capitán da garda civil… Había, ademais, caseiros, un estrato que identificamos cun mundo aínda anterior… Quero dicir que hai certo retrato sociolóxico… As mulleres están nun segundo plano...

É unha sociedade da que e só coñecín os estertores porque era un neno, pero si. Meu pai era o avogado e, o día do mercado, a casa estaba chea de xente que viña consultarlle cousas. Grande parte desta xente era analfabeta: asinaba co dedo. E si, claro, había unha separación de clases tremenda. O mundo rural tiña unha luz tremenda: as aldeas estaban cheas de vida, de xente, de rapaces. Pero iso non quita que a xente malvivise, que houbese miseria.

"O mundo rural tiña unha luz tremenda: as aldeas estaban cheas de vida, de xente, de rapaces. Pero iso non quita que a xente malvivise, que houbese miseria"

E neste universo o xuíz, o comandante de posto da Garda Civil, o avogado, o notario, o rexistrador, o farmacéutico, o médico… eran as autoridades. Lembro que unha familia á que meu pai axudara con algún asunto seguía traéndolle, todos os anos e, pasados tamén moitos anos, unha caixa de zapatos con ovos atada cun cordel. E eu podo dicir orgulloso que meu pai non se fixo rico: que lle ías cobrar a xente que vivía na miseria…

Un elemento desta sociedade era o emigrante. No libro hai un indiano rico… e uns emigrantes que acaban sendo criminais. Non sei se era parte da intención, pero vexo aí certo discurso desmitificador da emigración…

Non é que fose a miña intención desmitificar pero, si, na vila había moitos emigrantes pero, contra o tópico do emigrante que volvía cunha chea de dólares e cun cochazo, a realidade é que por alí volvían só algún. E o resto? Ou non volvían, ou nunca máis se sabía deles… A imaxe do emigrante triunfador si que é, claro, un estereotipo. Si hai mitificación da emigración, que ademais tira pola xente moza á que lle contan historias sobre o ben que se vive fóra, o diñeiro que se gaña… Non se fala da cara escura da emigración.

"Non se fala da cara escura da emigración"

Outro tema do que fala o narrador é da actitude da xente coa distinción, creada polo réxime, entre vencedores e vencidos. Naquela vila os vencedores non presumían, e se algún o facía dábanlle as costas…

Pódoche dicir que era así. E Celanova é unha vila que sempre estivo orgullosa de ser un lugar pacífico, de xente ilustrada, acolledora, de bos anfitrións, nas que os vencedores da guerra non andaban alardeando e, se o facían, logo acababan calando. Era unha sociedade na que, claro, o poder tíñano as forzas vivas, pero fíxate por exemplo no personaxe do comandante de posto da Garda Civil: non é un perseguidor. E eu sei de gardas civís da vila que taparon cousas e salvaron xente. A convivencia aquí sempre foi algo moi importante. Mais non quero dicir que aquí non pasase nada na guerra: ao alcalde republicano déronlle unas malleiras que non sei como non o mataron, e deixárono na miseria. Ademais había unha prisión no mosteiro pola que pasaron moitos republicanos.

Outro aspecto que sae é a División Azul. Como se sentiron abandonados polo réxime que, nos seus cálculos políticos, primeiro os envía e despois os deixa de lado.

Que che vou contar diso. Eu son de familia republicana. Miña nai era republicana, pero meu pai foi divisionario. Teño o seu diario, as medallas, as fotos, os planos…

E el falaba diso?

Nunca. O seu diario atopeino eu no seu despacho nun caixonciño. Tiña algunhas fotos no despacho, iso si. E non era ningún fascista. Fora á División Azul con 22 anos. Coma tanta xente, que non eran nin fascistas nin nada…

Outro dos aspectos que salientou a crítica foi o tratamento da lingua: o rexistro da lingua oral…

Penso que temos que ser respectuosos coa lingua que temos, que defendemos e amamos e por iso escribimos nela. E agora temos unha norma, pero a miña primeira idea foi reflectir, na novela, a lingua que falamos aquí en Celanova. Cando a mandei a Xerais estivemos un tempo con dúbidas sobre iso… Ao final decidín que o avogado e, en xeral, a xente formada, falase en normativo. Pero o resto, despois dun tempo dándolle voltas, fala como falamos aquí. E cando me deron o premio Losada Diéguez dixeron que ese, o tratamento da lingua, era un dos valores do libro...

"Penso que temos que ser respectuosos coa lingua que temos, que defendemos e amamos e por iso escribimos nela"

Algo que pode chamar a atención tamén no libro son as descricións detalladas: dos personaxes, dos ambientes… Facíame pensar nos nosos clásicos…

É que eu son un clásico, como me di Ferrín… Por un lado podo dicirche que, claro, o libro trata unha materia moi miña. Eu fun o redactor da lei galega da paisaxe. É un tema que sempre me gustou moito. E xa escribira antes moito sobre os Ancares, o río Arnoia… Por iso é normal que haxa descricións da paisaxe, da natureza… Ademais do interese literario, é algo moi persoal, relacionado coa miña vida profesional. E, claro, si, xa que falas de clásicos, encántame Otero Pedrayo, Ánxel Fole…

Xusto: é en Otero Pedrayo en quen pensara.

Teño as súas obras nun pequeno altar no meu despacho. E logo que, a ver, a min encántame ler pero non son un home de letras. A miña formación é de ciencias. E penso que Ferrín me deu bos consellos. Cando eu lle preguntaba de onde sacaba tanto vocabulario el dicíame: “lendo, neno, lendo”. E eu son un lector voraz, pero non sei de tendencias e correntes literarias. O que si podo dicirche é que escribín porque sentía a necesidade de escribir e que, ademais, gocei moito facéndoo. Imaxinaba como reaccionarían meu pai ou miña avoa... Pero o libro é un fin en si mesmo.

Xa por último, outra cousa que comentaba na mesma entrevista na TVG da que falabamos ao principio é que non fomos capaces de conservar a herdanza que nos deixaron: nin a ambiental, nin a etnográfica, nin a toponímica… A novela tamén ten que ver con iso. A súa xénese.

É obvio que niso produciuse un fracaso estrepitoso. É un auténtico desastre que non sexamos quen que conservar a herdanza que nos deixaron os nosos antepasados. O que aconteceu aquí foi unha hecatombe. Agora traballo no tema dos incendios: que che vou dicir. Foi unha debacle tremenda. Aquí só se fixeron remendos, coas axudas da PAC, pero, cun territorio desordenado, non se buscaron solución de futuro para o rural.

"É un auténtico desastre que non sexamos quen que conservar a herdanza que nos deixaron os nosos antepasados"

Noutros países occidentais entendeuse que o 40% da poboación non podía seguir a vivir do sector primario, pero que si podían o 5% e con proxectos adaptados aos novos tempos. Aquí non se fixo nada e a consecuencia foi a perda de poboación. En Teruel ou en Cuenca si hai un campo ben traballado. E non é só o territorio, é todo o que vai con el: a etnografía, a toponimia, os contos… todo o noso patrimonio. Puxéronse remendos, pero non remedios eficaces para o rural. O primeiro sería ordenar o territorio…

Xosé Benito Reza Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.