0 Gardados para despois

O autor da pintada na estatua da Catedral de Santiago exponse a unha sanción de entre 6.000 e 150.000 euros

Redacción | @prazapublica

Unha das figuras que compoñen a fachada da Praza de Praterías Catedral de Santiago amenceu na mañá deste luns pintada de azul, cuns bigotes de gato emulando as coñecidas maquillaxes de Kiss, unha referencia que confirmaba o propio nome da banda, escrito tamén na estatua. As reaccións ao acto vandálico foron inmediatas, cualificándoo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, como "unha barbaridade" e un "atentado cultural". O alcalde de Compostela, Martiño Noriega, afirmou que Santiago "é unha cidade patrimonio da humanidade, aberta e moi tolerante, pero diante deste tipo de actuacións somos intolerantes". "Se nos tocan o patrimonio tócannos a todos e a todas", engadiu.

Pola súa banda, o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, informou de que afortunadamente a restauración do elemento afectado será relativamente doada e que a figura, do século XII, non sufrirá danos. Os traballos levaranse a cabo ao longo da tarde deste luns, empregando a técnica láser coa que se traballou no Pórtico da Gloria. O director da Fundación Catedral incidiu na importancia de "concienciar a todo o mundo da preservación do patrimonio".

"Se nos tocan o patrimonio tócannos a todos e a todas", dixo Martiño Noriega

Aínda que o dano sexa reparable, o autor ou autora deste atentado contra o patrimonio, podería recibir unha sanción económica de grande importancia. O propio Román Rodríguez adiantou que a pintada podería ser cualificada como "infracción grave", unha categoría para a que a Lei de Patrimonio Cultural de 2016 prevé multas de entre 6.000 e 150.000 euros.

A Policía está a revisar os rexistros das cámaras de vixilancia que existen na Praza de Praterías para dar cos ou coas responsables do sucedido. Martiño Noriega destacou que aínda que durante o verán existe unha maior presenza policial no casco histórico, con incremento de efectivos, "é imposible asegurar un control absoluto", polo que "é importante mandar unha mensaxe de civismo".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.