0 Gardados para despois

Liberan un documental sobre Xohán Xesús González no 82 aniversario do seu fusilamento

Redacción | @prazapublica

O 12 de setembro de 1936 foi asasinado en Compostela Xohán Xesús González, nacido en Sebil, parroquia de Cequeril (Cuntis) 41 anos antes. Na súa aldea natal exercera como peón de canteiro, para despois trasladarse a Santiago, onde foi xornalista, estudou Dereito e participou no movemento estudantil. Nacionalista e socialista, formou a Unión Socialista Galega. Tralo golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, púxose á fronte dun grupo de cincuenta obreiros de Teo, que se dirixiron cara a Compostela para defender a legalidade republicana. Detido o 20 de xullo, foi fusilado dous meses despois na tapia do cemiterio de Boisaca, xunto con varios dos seus compañeiros. 

O 12 de setembro de 1936 foi asasinado en Compostela Xohán Xesús González

Coincidindo co aniversario do seu asasinato, Quinteiro do Umia vén de publicar integramente na rede o documental O Canteiro de Sebil, estreado o pasado ano e que nos últimos meses puido verse en cidades e vilas de todo o país. Dende hoxe pode verse e descargarse libremente o filme, que percorre a vida Xohán Xesús González e debulla as súas últimas semanas, ata a súa execución. O filme conta coa participación de caras ben recoñecidas do teatro, a música, a política e a sociedade galegas. Ademais, e como un dos seus principais valores, inclúe o testemuño de veciñas e familiares do propio Xohán Xesús González.

"Dende hoxe O Canteiro de Sebil estará a disposición, libre e permanente, de quen queira visualizalo, criticalo ou disfrutalo. Poderá verse tamén en inglés, e con subtítulos. Existirá tamén a posibilidade de descargalo. Naceu para difundir a figura dun home honesto, humilde, un veciño dunha aldea galega perseguido e asasinado por combater con dignidade a barbarie do fascismo español. Estará tamén dispoñible en inglés, para que a súa difusión trascenda as nosas fronteiras a cabalo da lingua máis internacional e falada do mundo", destacan desde esta iniciativa comunicativa, que subliña que "corren tempos de lembralos, de non sometelos por máis tempo aos arrepíos do esquecemento. Corren tempos de xustiza e determinación fronte a quen teima en manter vivo o espírito dos asasinos e a humillación das vítimas".

"Corren tempos de xustiza e determinación fronte a quen teima en manter vivo o espírito dos asasinos e a humillación das vítimas"

Xosé Luís Méndez Ferrín dedicoulle en 1976 os primeiros versos de Con Pólvora e Magnolias: "En Compostela soterraron a semente/ chamada Xohán Xesús González, porta/ dun futuro suntuoso e proletario". "Hai moitas persoas que quedaron escurecidas, pola ditadura primeiro e, despois, porque se quixo destacar máis a outras figuras ou porque non había tanta información sobre elas. Xohán Xesús González é unha delas", destacaba hai uns meses Heitor Picallo, da Asociación O Fervedoiro. "Del falou moi pouca xente, exceptuando algúns dos seus íntimos, como Borobó, Luís Seoane, Arturo Cuadrado ou Francisco Fernández del Riego. Pero é moito o que se pode destacar da súa actividade, era unha persoa moi poliédrica e moi consecuente coas súas ideas", dicía coincidindo coa publicación de Verbo na Arria, un libro de homenaxe a Xohán Xesús González.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.