"Radio Océano e La Naval formaban parte do mesmo: ganas de molestar"

Concerto de Radio Océano no Garufa © Praza Pública

"Reivindicamos a chuvia e a néboa, a morriña e tristeza como fontes de inspiración" dicíalle en 1985 Xosé Manuel Pereiro a Manuel Rivas, que publicou en El País unha tribuna ("El neoatlantismo que nos invade") na que destacaba -ao fío de La Naval, de Radio Océano e doutras bandas e expresións culturais- de que "desde Galicia avanza cara o sur unha alternativa húmida á desertización cultural". Radio Océano estivo activa entre 1982 e 1987, con varias formacións e só un disco (Nin falta que fai, gravado de forma apresurada en Radio 3).

A pesar da inactividade, os himnos de punk escuro e atlántico, con referencias á reconversión naval de Radio Océano permaneceron no imaxinario colectivo e xa no ano 2010 a a banda tivo unha primeira reaparición na Sala Nasa. No 2016 editouse (a través de Pantera e Iribarne) un coidado single en vinilo que recuperaba tres temas (entre eles "Narcisismo") e que foi presentado na Nave 1839. A partir de aí o grupo foi entrando en calor con novos concertos (Noroeste 2017, Garufa...) e dedicouse a preparar con Subterfuge o lanzamento de Memorias do Óxido, un disco dobre que recupera cancións inéditas e actuacións en directo, un total de 25 temas, que foi presentado este venres na FNAC da Coruña.

"O disco representa mellor o que eramos que aquel Nin falta que fai. En primeiro lugar é máis completo, e hai directos, que sempre foi máis o noso...", explica Xosé Manuel Pereiro

"O disco representa mellor o que eramos que aquel Nin falta que fai. En primeiro lugar é máis completo, e hai directos, que sempre foi máis o noso...", explica Xosé Manuel Pereiro, xornalista, director da revista Luzes e cantante da banda. "Ademais hai que ter en conta as circunstancias nas que se fixo aquel disco: o tempo que nos deixaban no estudio era de 8 da mañá ás 3 da tarde e esas non son horas para gravar un disco de rock, sinceramente. Sobre todo porque andabamos de noche madrileña e chegamos ás doce e pico cunha resaca criminal". "Este disco é máis amplo no tempo, ademais, hai temas de todas as formacións que tivo o grupo. E mesmo hai unha gravación do ano pasado, de cando presentamos o último single nunha especie de concerto semiclandestino na Nave 1839", di.

De onde saíron estas cancións? "Estaban por todos os sitios. Algunhas arrombadas en cassettes, outras en cintas de bobina, outras estaban en gravacións de televisión que se descubriron hai nada", explica Pereiro, que destaca que "fixeron un gran traballo de remasterización, tendo en conta que non estaban as gravacións orixinais. Fixeron un traballo de limpeza bastante importante e mesmo as cancións que xa estaban en disco melloraron moito".

Ademais dos temas que xa aparecían en Nin falta que fai ("Coma o vento", "Terra Chá", "El Balcón" ou "Esto no es Hawaii nin falta que fai"), Memorias do Óxido inclúe outras referencias fundamentais, como "Narcisismo", "Reconversión", "Hombre pálido" ou "No me mola tu pistola", gravada en Vigo en 1984, con Antón Reixa nos coros. Unha parte importante dos directos proceden da actuación de Radio Océano na Aula del Centro de Drogodependencias de Ronda de Nelle en marzo de 1984. Intrahistoria coruñesa. Letras escuras pero non exentas de humor e sons que bebían sobre todo de Joy Division, Echo & The Bunnymen ou The Clash. 

"Sempre me considerei un axitador e alguén que o pasaba ben, da mesma maneira que o pasaba ben facendo revistas"

"Nunca me considerei músico, para nada", destaca Pereiro. "Sempre me considerei un axitador e alguén que o pasaba ben, da mesma maneira que o pasaba ben facendo revistas. A música era algo co que o pasabamos ben, pero que ao mesmo tempo nos permitía facer un certo activismo. Respirabamos música, porque a música formaba parte do osíxeno daquela época. Despois chegou este rollo latino e deixei de respirar", di. "Isto, La Naval e outras cousas formaban todo parte do mesmo: ganas de molestar", conclúe.

"Seguiremos mentres nos divirtamos sobre o escenario", anuncia Pereiro, que comenta que teñen xa media ducia de temas novos, que foron xurdindo nos ensaios ("é moi aburrido tocar sempre o mesmo", di). Uns ensaios nos que apareceron mesmo cancións vellas: “Coño, esta é aquela que se chamaba 'Vosotros no sois nosotros'”, conta Pereiro que sucedeu un día.

"A nós contaxiounos moito o entusiasmo de Carlos Galán, que mesmo se emocionou de vir a un ensaio. Pasar de que non che fagan caso a que a discográfica considere un honor ir a un ensaio teu, é algo interesante"

Foi Carlos Galán, director de Subterfuge quen teimou en publicar este álbum. "Non daba crédito ante tanta marabilla, rabia contida, instrumentación personalísima e unhas letras moi por riba da media. Compartino con moitos amigos que tampouco os coñecían e que tamén alucinaron, ata que un día decidín que tiña que desempoar a pa profanadora e facer algo realmente útil polo planeta: reivindicar a berros a Radio Océano", conta no libreto do disco. Pereiro comenta que "a nós contaxiounos moito o entusiasmo de Carlos Galán, que mesmo se emocionou de vir a un ensaio. Pasar de que non che fagan caso a que a discográfica considere un honor ir a un ensaio teu, é algo interesante".

Radio Océano, é certo, non encheu portadas nos 80 e non figura nos lugares protagonistas do imaxinario da Movida que se conformou nas décadas seguintes. "Nós eramos periferia da periferia", destaca Pereiro. "Pero é certo que sempre tivemos unha relación moi periférica co que era o negocio. Diciámoslles ás discográficas que nós non queríamos ser famosos. Cousas de adolescentes, aínda que nós non eramos adolescentes", di.

"En España non había tradición de rock e cando a atención dos medios deixou de estar aquí pois decaeu todo"

Daquel vizoso panorama musical da Coruña nos anos 80 tampouco continuaron outras bandas, como Viuda Gómez e Hijos ou os (algo posteriores) Eskizos. "O que explica que a cousa se disolvese rapidamente é que non había estruturas para os grupos de rock. Esa falta de rede suplírona nun primeiro momento os concellos e os seus macroconcertos e cando iso caeu, non había onde tocar. Non é que hoxe haxa moitos sitios onde tocar, pero hai máis opcións", opina Pereiro. "En España non había tradición de rock e cando a atención dos medios deixou de estar aquí, e por exemplo deixou de existir La Edad de Oro e na radio tamén remataron os programas dedicados a isto, pois decaeu todo. Despois chegou o rollo latino e o que non era latino fíxose, como Gabinete", resume.

Actuación de Radio Océano © Praza Pública
Concerto de Radio Océano na Praza das Bárbaras © Praza Pública
Unha das formacións de Radio Océano, nos 80 © Praza Pública
Portada de 'Memorias do Óxido' © Subterfuge

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.