Braga homenaxea o Outono Fotográfico trala súa desaparición pola falta de apoio do Concello de Ourense

A mostra 'Outono Fotográfico 1983-2017' pode verse no Mosteiro de Tibães © Outono Fotográfico

O pasado mes de xullo coñeceuse que o Outono Fotográfico non se celebraría este ano. Despois de 35 anos de historia, a mostra fotográfica máis importante de Galicia desaparecía por culpa dos incumprimentos e a falta de apoio do Concello de Ourense. Polo Outono Fotográfico pasaran un total de 6.093 fotógrafas e fotógrafos e organizáronse 2.035 exposicións. Tras nacer en 1983 a mostra crecera ano a ano, converténdose nun referente en toda Galicia e traspasando as fronteiras da cidade, con exposicións en 30 urbes e vilas de todo o país, e tamén en Barcelona, Chaves ou Porto. Aínda o pasado ano 2017, a pesar dos atrancos que xa estaba a atopar por parte do Goberno local de Ourense, o Outono organizou 85 exposicións, 35 na cidade das Burgas e o resto en 22 localidade de Galicia e Portugal.

A pesar de que o certame ourensán xa dixo adeus, a súa sona e o traballo feito nas últimas décadas manteñen o seu nome no panorama cultural. O evento Encontros da Imagem de Braga dedicaralle a partir da vindeira semana unha mostra retrospectiva ao Outono. Outono Fotográfico 1983 – 2017 poderá verse no Mosteiro de Tibães da cidade lusa desde este domingo día 23 ata o 28 de outubro.

"Era necesaria esta exposición para visualizar a dimensión do traballo feito. 35 anos de historia interrompidos de forma unilateral, opaca e desleal polo goberno local de Ourense"

A mostra, coordinada por Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves, que se unen por primeira vez nunha mesma curadoría, fai un repaso a través da gráfica cos carteis dos 35 anos, os programas, os catálogos editados así como libros da colección OF, ou pezas escultóricas do propio X. L. Vázquez expostas por primeira vez e que foron protagonistas da imaxe de cada ano. A mostra complétase coa mediametraxe MakinOF, un muro-memoria cos nomes dos 1.286 autores e autoras que teñen fotografías editadas nos catálogos entre 1983 e 2016 (o catálogo de 2017 está sen editar por mor incumprimento do Concello de Ourense) e mesmo algunhas das lonas empregadas en edificios e museos de Ourense.

"Era necesaria esta exposición para visualizar a dimensión do traballo feito e para rendir homenaxe ás autoras e autores, ás entidades colaboradoras e patrocinadoras, a Benito Losada e á equipa do festival; 35 anos de historia interrompidos de forma unilateral, opaca e desleal polo goberno local de Ourense que incumpriu os seus compromisos orzamentados co festival", destaca Xosé Lois Vázquez, ex-director do Outono Fotográfico. "Non deixa de ser paradoxal como no estranxeiro valoran moito máis o Outono Fotográfico que o propio Concello de Ourense", comenta Vítor Nieves, que engade que "outros festivais e institucións contactáronnos para poder levar a memoria do OF porque a vergoña causada polo alcalde de Ourense trascende á cidade".

Mentres, Carlos Fontes, director dos Encontros da Imagem, subliña que "é o momento de recoñecer o traballo feito en prol da fotografía polo Outono Fotográfico, un traballo para a Galiza pero con resonancia internacional". Fontes conclúe que "o Outono Fotográfico non pode desaparecer, é un modelo de lonxevidade e de boas prácticas, sería unha perda irreparábel". En conversa con Praza Xosé Lois Vázquez destacaba que "noutras cidades, con outros gobernos, isto non pasaría e o festival mesmo sería potenciado internacionalmente".

Carlos Fontes, director dos Encontros da Imagem, subliña que "é o momento de recoñecer o traballo feito en prol da fotografía polo Outono Fotográfico, un traballo para a Galiza pero con resonancia internacional"

Encontros da Imagem amosará así mesmo outras tres exposicións que o Outono Fotográfico ía programar en espazos galegos e que ao non poder celebrarse só  se poderán ver en Braga, como é o caso das exposicións de Tamara Wassaf e o último Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Tamén se poderá visitar unha grande exposición colectiva de 14 autoras e autores galegos que, curados por Xosé Lois Vázquez, traballaron baixo a premisa das Ocultacións e Inexistencias.

 

A mostra 'Outono Fotográfico 1983-2017' pode verse no Mosteiro de Tibães, en Braga © Outono Fotográfico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.